¿De que Europa falan?
Por fin caeulles o embozo. Viñeron ao proxecto nacionalista non para apoialo, fortalecelo, senón para impulsar un cambio no modelo político e ideolóxico, resucitando experiencias xa fracasadas cando o mesmo se intentou desde fóra. Non son elucubracións miñas. Son os argumentos que os avanzados da deserción van ciscando, pinga a pinga, nos medios de comunicación. Todos eles -os argumentos- son da prole ideolóxica dos que aínda non escarmentaron co anterior fracaso, visto o pouco éxito que tiveron coa súa domesticación. Ao sistema sóbranlle cans con pedigree, sen que teña necesidade de experimentar cunha nova caste de caniches. Non fomos nós quen saímos á repesca de nacionalistas descarreirados. Atopámolos á porta, molladiños, retorcendo a pucha entre as mans, suplicando sentarse á nosa mesa, pedindo traballo no barco da fronte, pois non tiñan xa caladoiros onde faenar. Non houbo pactos. Non podía habelos. Só asunción duns princípios aprobados polas bases do nacionalismo en 1982. Unha e outra vez repetiron: credo, credo, credo. Descoñecemos o significado destas palabras que a lenda puxo na boca da cabeza degolada de Pardo de Cela. Supoño que lle servirían ao Mariscal para recuperar no outro mundo o que neste acababa de perder. A eles valéronlles de visado para conseguir entre os militantes da fronte os apoios que o pobo lles negaba. A cabra tira para o monte, e alí topenea sempre no mesmo cisma. Pensaban que non era culpa da súa estratexia o feito de que as masas lle virasen as costas. Era na roupa onde estaba o feitizo. Por iso lucían en cada proceso un modelo de siglas diferentes na pasarela electoral. Nin por esas. De sigla en sigla foron caendo no anonimato final. A meu ver, o erro está en aplicar na colonia fórmulas propias dun país normalizado. Nacións diferentes esixen tratamentos diferentes. Negar ese axioma é negar o carácter nacional do noso país.
Era a finais do mes de outubro. No hemisferio sur a primavera comezaba a espreguizarse do letargo invernal. En Punta del Este, a vila turística do Uruguay, os chalés peiteaban xa un céspede verde nos xardíns. A cidade dispúñase a darlle a benvida aos podentes americanos, nomeadamente arxentinos, que todos os veráns van mollarse nas augas do Atlántico, antes de que este se maride co Pacífico na Antártida. Un graffiti irreverente profanaba a pulcritude dunha suntuosa mansión, con fontanaría de ouro segundo os informantes. A inscrición abriu unha rolda de comentarios entre os ocupantes do microbús que nos trasladou desde Montevideo. Eu fiquei co condutor, e os demais escolleron deambular, cachear chintófanos nos postos de venda, degustar a vila coa mirada parva de todos os turistas. Era un home de bo siso e singular sabenza, dotado da cordialidade característica dos hispanos de Latinoamérica. Non sei de onde sacaron tal virtude, tendo en conta o toxo que os sementou alí. Falamos de política. Da deles e da nosa. Laiámonos da hipocresía dos chamados progresistas e que queren deixar as cousas como están. Por Suramérica a palabra revolución, proscrita no vocabulario da esquerda do vello continente, goza de prestixio e campa na boca de calquera político que se precie. Eses hipócritas sempre atopan argumentos para ocultar a súa covardía e lexitimar o rumbo que o sistema nos impón. "Iso é -sentenciou o condutor- se te van violar , reláxate e goza". ¿Por que o proverbio me devolveu á Terra de súpeto e acendeu na miña mente unha verdadeira lumarada? Desde entón serviume como fórmula para resolver problemas políticos do país.
Pois comecemos por Europa, xa que de violacións se trata. A Europa lasciva, algo pendón e filla de Axenor. A que fuxiu con Zeus, montada no seu carrelo, e xaceu con el na illa de Creta. Un escudo continental que se quere erixir en mito, que conta con máis de sesenta linguas, tres grupos idiomáticos e varias relixións. Un continente no que se come carne crúa polo norte e ben asadiña polo sur mediterráneo. Tampouco conta cunha xeografía que poida servir de elemento aglutinador. América do Sur ten nos Andes unha espiña dorsal vertebradora. O espiñazo andino é un talo de boa cerna do que arrincan as distintas pólas nacionais. Aquí, nin nos Alpes nin os Pirineos entrañan razóns xeográficas para avalar un proxecto unificador. Cando algún iluminado (chamémoslle Aznar) quixo aportar elementos culturais vertebradores ríronse del inclusive dentro da familia que representa. ¿Non existen? Claro que si, pero disto xa falaremos. Irlanda emigrou por mor das malas colleitas de patacas. Europa uníuse para vender as patacas que lle sobraban. Mira por onde, os empoleirados ideais europeístas reducidos a simples intereses pataqueiros, e que están mandando á pataqueira ás economías da periferia. En pouco tempo os pataqueiros europeos trocaron as agras de millo e de centeo de Galiza en cubil de porcos bravos. ¿Non teñen ollos para velo os sesudos analistas políticos do adverbio de cantidade?
Parece que non. Dan por boa a violación só polo pracer do orgasmo que produce. Inxenuos barqueiros que se deixan arrastrar pola corrente que os vai precipitar na cachoeira. O importante é non molestar, lema dos acomplexados e covardes. Eu louvaría a súa teima suicida se non tentasen levar con ela o nacionalismo que loita por salvarse remando curso arriba, sacrificando os principios nos que se fundamenta. Para ilustrarnos, espiguemos algunhas ideas substanciosas. "Galiza, célula de universalidade, debe ser un suxeito activo na construción de Europa". Queda claro que o universo naceu no Pico Sacro. ¿Que se quere insinuar con isto? ¿Devolvela ao curral paterno, despois do fracasado intento dos irmáns Fénix, Cílis e Cadmo por recuperala e restaurarlle a virxinidade perdida no tálamo de Zeus? Coido que non. Aínda que mitómanos, non están polas clásicas senón polas modernas mitoloxías. Aclaran que se trata da "costrución política, social e cultural". Curiosamente, por ningures aparece a economía, despois de que Europa nos cortase o leite das vacas rubias, cuberto dunha tona que fartaba con só mirala. Dame o corpo, polo demais, que non tardará en roubarnos a patente exclusiva da roda de afiar. E madia levamos se nos deixa o sorriso do humor, que nos permitiu aturar durante séculos moreas de tiranías.
Disque Babia -eu non sei- ven caendo moi pertiño da nosa fronteira coa Iberia mesetaria, en terra maragata. Non é extraño, xa que logo, que para alá se fosen algúns políticos de por aquí, os que presumen de levar no ADN unha célula de "universalidade". Atoparon en Babia o primeiro chanzo na súa carreira cara Europa. E como en Babia continuan, esqueceron que desde o Tratado de Roma á cimeira de Maastricht o único idioma que se falou na Unión Europea foi o do diñeiro. Alimentada desde a infancia co biberón da economía de mercado, o que en principio se chamou Mercado Común rematou sendo un verdadeiro mercado negro. Falemos así, con claridade, pondo o debate onde está situada a cuestión, e poderemos entendernos e inclusive chegar a acordos. Idealizar vulgares intereses económicos, dándolles o rango de vocación espiritual dun pobo, é fuxir pola tanxente e tomar por mentalmente deficiente á sociedade á que a mensaxe se dirixe. Se cadra, facendo xogos malabares con argumentos económicos de peso, quizais logredes convencer a alguén. Desta maneira nunca.
Esta é a Europa que existe. A dos cartos. Non hai outra. A Europa "democrática" que pondera o voto polo PIB. Estupidez é pensar que nela pode estar a superación do Estado Español que nos oprime. Como a representación galega no Parlamento de Estrasburgo estaba en Babia, non se decatou do compromiso comunitario de manter a integridade dos Estados que compoñen a Unión. Cousa lóxica. Eles son os missi dominici, os emisarios reais que no imperio carolinxio tiñan, entre outras funcións, a de recadar os tributos esixidos aos vencidos pola Dieta de Padeborn. Por certo, en Carlomagno naceu o primeiro intento unificador de Europa. O proxecto do emperador tamén estaba inspirado no altruísta ideal dos trabucos. Tras el viñeron outros. A ofensiva napoleónica -din os historiadores- non estaba guiada por intereses económicos, senón que tiña como obxectivo curar unha vella doenza estomacal do xeneral corso. O plan bélico de Hitler parece máis loábel, pois visaba depurar a especie humana de inmundicias. Salvo as honrosas excepcións de Hitler e Napoleón, sempre foi a economía a que cravuñou a espada e cargou o fusil dos conquistadores. Pero, nunca faltaron crédulos e ilusos. É unha desgraza dos oprimidos confundir invasores con libertadores. A colonización española atopou un grande aliado no Montezuma que meteu a súa filla no leito de Hernán Cortés.
Recomendo finalmente, para a mellor interpretación deste artigo, a lectura das profundas análises que sobre a materia circulan entre grupos nacionalistas.