De migracións, corrupcións e falla de cultura pactista.

Un ano máis veño de pasar cunha miña filla o primeiro de maio. Adoptei este xa costume desde que Alemaña lle permitiu exercer alí a profesión para a que este país chamado España a formou. Como tantos outros milleiros de mozas e mozos, pode ela exercer e vivir do seu oficio, ao tempo que o país centroeuropeo se beneficia sen ter adiantado un euro. Ao longo dos séculos, España nunca foi quen de manter a totalidade dos seus habitantes. O mercado laboral sempre deixou fóra dous ou tres millóns que procuraban a vida entre os muros dos conventos, na diáspora americana ou nas guerras europeas. O problema da emigración en Galicia é un fenómeno ben coñecido e sufrido por todos. Xa no século XVI, moitos galegos emigraron a terras granadinas; na segunda metade do XVII, segundo Rosa María González, saíron de Galicia o 4% dos fillos vivos mencionados nas mandas testamentarias e, no XVIII, esta porcentaxe superou o 10%, e así poderiamos seguir polo XIX, o XX e ata hoxe. Isto non se debe a un mal fado que nos condene a deixar a terra ao estilo de xudeus ou holandeses errantes, nin moito menos a que sexamos celtas con ansias de emigrar incorporadas, como se ten escrito. Non, todos sabemos que se ata “as sardiñas volverían, se os gobernos quixesen”, que dixo Castelao, os galegos non emigrariamos, se os gobernos fixesen ben o seu traballo.
Berlín segue a ser fermosa, malia estar toda ela levantada en obras, o que ocasiona, agás no fantástico pulmón vexetal do Tiergarten, cheiros de sumidoiros e encadres artísticos obstaculizados. No Neues Museum, o rostro de Nefertiti segue a conservar a súa serena e delicada fermosura, no Museo de Pérgamo, ao Altar de Zeus aínda lle quedan uns anos na UCI, nas augas mansas do Spree, os barcos pintaban ronseis, mentres, na Staatsoper, era unha festa auditiva e visual a “Frauta Máxica” de Mozart e, na contemporánea beleza do Sony Center, o tradicional xeonllo de porco estaba no seu punto de asado. Fronte ao Reichstag, un inesperado encontro cun falador grupo de rapazas e rapaces do instituto de Cee, acompañados dos seus profesores, fixo que, unha vez máis, experimentase que a patria, como cantara Maragall, está alí onde a nosa lingua resoa.
Despois de cinco días fóra e de moitas horas de demora nos aeroportos de Berlín e Barcelona, cheguei orfo e ávido de novas sobre o acontecido nestas latitudes. Non me sorprendeu que a primeira cousa que escoitei na radio fose que un tal Rus, do PP, disque contaba cartos dentro dun coche; despois oín a Mariano, o presidente, dicir que os do PP “somos como somos”. Non vou ser eu quen llo discuta e hai xa moi ben anos que, na sala de profesores dun instituto, dixen que ese partido era unha asociación de malfeitores para delinquir. Alguén me advertiu que tal afirmación era excesiva, gratuíta e que me podería causar problemas. Hoxe, son os xuíces os que non dan feito a imputar membros da cúpula, alcaldes, tesoureiros, afiliados, familiares e “amigos da alma” e, se non van alá máis é porque, como alguén dixo, o dereito matou a xustiza.
Na TV atopei á presidenta en funcións de Andalucía cunha cara moi diferente á da noite das eleccións e dos días sucesivos. Souben logo que a causa estaba na dificultade que ten para xuntar non os apoios positivos, senón as abstencións suficientes que lle permitan acceder á presidencia efectiva. Quen, tacticamente, rompeu o pacto con IU e adiantou as eleccións, matinando fortalecer a súa presidencia, ten agora que mendigar apoios de xeito vergoñento, tentando non se ver obrigada estatutariamente a convocar novos comicios e, moi posiblemente, pensando cada pouco o que aconteceu na pasada experiencia madrileña.
Ás veces cómpre lembrar algúns conceptos fundamentais que os políticos en exercicio son moi dados a mesturar e a remexer de tal xeito que chegan a semellar sinónimos. Non é preciso botar man dos seis tomos, que teño diante dos ollos, da Historia de la Teoría Política de Fernando Vallespín. En poucas e sinxelas palabras, aínda que a simplificación nos achegue perigosamente á simpleza, podemos distinguir entre ideoloxía, estratexia e táctica. Se a ideoloxía, como conxunto de ideas, é a base para a praxe política, a que ten que marcar os obxectivos, a que fai que os nacionalistas teñamos como meta a liberación nacional de Galicia e que algúns loitemos porque esta liberación se produza nas antípodas do sistema capitalista, a estratexia e a táctica constitúen o camiño, o método, o proceso necesario para a súa consecución. Estratexia e táctica son termos militares ben definidos. O primeiro é a arte ou a técnica de dirixir operacións bélicas e, por extensión, no caso que agora nos ocupa, políticas. A táctica é a maneira de conseguir o obxectivo deseñado pola estratexia.
Aplicando isto á política, podo dicir que hai partidos e coalicións con ideoloxía clara, caso da UPG, confusa, como AGE, difusa, como Mareas, ambigua, como Podemos, etc. O que si teñen todos en común é que as súas estratexias van encamiñadas á consecución do poder (para exercelo logo en función das respectivas ideoloxías), distinguíndose uns dos outros polas tácticas para conseguilo.
Volvamos a Andalucía. Ideoloxía do PSOE: cambiante, oportunista, “adaptativa”. Estratexia: planificación e manobras conducentes á consecución do poder absoluto. Tácticas: traizón ao pacto de gobernabilidade con IU e adianto do combate electoral, aproveitando que un inimigo anda escaso de forzas e outros aínda sen avituallamentos para a loita. Non conseguiu o fin proposto, fallaron estratexia e tácticas e, aínda vencendo, non se produciu a aniquilación dos contrarios, polo que se ve obrigado a pactar. Pero en España, despois de tantas décadas de ditadura, a política de pactos é practicamente descoñecida e xusto aí radica esa confusión total entre ideoloxía, estratexia e táctica, pois o tacticismo político fai esquecer a ideoloxía, quedando esta reducida a un mero querer mandar. Non estraña que moitos teóricos (de dereitas) insistan na morte das ideoloxías, vendo como os principios inquebrantables se mudan polos contrarios con tal de conseguir o poder. Se Maquíavolo dicía que o fin xustifica os medios, Íñigo de Loyola escribiu que “Al fin de la jornada, aquel que se salva sabe y el que no no sabe nada”. Non sei se Susana é máis do florentino ou do vasco; pero para o caso vén sendo o mesmo.
Eu sempre estiven contra as maiorías abafantes e defendín a necesidade dos pactos, pois un gobernante con maioría absoluta tende ao absolutismo, á ditadura e, aínda concedéndolle que a súa vontade sexa, exclusivamente, a de mellorar as condicións de vida dos gobernados, como está persuadido de que o que el quere é o mellor para o pobo, como no canto de almorzar café con leite, semella que almorza café con Deus, corre o risco de pensar que ten o monopolio do bo facer e pode converterse nun iluminado salva-patrias. Teño tan asumida esta idea que, se soubese que do meu voto dependía o concelleiro que dese ao BNG a maioría absoluta, o día 24 ficaría na casa.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.