De ler libros a vérmonos no messenger. As TIC, as institucións e os roles
Dicía hai uns poucos días, coa súa escrita marabillosa, María Pilar García Negro que hai quen pensa que o idioma pode ser metido nunha máquina que nos impoña non só como debemos escribir, senón tamén que tal máquina pode substituír, sen nos consultar, as nosas verbas por palabras "automáticas".
Iso semella tamén que pensan moitos docentes ao continuar coa teima da escola tradicional, na que o papel de autoridade do mestre é incontestábel. O alumnado pódese meter na máquina e conseguirmos así facer homes e mulleres homoxéneos, non no seu nivel educativo, o que sería desexábel, mais si no seu pensamento e seu xeito de estar e de vivir. A escola non deixa agromar manifestacións de diferencia nos alumnos e alumnas, na escola apréndense os roles de xeito certeiro: os homes son homes e pórtanse como tal, as mulleres non valen para os estudos técnicos, os mestres son os que saben e o alumnado vai a escola a aprender.
Nos tempos que corren iso xa non é tan seguro. Hoxe contamos precisamente con esas "máquinas" que son quen de facer moitas barbaridades co noso idioma, mais son tamén verdadeiras "mestras" para a mocidade. Hoxe a escola xa non é a fonte única de aprendizaxe. A xente de hoxe aprende pola súa conta con internet, a creatividade desbórdase e non coñece límites nen horarios. Hoxe a institución escolar non é o centro do saber; os nenos e nenas de hoxe teñen habilidades adquiridas que os seus profesores non coñecen e, polo tanto, non saben como enfrontar. Así o profesorado monta unha barreira protectora fronte ao descoñecido disfrazada de salvagarda dos saberes, e que, no fondo, é unha mostra da inseguridade da institución ante as novidades. A tensión entre a institución, amarrada aos seus principios académicos, e a sociedade introducindo novidades a velocidades vertixinosas ven formar un conflicto que non axuda en moito ao proceso de aprendizaxe.
Hai tempo xa que veñen escoitándose voces laiándose da perda de afección pola lectura por parte da xente nova, e botándolle a culpa á televisión. O que non se escoita tanto é a falla de interese dos adultos polas novas formas de comunicación da mocidade, de como pode suceder que o que non lles interesa non sexa a lectura, senón o libro de papel, e que o interese da mocidade non vaia tanto pola televisión en sí, pois, por mais cadeas que abran, non deixan de ter unha programación abominábel, como pola cultura do audiovisual e non a das letras.
Igualmente a mesma vez que se rende culto á informática como ferramenta indispensábel de futuro, considéranse os xogos de ordenador e as actividades varias que a xente toda pode facer diante do seu computador, a fonte de todas as maldades da sociedade de hoxe: provoca illamento, é a culpábel de que os nenos non xoguen,... En que quedamos, entón? Por unha banda hai unha confianza acrítica e case que cega na tecnoloxía informática, de xeito que, quen domina a informática é quen ascende no imaxinario social, é quen está preparado para o futuro, e por outra non queremos que os nenos e nenas pasen tanto tempo diante do computador (por certo, os nenos máis que as nenas. E non será tamén sexista o uso da tecnoloxía?)
As tecnoloxías da información continuan a ser chamadas Novas Tecnoloxías pero hai xeracións que naceron xa inmersas nelas e, polo tanto, non poden consideralas "novas". Realmente, mal se sabe o uso que lle dan ao computador os nenos e nenas, pois os menores de 18 anos son protagonistas das enquisas en moi poucas ocasións, pero o que sí sabemos é que, para eles, as tecnoloxías non son novas aínda que vexan que se usan na escola como tal, e desde logo, son imprescindíbeis. Para os mozos e mozas o computador, o teléfono móbil, o "i-pod" son instrumentos esenciais sen os que non comprenden a vida, do mesmo xeito que xeración anteriores podemos non comprender a vida sen frigorífico ou sen lavadora.
A institución, a escola, a familia esixen respostas axeitadas cando non son quen de faceren as preguntas adecuadas. Pedímoslles aos novos e novas que cumpran adecuadamente o seu rol sen dármonos conta de que os roles xa tampouco son o que eran. Hoxe unha persoa nova non ten o rol de fillo/estudante que chegará co tempo a ser pai/profesional, senón que se dan múltiples situacións e o mesmo individuo identifícase cun prisma de moi diferentes faces. Cando estamos nun mundo no que a mesma persoa pode traballar un ano como mozo de almacén, seis meses como caixeiro, un ano como pintor e outro como operario nunha fábrica do metal (e este é un CV real dunha persoa de 28 anos) qué é esa persoa ao cabo dos catro anos? Cal é o seu rol profesional? Como se lle pode esixir á mocidade que se faga cargo da súa vida se non se lle dan verdadeiras ofertas de futuro?
Na institución escolar, e sobre todo no campo da formación ocupacional para o emprego, utilízase arreo o concepto de adquisición de competencias, e, no marco desa institución as competencias deberíanse ligar ao desenvolvemento das capacidades persoais para a materia obxecto de aprendizaxe, de xeito que se poden adquirir competencias para o desempeño dun oficio, pero Onde queda a innovación e a creatividade? Hai espazo na escola para elas? Pódense regular no horario das aulas? As novas tecnoloxías forman parte da resposta a estas preguntas.