De retórica austera e falsa moralidade contra o noitebús
Hai decisións políticas dificilmente explicábeis senón é baixo a análise da existencia de moitos intereses e da ausencia de pudor. Hai 4 anos que o anterior goberno puxo en marcha o programa de transporte público nocturno a lugares de lecer, coñecido como Noitebús, co obxectivo de favorecer a mobilidade nocturna da xente nova na procura da diminución dos accidentes de tráfico. "A posta en funcionamento de servizos nocturnos nas zonas de movida" tal e como recollía o programa electoral do BNG na eleccións de 2005 arrancou sendo unha experiencia piloto no ano 2006. Durante os seguintes anos, froito da súa crecente demanda foi aumentando en cobertura, duración e frecuencia no territorio galego, verificándose como unha medida necesaria e útil. Nunha nación como a nosa eminentemente rural, co noso nivel de dispersión de poboación, o Noitebús rebelouse como un avanzo á hora de solucionar moitos problemas de desprazamento da xente nova de parroquias, vilas e cidades, que non dispón de recursos económicos suficientes ou de vehículo propio, proporcionando ao mesmo tempo seguranza tanto as/os usuarias/os como ás súas familias.
Mais dende hai varias semanas estamos a asistir a unha campaña orquestrada por parte do PP para xustificar como sexa a súa supresión. Atrás quedaron os tempos de oposición, onde se falaba por parte das mocidades do PP, da actual presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, ou do Superdelegado da Coruña, Diego Calvo, das bondades deste servizo e incluso se solicitaba dotalo de máis e mellor cobertura. Mais recentes, e xa no goberno, son as declaracións a respecto da "satisfacción polos resultados desta iniciativa" ou o "éxito" con que a propia Consellaría, que agora o suprime, avaliaba o servizo, o 7 de agosto deste ano. En pouco máis dun mes dende esa declaración, onde se comprometían a consolidalo (e xa estabamos en crise), o goberno do señor Feixóo sempre tan atento e empeñado en gobernar escoitando a xente acordou rematar con este servizo público utilizado por case 400.000 persoas. As afirmacións da Dirección Xeral de Tráfico sobre "a necesidade da súa continuidade", xa que este servizo público tiña demostrada a súa "eficacia" e "contribuíu a eliminar vítimas" e a "concienciar" a xente nova, non provocaron a rectificación do Sr Feixóo. "Como é posíbel que se recorten inversións nun servizo que beneficia, que salva vidas?" preguntou a Presidenta da asociación Stop accidentes de Galiza. Pois ben fácil, velaí a receita: un pouco de criminalización da xente nova, algo do conto da austeridade, moita demagoxia e ningunha sensibilidade. Ao mesmo tempo tamén é necesario que varios detractores do Noitebús calados ata a data, lancen soflamas nos xornais para que á sociedade lle pareza un disparate ter servizos para que a mocidade galega desfrutemos do noso dereito ao lecer. Por certo, que ninguén pense que esta palabra ten diferentes xeitos de se concretar, porque coller o Noitebús para ir ao cine, a cear, a unha obra teatral, a noites alternativas ou ás festas da vila non é "lecer". Ben o sabe Feixóo que testou isto mesmo na Festa do Albariño en Cambados ou no xoves de Comadres do Entroido en Verín.
A todo isto, sumarémoslle unha retórica austera. O custe do mantemento do Noitebús ao ano é de 4,5 millóns de €, e representa o 0,5% do presuposto da Consellaría, que posto ao lado do sobrecuste de 400 millóns a repartir en 20 anos para financiar o hospital de Vigo ou de sobrecuste de 395 millóns na autovía Carballo-Berdoias, non parece ser o problema dos presupostos da Xunta para 2011, nin dos "gastos adicionais" dos que fala o Sr Feixóo cando se refire ao Noitebús. O crecemento constante de usuarios do Noitebús a diferenza do resto de transportes colectivos, xustifícase en parte por ter un billete de moi baixo custo e pola cobertura en boa parte de Galiza. A retirada da subvención, malia que a Xunta se esforce en dicir o contrario, significa acabar co servizo pois remátase coa financiación e supervisión por parte do Goberno Galego para deixalo en mans de empresas privadas.
Mais o máis chamativo de todo este proceso de eliminación dun servizo público importante para a mocidade, é a descualificación que se fai da xente nova por parte daqueles que afirman defender as mozas e mozos. Son os mesmos aos que non lles preocupa escribir que "non se van subvencionar autocares nocturnos para que os menores vaian de botellón" aínda que non sexa certo (por certo fenómeno que non estaban dispostos a que se criminalízase nin se prohibise na anterior lexislatura). As/os que acreditamos en que para falar deste tema é preciso fuxir de tanto prexuízo reducionista e fóra da realidade, seguiremos a defender desacomplexadamente a utilidade para a xente nova dun servizo de trasporte público nocturno que precisa de melloras, de impulso mais non da súa supresión. Sobran os motivos. Por seguridade, por economía, por igualdade, por ecoloxía... de Noite Noitebús!