De símbolos e dereitos


Ao que xa vimos, a Feijoo, ao españolismo todo, a consideración de Galiza como nación -mesmo que tiver un carácter puramente simbólico e sen eficacia xurídica- resúltalle inasumíbel e altamente perigoso. De aí a súa negativa a incorporalo a un novo texto estatutario e de aí tamén todo o afán de deconstrución nacional que ten mostrado o PP desde que asumiu o goberno galego, trátese da lingua, da cultura, das seleccións deportivas ou, pura e simplemente, da negación da nosa identidade. Non se nos escapa -tampouco ao Partido Popular- a importancia política dos símbolos, o seu enorme potencial identificador e integrador. De aí que a confrontación ideolóxica entre nacionalismo e españolismo, mesmo entre a visión dun Estado plurinacional e a concepción do Estado-nación se dirima tamén no plano simbólico.

Cando nunha nación oprimida falamos dos símbolos chega logo a descualificación pexorativa, asociándoos de contado a un comportamento irracional e á necesidade de 'inventar' elemento lexitimadores da causa nacional. Porén, os símbolos atopan acomodo sen excepción nas constitucións dos estados soberanos e son vistos aí con absoluta naturalidade. A dobre vara de medir é evidente. Pensemos por exemplo na enorme polémica que se xerou arredor do "mandil identitario" das galescolas, que o PP e os medios afíns utilizaron como pretexto para acusar o nacionalismo de pretender "adoutrinar" os nosos rapaces. Nada a ver co entusiasmo "patriótico" co que participaron no seu día da polémica sobre o uso do ñ nos códigos informáticos internacionais, a normalidade coa que se abordou a pretensión de dotar de letra ao himno español ou o uso propagandístico que o poder e os medios fan acotío da bandeira española arredor da selección de fútbol.

Neste último caso, cómpre recoñecer que se trata dun recurso españolizador tremendamente eficaz, dado que á función identificadora do símbolo se une o poder altamente integrador do deporte, nomeadamente do fútbol. É evidente que isto mesmo tiña en mente o PP cando das primeiras medidas que adoptou, nada máis recuperar o goberno, foi eliminar a selección galega de fútbol, que iría cumprir, efectivamente, unha función integradora e identificadora, mais en relación á Galiza.

É claro que o Estado español emprega os símbolos estatais consagrados constitucionalmente como recurso asimilacionista no seu afán por eliminar a identidade e a consciencia das nacións que o conforman. Medios non lle faltan, desde logo contan cos xurídico-políticos e mesmo coercitivos. A comezar pola atribución exclusiva da condición de nación, "indivisible" e xa que logo, a negación das demais. Precisamente por iso, as nacións oprimidas como a nosa precisan de afirmarse día a día, tamén a través dos símbolos que lle son propios e que deben ser vistos como expresivos da consciencia da nosa identidade, mais tamén do proxecto político que Galiza precisa para vivir en liberdade.

Aliás, a importancia dos símbolos radica tamén na capacidade de despertar sentimentos de orgullo e solidariedade nacionais, dos que estamos tan necesitados. E mesmo na virtualidade de ir máis alá e transformar a significación en acción. É dicir, na medida en que en calquera movemento político existe unha estreita relación entre o racional e o emocional, os símbolos posúen así mesmo unha enorme potencialidade mobilizadora. Neste sentido, o simbólico é real.

Isto vale tamén para as relacións institucionais. E nisto é xustamente no que con acerto está a insistir o BNG cando afirma que da asunción política e institucional de Galiza como nación "decorren consecuencias de carácter material", especialmente se houber en paralelo un goberno con vontade e determinación para facer valer esa condición nunha relación de bilateralidade co estado. Non é ese o caso de Feixóo, aplicado servidor do españolismo asimilista, aínda a custa de degradar a súa presidencia até preferir ser cola de león a cabeza de rato. Nin falarmos de aspirar a ser cabeza de león.

A preocupación de Feixóo é a mesma do Tribunal Constitucional, a mesma da reacción españolista: que da afirmación das nacións do estado acaben por se derivar inevitabelmente consecuencias políticas no plano dos dereitos colectivos, como sempre defendeu o nacionalismo. Como afirmou a UPG no primeiro dos 10 puntos fundacionais: "Galiza é unha nación e polo tanto ten dereito á autodeterminación". Ou como ben deixou escrito Castelao: Galiza é unha nación e, por conseguinte, ten dereito a federarse con outros povos iguais a ela; e non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para viver con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico e antiliberal.

Neste ambiente, no que se mesturan a intervención antidemocrática do Tribunal Constitucional coa omnipresenza da "roja (y gualda)", Galiza precisa máis que nunca de exhibir desacomplexada a súa identidade e os seus símbolos como a mellor maneira de contrarrestar a vaga españolizadora e presentarse no mundo con vontade de futuro. Nesta liña, actuacións simples como estendermos socialmente o nome propio do País, Galiza; cantarmos e divulgarmos o himno íntegro e coa súa letra orixinal; socializarmos o uso dunha bandeira que "foi e debe ser símbolo de paz e liberdade" como deixou dito Castelao, son non só lexítimas, mais absolutamente necesarias.

Pero temos tamén outros símbolos. Persoas de traxectoria exemplar poden alcanzar unha evidente dimensión simbólica, ben que neste caso cumpra ir máis alá do símbolo para dar a coñecer aos nosos connacionais a súa obra e a súa auténtica significación. Hoxe, que estamos precisamente a traballar para rescatar a Rosalía de Castro e Daniel Castelao do isolamento forzado en que os ten o poder (e non só do secuestro de Bonaval) véñennos á cabeza as fermosas palabras coas que Castelao non só recoñece a un patriota e amigo, senón que se amosa plenamente consciente do papel mobilizador de conciencias dos grandes símbolos: Bóveda terá de ser nun mañá próximo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención.