De esmolas, subvencións, crowdfunding e solidariedade televisiva
A palabra esmola pode transportarnos a través da literatura de múltiples culturas, a séculos pasados, ao extenso medievo europeo que veu como a poderosa igrexa e a súa incipiente sociedade exerceron as que poderiamos chamar as primeiras subvencións da historia á arte e á cultura convivindo noutro nivel de axudas á poboación. O propio nome “Mecenas” xa indica que a malleira viña de atrás! O exemplo na Europa do Camiño de Santiago descóbrenos mesmo cadros da caridade en burgos, castelos e catedrais como estampa clásica a xulgar polas pegadas deixadas... E a sociedade medrou. E fíxose polo tanto máis complexa. Ata hoxe onde aumentou a pobreza en diferente proporción coas axudas repartidas.
O empobrecemento -a moitos niveis- das sociedades auto denominadas modernas, non nos deixa ver as propias miserias con ese cobertor das clases dirixentes descansando nas máximas de que aínda os hai en peor situación ca ti, éche froito da crise, faise o que se pode,... Cando un deambula na Compostela dos médicos, cando precisamos algo que non está no centro de saúde, nin a escola pública ten, nin os organismos oficiais o contemplan, xorden asociacións e fundacións de interese público acubillando músicas, letras, axudas sociais, ...cunha regulamentación amparada legalmente impulsando ás veces a creación de servizos públicos ou influenzas positivas na sociedade para o ben xeral. Saen moitas veces as necesidades da xente para lle dicir a organismos oficiais: - Ei? Estamos aquí tamén nós! E poden pasar de chamar a atención ata obter o lugar que lle corresponde. Vémolo moi ben nunha colecta para unha asociación dunha enfermidade rara ou non xa tan descoñecida que anda con contedores arrepañando tapóns de plástico para unha intervención cirúrxica, por citar só un exemplo. Unha asociación de Alzhéimer ou de demencia senil ou de damnificadas por... Neses casos xurdiron asociacións e en asociacións, con máis ou menos renome, se quedarán optando, iso si, ás subvencións. Acaso non entraría a súa atención dentro do noso sistema público galego de saúde ou asistencia social? Como pode ser que che diagnostiquen nun servizo público “algo” e sexas derivado á asociación de “algo” que leva iso desde hai anos? Non podo entender nin quero o proceder dunhas políticas estratificando aínda máis aos individuos resignados baixo o pé apisoadora, menos mal que nos mandaron onda a asociación!! E nestes tempos críticos, onde mellor se ve ca nunca, o gran capital domina desde sepulcrais e fríos escanos marmóreos branqueados da clase política. Fannos desistir da realidade fronte á virtualidade que nos deixa plasmados nos nosos salóns. Ninguén se cuestiona o feito e desfeito cos nosos impostos. Non hai medios. Éche así! Poucos escriben queixas. Fannos camiñar do servizo público á sanidade privada confundindo a necesaria colaboración de farmacéuticas, laboratorios, investigación, universidades,... e logo está isto.
Parece de moda. Ante os recortes e como unha saída o micro mecenado imponse para músicos, saúde e investigación,…Crowdfunding, medio de financiamento participativo, desde as grandes urbes ata os máis recónditos lugares. Unha universalidade agardada por uns para que todo quisque poida realizar os seus soños. En principio, bravo!
Hai algo nisto de solidariedade, como término sociolóxico, dar sen esperar recibir nada a cambio, un concepto moi antigo para desenvolver ideas libres. Así pois as míticas empresas de edicións de literatura... e música propagada sobre todo desde a 2ª Guerra Mundial confluíron en acaparadoras grandes firmas que intentan sobrevivir a novos retos e espazos de venda e difusión. Vellos e novos talentos conviven en radio, tv e modernas plataformas na web.
Agora xa non hai que esperar a novembro para mercar as postais do nadal feitas desde UNICEF. Evolucionaron as axudas producidas todo o ano para boas causas máis alá das guerras patrocinadas polos países que viven delas. Estílase a esmola telefónica, televisiva ou internética. Canda fundacións altruístas de acreditada traxectoria conviven outras fundacións susceptibles de levar cartos do erario público. Hoxe esas outras formas ou ferramentas para abordar con ilusión as necesidades de sempre aplícanse a fondo con renovadas escenografías. Desde os SMS solidarios ata a plataforma change.org pasando polas telepeticións, en menos de vinte anos vimos como han de convivir os esmolantes peregrinos, as enfermidades que non deixan coller nos hospitais ou as desgrazas por feitos naturais coas penurias dos desastres promovidos case sempre polo belicismo, onde o invasor empobrece un territorio para acto seguido enriquecerse. Sempre foi así máis agora tamén no noso mundo chamado desenvolvido con máis carencias aínda por riba a cidadanía ve como se rescatan empresas privadas como a banca, autoestradas,...quedando desatendida a poboación que vota a políticas desalmadas a cambio dunha insensibilidade hedónica programada desde o poder económico neoliberal evitándonos o noso mundo máis achegado a nós para no que esmola, crowdfunding e solidariedade se confundan co estado de ben estar coma os caramelos arrebolados nunha cíclica Noite de Reis, e o resto do ano, que?