De mentiráns e discursos vacuos
Non pode render o desánimo cando despois dun traballo duro e entregado na preparación dun programa electoral ao servizo de todos, cheo de propostas fundamentadas e estudadas ata o mais mínimo detalle, observamos como mensaxes mentireiras, baleiras de contido, sen proposta algunha e demagóxicas chegan á cidadanía a través duns medios cada vez máis entregados ao servizo do PSOE e sobre todo do PP. Se non desfalecemos o noso esforzo terá o seu premio.
É moi fácil caer na trampa, entrando ao trapo, de mensaxes como os dos audis, a imposición do galego, os estragos dos bipartitos e demais serie de ocorrencias do PP, por non falar das mensaxes de ataque directo ás persoas e a súa vida persoal con falsidades sen proba algunha. A estratexia de que unha mentira mil veces repetida convértese en verdade é profusamente utilizada polo grupo popular. E é moi fácil caer porque non poden quedar sen resposta, temos a experiencia das últimas eleccións ao Parlamento de Galiza, pero a vez non se pode entrar neses debates estériles que non conducen a ningures, que poñen á defensiva e que desvían da verdadeira confrontación de ideas que se debe dar nunhas eleccións democráticas.
Hai que adiantarse a todas esas campañas poñendo nos nosos programas de xeito moi claro mensaxes contundentes que non deixen lugar a dúbidas e rebatan todos eses posibles ataques. A utilización eficiente dos recursos públicos, sen a máis mínima ostentación e controlando ata o último céntimo de euro sempre foi a nosa máxima e iso quedará claro nos programas electorais locais.
O tema da lingua é un dos paradigmas da manipulación das mensaxes. Son os galego falantes os que están en clara situación de inferioridade, cós seus dereitos lingüísticos diminuídos e resulta que cómpre defender a liberdade lingüística dos monolingües casteláns, que non teñen ningún problema para exercer a súa opción de lingua en ningunha parte. A súa mensaxe falsa de imposición do galego cala en diversos sectores e convértese en arma electoral as veces efectiva.
Hai unha mensaxe recorrente en A Coruña có topónimo, e agora ameazan con, e xa aburren, volver a carga coa iluminada frase "L de libertad". Non se pode entrar a discutir o obvio, a nosa mensaxe ten que ser que se fale en campaña de cousas transcendentes, e a situación económica é ben preocupante, e que as leis se cumpran e punto.
Se falamos de economía a manipulación é total. A celebración como un éxito dun pacto que nos retrasa a idade de xubilación xa é para chorar. Que os culpables da situación económica actual deriven a súa responsabilidade a través das súas mensaxes, que desgraciadamente calan na poboación, e, por riba, aproveiten para ir diminuíndo, paso a paso e como supostamente inevitable, dereitos que tanto custou acadar é para asustar. Qué será o próximo? Pagar parte da atención médica no Sergas? Pechalo ou privatizalo por completo?
Outro exemplo paradigmático "eu acabo coa crise en 45 días". Dous anos despois de acadar o obxectivo perseguido coa afirmación (o poder), Galiza destrúe máis emprego que o resto do Estado por quinto mes consecutivo, e nos últimos doce meses o desemprego incrementouse nun 6,1% fronte ao 4,5% do resto do Estado.
E ante os abondosos e clamorosos casos de corrupción, a máxima é clara: "Todos son iguais" e polo tanto, como todos fan o mesmo, non procede cambiar o sentido do voto pois os demais, cando cheguen ao poder, van facer os mesmos "negocios". Por moito que te canses en repetir que "non todos son iguais", que hai políticos e opcións políticas nas que a xente está por convencemento, por coherencia, por pensamento e nunca co obxectivo de medrar e menos de facerse rico, a resposta do interlocutor ou interlocutora é sempre a mesma "en todos os lugares hai chourizos, e se non os hai é porque non están no poder".
Se nos fixamos na táctica empregada, sempre son mensaxes curtos continuamente repetidos, cheos de falsidade, nunca falando en positivo, nunca proporcionando alternativas de goberno. Fronte a iso as nosas mensaxes teñen que ser positivas, sempre propoñendo solucións, sempre abrindo vías de dialogo e compromiso, sempre mostrando a nosa cara amable.
De acordo que hai que construír mensaxes simples que poden axudar moito, tipo "Feijóo inimigo do galego" por exemplo, pero sempre cun fundamento sólido detrás, sempre veraces e sempre coa disposición de explicalo polo miúdo a todo aquel que estea disposto a escoitarnos. Non hai que ter reparos a construír e espallar estes mensaxes curtos pero sempre desde a convición, co único obxectivo de poñer en coñecemento da xente verdades que de vir en textos máis complexos igual nin sequera leen.
Temos xente preparada, con coñecementos e as facultades precisas para espallar con convencemento as nosas convicións e desmontar este tipo de argumentacións. Cómpre non desfalecer, non renderse, traballar se cabe con máis dedicación. Enterremos o pesimismo, as mensaxes propias derrotistas para as que sempre todo internamente está mal e vai a peor. Agora toca traballar unidos e acadar obxectivos.
É certo que temos en contra uns medios hostís, pero hai que ser quen de buscar outras vías de comunicación que leven a mensaxe e desmonten falsidades. Cómpre utilizar canta ferramenta teñamos a nosa disposición e as Tecnoloxías da Información e Comunicación proporcionan moitas delas, incluídas as redes sociais, pero principalmente temos un arma que vale o seu peso en ouro e é insustituible: O contacto directo.
É precisamente nas municipais cando o contacto directo ten o seu máximo valor pola proximidade do candidato ao elector. Hai que multiplicarse na rúa, falando con uns e outros, con asociacións de todo tipo, con movementos sociais, comerciantes, empresarios, traballadores, sen deixar a ninguén e recollendo todas as achegas. Razoando, desmontando as mensaxes totalmente falsas ou que din medias verdades terxiversadoras, falando en positivo e aportando solucións. Ánimo e todos a traballar.