De historia, conciencia nacional e acción política

De historia, conciencia nacional e acción política

Celebrouse, na semana do nove ao catorce decembro en Barcelona, organizado polo Institut d´Estudis Catalans, un simposio de historiadores baixo o título “España contra Catalunya”. Atendendo ás circunstancias políticas polas que atravesa o país, moitos historiadores e historiadoras sentíronse chamados a contribuír co seu gran de area á demostración e denuncia do feito de Catalunya, após a imposición da nova estrutura política centralista xurdida tras a vitoria das tropas borbónicas en 1714, padecer de forma regular a reacción uniformizadora e a represión militar por parte do Estado español. A presidencia e a lección inaugural do simposio recaeron en Josep Fontana, un veterano e emérito catedrático universitario de grande prestixio nos círculos progresistas, alleo á confesionalidade nacionalista. Porén, o autor de Por el bien del Imperio, a súa última e valiosísima contribución á historia contemporánea do mundo, non dubidou en participar, por considerar que o pobo catalán, optou por avanzar social e nacionalmente, defendendo o seu dereito a decidir, nun contexto de globalización imperial, nun momento de grave crise económica e política. Defensa dun dereito democrático, lembra, que ningunha ameaza ou represión do Goberno de España logrará destruír, tampouco en quen, como el lembra, non se deixou intimidar nunca polas do franquismo.

Ao fío deste acontecemento, volvín cavilar na miña soidade como deputado nacionalista galego cando o primeiro goberno de Aznar amagou cun Decreto de Humanidades, para ditar os contidos, entre outros, pero sobre todo, da historia de España, facendo así un aceno sobre as súas intencións reais, malia estar condicionado pola súa falta de maioría absoluta e a dependencia de CIU e, en menor medida, do PNV. Na lexislatura seguinte, con maioría absoluta, consumaba a ameaza establecendo, por exemplo, o temario da historia medieval en base aos cinco reinos peninsulares, conforme a teoría de Menéndez Pidal: Portugal, León, Castela, Navarra e a confederación catalano-aragonesa. O que viña sendo moeda frecuente, na práctica escolar, pasaba a ser teoría educativa oficial, de obrigado acatamento. Intentei, por todos os medios, aproveitar a ocasión para ver de lograr algún apoio académico, universitario, dentro e fóra do país, para o reino medieval da Galiza non ficar excluído. Designáranse unha especie de comisións científicas que eran as encargadas de establecer os currículos, de obrigado cumprimento no ensino obrigatorio de todas as Comunidades Autónomas. Pretendín que non se consumase, vía decreto, unha visión histórica da Idade Media peninsular, por moi hexemónica e oficializada de facto que estiver, falsa e anuladora, até o noso exterminio ou desaparición. O silencio foi a resposta dentro e fóra. Naturalmente, non cabía esperar apoio externo, a do mundo universitario catalán ao que recorrín, cando o da casa optaba pola cómoda e conformista actitude de con nós non vai, somos obedientes e por iso chegamos ao cumio da máis alta fortuna persoal. Galiza non aparece hoxe como reino medieval en ningún manual de historia para o ensino obrigatorio ou o bacharelato. Tampouco aparece nos currículos universitarios dominantes. Tanto ten que sexa unha amputación histórica , unha eliminación contra natura, contra a verdade indiscutíbel da documentación empírica. España non anda con bromas nin con contemplacións. Ela moldea o pasado ao seu antollo para dotar do sentido imperial ao presente. Os galegos nunca fomos ninguén. Loxicamente moitos galegos e galegas, con presunción de ilustrados, colaboran entusiastas neste deseño, como non podía ser menos, e a historia dos colonizados en calquera parte do mundo testemuña.

O recente e defensivo simposio catalán provocou ampolas, bramidos, bravatas e descualificacións na españolidade intelectual, mediática, corporativa e universitaria, incluído o Sr. Ministro de Asuntos Exteriores Margallo (el será unha premonición de que os cataláns van pasar a ser definitivamente estranxeiros?). Afortunadamente aquí, de forma humilde, pero non por iso menos de agradecer, provocou un manifesto de 18 historiadores en defensa do dereito de Galiza a decidir. É moi positivo que se vaia conformando un compromiso, unha opinión e unha alternativa no seo destes profesionais, pertenzan ou non á corporación universitaria, facendo valer unha análise da historia de Galiza que a faga estar presente, como merece o noso pasado e esixe o noso futuro. Teremos que construír a nosa historia e os compromisos de futuro, á marxe das institucións universitarias e académicas galegas, e a maioría de quen as conforman. En contraste con Catalunya, permanecen ancorados no silencio cómplice e na obediencia aos deseños do Estado español para Galiza. As palabras de Castelao no seu Sempre en Galiza non fan mais que bater no meu cerebro, co gallo do Simposio catalán: “Pode explicarse o menor grao de vontade política de Galiza en relación con Cataluña e o País Vasco. Primeiramente porque foi asoballada antes –con séculos de diferenza- e despois porque lle faltaron os órganos vivificadores da conciencia nacional”.

,Efectivamente, respecto de Catalunya, foi más de tres séculos antes que se iniciou o proceso de dominio sobre o noso país, após unha guerra de case cincuenta anos, á que seguiu unha resistencia doutros cen, en total o período que vai de 1356 a 1490. A violencia utilizada, baixo múltiples formas, deixou ao final un pobo indefenso, sen clase dirixente propia e cumprindo unha función de colonia da Monarquía española, primeiro, e do Estado español, máis tarde. Esta é unha análise obxectiva que explica moitas das características da nosa evolución histórica e do noso estado actual. Termos unha explicación racional e veraz que explique o noso punto de partida e os nosos condicionantes é o mellor antídoto contra o desánimo, o mimetismo e o complexo de inferioridade. É a maior axuda para valorarmos con xustiza os nosos esforzos e os resultados por moi limitados que foren. Tamén o é para detectar as nosas eivas, as nosas renuncias, as nosas covardías e os nosos erros.

Resulta curioso cómo, cando un pretende explicar a diferente incidencia política do nacionalismo en Galiza verbo de Euskadi ou Catalunya co recurso a condicionantes obxectivas, entre elas a historia de cada pobo, axiña, desde perspectivas antinacionalistas, acódese a retrucar que, se non serán os erros propios, os do nacionalismo galego, os que impiden resultados electorais fulgurantes e sostidos no tempo. Porén, eses mesmos retrucantes teñen bo coidado de que, baixo ningún concepto, se facilite o coñecemento da historia do noso país. Galiza é un país, unha nación, con pedras e monumentos que non teñen historia propia, de seu. É todo o máis o apéndice da historia de España. A propia resistencia existente, nalgúns sectores do nacionalismo, a comprender a importancia de desvendar o proceso histórico, cando menos e prioritariamente desde a Idade Media, revela unha indisposición a asumirmos a normalidade, a capacidade e a vontade de sermos por nós mesmos. É como se non se quixer disputar, no terreo da memoria, os espazos que España, os seus mitos e as súas falsificacións, ocupan á nosa costa, a da nosa dignidade, a dos nosos mártires e a dos nosos esforzos como pobo galego. Difícil organizar órganos vivificadores se non están dotados de memoria do pasado, de onde vimos, e vontade de termos futuro por nós mesmos. Efectivamente, os órganos vivificadores en Catalunya son de maior amplitude e extensión, van desde a mediana e pequena burguesía até as clases traballadoras, con todas as organizacións, asociacións e institucións que controlan; o martirio e o sufrimento históricos, en absoluto, son maiores que os nosos.

Pódese falar de erros, cando se puideron ter feito cousas que non se fixeron, no terreo político. Terían mudado a evolución política do nacionalismo galego e a súa expansión e intensidade sociais, de telas feito? Non vou responder, que sexa o lector quen o faga. En todo caso, mirando atrás, hai tres lagoas, no terreo das alternativas políticas con potencial incidencia nas institucións e na sociedade, que detecto. A primeira, por que se tardou tanto en presentar e defender unha Lei de Caixas que establecese un control democrático das mesmas e o seu servizo á economía e á sociedade de Galiza? Non foi porque non houber quen o defendese con insistencia dentro do BNG perante quen, con mando en praza, se contentaba con axitar enarborando coa peste Fraga mentres facía ouvidos xordos á proposta. Ao final, liberados da peste Fraga, fixémolo, xa era moi tarde, mesmo como axitación social. Segundo, moitos independentistas pretenden demostrar a deriva autonomista do BNG pola súa defensa dun Estatuto de Nación para Galiza, no contexto de iniciativas similares en Euskadi e Catalunya. Non serei eu quen negue unha certa contradición entre a palabra Estatuto e os dereitos nacionais, a consideración de nación a todos os efectos. Porén si vou ser quen afirme que non estivo aquí o problema. O texto elaborado non cabía na Constitución española. De terse defendido no Parlamento Galego sería votado negativamente pola maioría PP-PSOE e xa nin chegaría ao Congreso dos Deputados como o Plano Ibarretxe ou o Estatut. Foi unha oportunidade perdida para terse dado un debate social moi amplo, non só institucional, que puido ter algunha incidencia no avance social da conciencia nacional na Galiza. Para min, a crítica cabería facela no sentido de que foi unha alternativa puramente testemuñal sen o menor percorrido, nin sequera institucional. Terceiro, e en relación co anterior, segue a meternos medo, facendo como se non fora con nós, como se asumísemos que vivimos de España, o tema de cais son os ingresos fiscais, por todos os conceptos, da Axencia Tributaria de España na Galiza. Están moi por enriba dos gastos do autogoberno. Temos os dados, feitos con rigor e garantía, por ninguén rebatidos, grazas aos minuciosos e fundamentados traballos de Xosé Díaz. Non somos unha sociedade subsidiada, malia a calamitosa evolución económica, laboral e demográfica de Galiza, derivada da súa dependencia de España e da UE. Non hai maneira de que interesen, se asuman e se acredite nestes dados, a comezar por unha maioría do corpo social nacionalista organizado, abafado como a maioría social pola tese de que vivimos grazas a España e a Unión Europea. Dimos, damos, este debate con convicción, entusiasmo e conciencia da súa necesidade? Non. Estamos disposto a dalo? Esperemos que si.

Pois ben, observemos que, no caso catalán, o debate sobre o Estatut e o seu resultado final tan frustrante, a negativa do Goberno de España a concederlles un sistema de financiamento similar ao vasco e a consideración conseguinte de que, co actual marco autonómico, Catalunya non é viábel como país, levaron a unha mudanza de estratexia das súas clases dirixentes, e tamén, e sobre todo, de mudanza da conciencia social maioritaria, hoxe a favor do dereito a decidir o seu futuro e mesmo a contemplar o escenario da independencia. Esta mesma sociedade, estas mesmas clases dirixentes, recoñecen a importancia da historia, do seu pasado, para fundamentar aínda máis, a súa opción no presente. Non desprezan a historia, recupérana e revalídana. A nós fainos falla moito máis este coñecemento catártico, só para valorarnos unha migalliña máis.