DE NOVO NA RÚA

En 2020 non foi posíbel, estábamos nun momento duro nos primeiros meses da pandemia, e a mobilización do 1º de maio fixémola desde fiestras e varandas, con sentido da responsabilidade para non agravar aínda máis a situación sanitaria, pero ao tempo denunciando que mentres se impedían as mobilizacións reivindicativas da clase traballadora argumentando razóns de saúde pública, as autoridades miraban cara outro lado diante de escenas de transporte público ateigado, ou de fábricas nas que non se cumprían as normas de distanciamento e prevención.
Pasou un ano e saímos á rúa a manifestarnos, como traballadores e traballadoras a conmemorar o 1 de maio, e saímos á rúa a reivindicar unha saída galega xusta fronte á crise, pois somos moi conscientes de que despois da situación de alerta sanitaria na que levamos máis dun ano chegará unha grave crise da que se empezan a ver os primeiros gromos, e o que se vai vendo dinos que ou nos movemos ou de novo serán a clase traballadora e o conxunto das clases populares quen apanden coas consecuencias.
A manifestación, as manifestacións, deste 1º de maio contaron con importante participación pero foron menos concorridas que en anos anteriores; o medo a un posíbel contaxio loxicamente pode ser unha das razóns para esa diminución de asistencia, pero vendo as terrazas cheas de xente nesa mesma mañá non creo que teña sido a razón fundamental.
Da covid-19 e dos seus efectos a cada pouco coñecemos novas secuelas, e hai un par delas que se manifestan con moita virulencia, son o “auto-confinamento” e o “podía ser peor”; ambas teñen infectado xa a grande parte da sociedade, levándoa cara un maior individualismo.
Observamos as imaxes de como están na India ao tempo que se nos di que no estado español xa só morren 150 persoas diarias e iniciamos a desescalada final co remate do estado de alarma. Lemos que Galiza ten unha situación sanitaria moito mellor e a propaganda lévanos a pensar que afortunadamente Feijoo non é Ayuso. Oímos que na banca, con importantes beneficios en 2020, van despedir milleiros de traballadores e traballadoras pero pensamos que non vai connosco ao termos a sorte de estar nun ERTE e crer que en breve volveremos á vella normalidade. Todo iso fainos concluír que pasou un ano e afortunadamente nós libramos. É posíbel incluso que levemos meses aforrando un par de horas de viaxes ao día grazas ao tele-traballo, ou que teñamos menos alumnado debido ás distancias establecidas no centro, e á sorte de non dar aulas á tarde como o profesorado do concello do lado.
,
Son exemplos de situacións reais que poden levar a algunhas persoas a situarse no podía ser peor ou a pensar que todo foi un mal soño do que empezamos a espertar. Ademais os medios de comunicación e os gobernantes banalizan a situación, trasladando a idea de que a volta á normalidade é poder tomar un viño nunha terraza ou cear até tarde nun restaurante.
Oxalá nun ano poidamos ver a luz en canto á covid-19 e empecemos a convivir con ela como coa gripe, controlando os efectos máis graves para a nosa saúde. Pero as consecuencias laborais e sociais da pandemia hai intención de que veñan para quedar, a menos que actuemos como dique de contención na defensa duns dereitos que non foron agasallo senón conquista. Dereitos que non se defenden cos aplausos das oito da tarde, aplausos que curiosamente desapareceron tan de súpeto como chegaran.
Nunhas semanas, ou como moito nun par de meses, iremos sabendo das esixencias da Unión Europea, dado que a UE nunca agasalla, senón que cobra intereses por cada euro que concede, intereses en forma de reformas, casualmente sempre lesivas para as clases populares. A primeiras propostas están xa enriba da mesa: establecer a voluntariedade para ampliar a idade na que te xubiles, ampliar a toda a vida laboral o período de cómputo para calcular a pensión, establecemento de peaxe nas autovías, medidas fiscais regresivas para as clases populares.
Fronte a isto non caben nin o “auto-confinamento” nin o “podía ser peor”; ambas posturas levan aparelladas perdas de dereitos, degradación das condicións de vida e aumento das desigualdades.
As persoas que temos consciencia desa negra perspectiva de futuro, somos moitos e moitas como se veu o 1º de maio nas rúas de Galiza; pero non somos suficientes, e temos por diante un intenso traballo, precisamos con urxencia convencer ao resto de que ou se levantan e botan a andar ou cando se decaten retiraranlles a cadeira e caerán ao chan. A degradación nas condicións de vida vai afectar á maioría social, quen sempre teñen beneficios nestes tempos de pandemia vemos que non están a ter perdas, pola contra, empregan a actual situación para apertar máis ás clases populares e obter aínda maior lucro da desgracia.
Non serven nin o conformismo nin pensar en que estamos nun ma soño do que espertaremos. Hai alternativa, pero precisa que asumamos como propios os tres conceptos que ao longo da historia fixeron avanzar o mundo, orgullo, esforzo e solidariedade.
Orgullo do que somos, no noso caso galegos e galegas, con un país rico en recursos naturais e con xente traballadora, que ten resistido moitos embates no pasado e que hoxe aínda envellecido e desgastado está en pé.
Esforzo para superar as adversidades, e non deixarse levar polos cantos de serea. As cousas importantes conseguíronse sempre esforzándose e cando alguén ve o resultado do seu esforzo valórao e deféndeo.
Solidariedade cos colectivos e persoas que neste momento están a ser máis golpeados, dado que se sofren unha derrota definitiva, a seguinte peza a abater seremos nós.