De Garderías a Galescolas a Galiñas Azuis, de Galiñas Azuis a Garderías de novo
Como novidade agardada para este comezo de ano, a Xunta ataca de novo -por vía de urxencia, para non perder tempo- un piar dos servizos básicos: a privatización das escolas infantís de titularidade do Consorcio Galego de Servizos Sociais que se van inaugurar este ano. A primeira será a de Monteporreiro, en Pontevedra, seguida das de Betanzos e Carballo; logo o resto, até 17 previstas. Para complementar esta medida "social", a Xunta anuncia unha importante suba nas tarifas, de até un 45% na atención educativa e un 112% polo servizo de comedor.
Esta decisión é unha clarísima involución con respecto aos enormes esforzos feitos polo BNG desde o goberno bipartito para por en marcha unha verdadeira rede pública de Escolas Infantís galegas, as Galescolas.
Por vez primeira, a Xunta licita directamente a xestión de Escolas construídas con cartos públicos a empresas privadas, promovendo así un beneficio económico a uns poucos a costa do deterioro da atención e sobre todo do proxecto educativo, consolidado nas Galescolas e un referente na etapa educativa 0-3 anos pola súa calidade. Esta privatización tamén conleva precariedade e inestabilidade laboral para o profesorado e o persoal contratado polas empresas, impide o acceso en igualdade de condicións e a consolidación dun proxecto común nesa etapa, ao prevalecer o ideario da empresa adxudicataria. Alén de profundar no aspecto educativo desta etapa, coa súa transición cara á Consellaría de Educación, como Feijoo anunciara ao comezo da lexislatura, a privatización supón un claro retroceso ao retomarse o aspecto puramente asistencial e do coidado, supoñendo que non sexa un comezo para a privatización doutros eidos do ensino en etapas posteriores.
As Galescolas foron sen dúbida un dos grandes logros do bipartito. Cando en 2005 se chegou ao goberno, o que se atopou foi unha concepción asistencial da educación infantil, unha forte descompensación da oferta entre as zonas urbanas e rurais, carencias nas infraestruturas e a inexistencia dun modelo de educación infantil. Entre 2005 e 2009 ofertáronse máis de 6000 prazas, cinco veces máis das que había. En tres anos e medio de responsabilidade nacionalista, creáronse máis do triplo de escolas que nos anteriores dezaseis anos de goberno do Partido Popular, cunha altísima calidade na construción e deseñadas no interior e no exterior para responder ás necesidades dos nenos e nenas e dos profesionais.
O avanzo a nivel pedagóxico é referencia no estado español. Desenvolveuse o carácter formativo axeitado á etapa 0-3 anos coa elaboración dun Proxecto Educativo e dun Currículo que fomentaban o desenvolvemento integral de nenos e nenas e procuraba favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais. Estableceuse unha rede entre as Galescolas, de xeito que podían compartir recursos e servizos e se estableceron elementos de coordinación e apoio pedagóxico. Había un importante plan de formación para o persoal das escolas e era fulcral o fomento da participación, a integración dos sectores que conformaban a comunidade educativa, representados en órganos colexiados coma o Consello de Participación.
Nada máis chegar á Xunta, ao PP non lle importou saltarse a austeridade e cambiarlle o nome ás Galescolas para resolver a "confrontación e o debate" que eles mesmos crearon a través de polémicas absurdas como a do mandilón e a do himno, procurando claramente desviar a atención e restarlle mérito á importante transformación que estaba a producirse na educación infantil galega. Menos mal que o persoal das Galescolas ficou maioritariamente nos seus postos, mantendo o nivel e a calidade do proxecto inicial. Até agora, que van ser contratados polas empresas privadas a través de empresas de traballo temporal.
A suba de taxas tamén ten importantes repercusións. É unha medida moi negativa para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, recollida na Lei de Servizos Sociais de Galiza. A suba de prezos ataca especialmente ás familias do rural e sobre todo ás mulleres. No contexto actual de crise profunda, paro e precariedade laboral, moitas familias valorarán coma sempre ocorre nestas situacións que as mulleres fiquen na casa ao coidado dos meniños, pois pola diferenza entre o que gañan e o que pagan non lles compensa moito e así "desfrutan dos nenos". No rural, logo do recente peche de "Preescolar na casa", isto supón un novo mazazo na igualdade de oportunidades.
Feijoo prometeu que nunca tocaría os servizos públicos. Que os apoiaría. Pero está indo máis alá dos servizos públicos, estamos a falar de servizos básicos, de sanidade, de educación. Xa levan tempo mentíndonos en Sanidade (privatización do novo Hospital de Vigo, próxima introdución de copago nos medicamentos,...). Por certo, cando hai uns días xustificou a privatización das Galiñas Azuis, fixo un símil que nos permite entender á perfección o que entenden por "público" e o que queren dicir cando insisten en que o novo Hospital de Vigo será público: "As garderías son públicas con independencia da xestión, igual que o transporte urbano é público con independencia de que os que conducen os autobuses non sexan funcionarios". Precisamos máis aclaracións?