De cara ás eleccións o BNG debe divertirse

Levamos máis de medio ano empachados e sufrindo a agresiva interinidade do compostelán Mariano Raxoi, agora moi ben protexido desde a presidencia do parlamento pola súa fiel escudeira zamorana. A repetición dos patres (et matres) conscripti fíxome lembrar as verbas de Frei Antonio de Guevara no seu Menosprecio de corte y alabanza de aldea (1539): “Por semejante manera el que fué a la corte y dexó la corte y se tornó a la corte, digo que no es el mejor de la corte; porque el tal no tornó con intención de enmendar la vida, sino de mejorar su hazienda y su persona”. Particularmente, prefiro o que el consideraba unha feliz vida na aldea: “pescar con vara, armar pájaros, echar buitrones, cazar con hurón, tirar con arco, ballestear palomas, correr liebres, pescar con redes...” Desgraciadamente, nestes tempos do chamado progreso, civilización e modernidade, todo o anterior está prohibido, mais aínda así antepoño a tranquilidade e a naturalidade do rural á falsidade e fatuidade da Vila e Corte.
Por aquilo do choio vitalicio que os ex-presidentes do goberno teñen cando son desprazados polo seguinte, todos escoitamos falar do Consello de Estado; pois ben, o 6 de marzo de 1820, por mor do pronunciamento de Riego e, máis directamente, do levantamento de Acevedo, na Coruña, reuniuse o devandito órgano para estudar a situación e, na acta que levantaron, deixaron dito que en Madrid “se reúne la peor gente de todas las provincias bajo todos los conceptos. Aquí están los enemigos del orden y en mayor número que en el resto de la nación”. Non serei eu quen contradiga ao Consello de Estado.
O lehendakari Urkullu convocou eleccións en Galicia para o 25 de setembro, o que segue a dificultar ou adiar o labor de refundación á que o BNG se comprometeu no punto primeiro da “Tese de estratexia política” aprobada na XV Asemblea Nacional o pasado 28 de febreiro. Concordo coa case totalidade do alí exposto, sen dúbida enriquecido por algunha das moitas emendas que se lle fixeron e que, en varios casos, foron directamente aceptadas ou sometidas a transacción. Se eu tivese voz e voto, pediría que do apartado 2, b, 1, que di “Instaurar un novo modelo de campañas políticas e electorais que sexan pedagóxicas, en positivo, e co recurso ao humor e á retranca”, lixeiramente modificado pola proposta 130, procedente de Vigo, se suprimise a partir de “pedagóxicas” ou, cando menos, as verbas “e electorais”.
,Non vou entrar no bo ou mal uso da palabra estratexia, habitualmente moi deficientemente empregada, mesmo polos propios estrategos profesionais. Teño diante de min o libro de Eduardo Munilla Introducción a la estrategia militar española, no que aparecen tantas definicións como autores citados, comezando pola clásica de Clausewitz, para quen estratexia é “a arte de empregar os combates ou batallas para a consecución dos fins dunha guerra”, e dicir, para “impoñer a propia vontade ao inimigo”, sendo a táctica “a arte de mover as tropas e os medios de que están dotadas no campo de batalla”, e rematando polo parecer de Jomini, para quen a táctica é o combate e a estratexia é toda a guerra antes e despois del. Á marxe destas definicións, sempre entendín máis ou menos así as diferenzas entre estratexia e táctica e por iso eu nunca xuntaría “campañas políticas”, que forman parte da estratexia, con “campañas electorais”, que son o exemplo máis evidente de táctica, porque como dicía Villamartín, no citado libro, “O plan xeral dunha campaña pertence á estratexia; o dunha batalla pertence á táctica; a primeira é esencialmente especulativa, a segunda práctica”.
Esquezámonos agora de estratexias, de refundacións e de campañas de formación, que tantas veces reclamei (e que seguirei facendo despois das eleccións) por consideralas esenciais para que agromen nacionalistas. Cantas veces dixen e escribín que é difícil ser nacionalista galego, ignorando todo sobre a nosa historia, xeografía, arte, economía, etnografía..., nunha palabra, sobre o ser, a esencia de Galicia. Os que me coñecen saben que sempre procuro afianzar as miñas ideas con materiais alleos. Velaí o que Filgueira Valverde escribiu nun artigo en El Pueblo Gallego, en 1926 (en plena Ditadura de Primo de Rivera e bastantes anos antes de fundación do Partido Galeguista): “Cando a xente galega adeprenda a nosa hestoria, i-a nosa xeografía terá trunfado o Ideal galeguista. A sabencia da hestoria e da xeografía –rexos abeancos da persoalidade- fai mais que cantas procramas podan espallarse. Hestoria é cencia de outas afirmacións patrióticas, cencia de amor. Emporiso poucos hestoriadores son desapaixoados”
Mais todo isto forma parte da estratexia e agora, metidos de cheo nas eleccións, no combate, o que toca é a táctica e, con respecto a ela, cómpre que o BNG faga un acto de teresiana diversión. Sempre que Teresa de Xesús falaba de divertirse, facíao en senso etimolóxico, como afastarse dos vieiros doutrinais trazados por un mesmo. De que doutrina, segundo o meu criterio, tería que se divertir o BNG? Da seguida nas sucesivas campañas electorais e novamente proposta no devandito apartado, do que eu, precisamente por iso, eliminaría a referencia ás eleccións. Hai agora 124 anos, dous antes de se afiliar ao partido socialista e de colaborar na fundación do seu órgano bilbaíno La Lucha de Clases, Unamuno, en carta ao seu amigo Pedro Múgica, aconsellaba non ser pedante co socialismo científico e mantiña que o importante nos meetings (daquela aínda se dicía en inglés) non era que o orador formulase ideas, senón que levantase paixóns. E Marañón, nos Ensayos liberales, van xa alá 70 anos, estendeuse na importancia dos xestos máis que das ideas para dirixir as masas, deténdose particularmente na importancia da man e mesmo no silencio como xesto: “ Se necesitan largos años de sacrificio y de esfuerzos represivos, y no una mera actitud pasiva, para que el retraimiento se convierta en gesto –como en Irigoyen, como en Oliveira Salazar- para que el callar equivalga a un grito, para que pueda decirse, como nuestro clásico: ‘que alto grita a veces el silencio”. Concordo absolutamente cos dous, como con Marañón cando di: “El gesto –y no las ideas- es, pues, el vehículo de la emoción colectiva”.
É evidente que estou a falar de capacidade comunicativa, de oratoria, mais de oratoria encamiñada a acender as masas e a conseguir o maior número posible de votos, e para iso hai que falar, se é preciso, a ritmo de rap, como Pablo Iglesias, así como empregar as mesmas (malas) tácticas dos contrincantes. Quedamos que as eleccións son un combate e disque no amor e na guerra todo vale. Os alemáns espallaron gas nas trincheiras de Verdún e, despois da protesta inicial, non tardaron en facer o mesmo os aliados. Como historiador coñezo ben aquela guerra de trincheiras, mais hai anos impresionoume a lectura do relato Natal! Natal! (1959), recollido en Ferro-Velho Memorias e Estudos (1989), de Manuel Couto Viana. Combatía este como portugués na Grande Guerra, e a noite de Nadal, pola banda dos “bárbaros teutões” silencio absoluto, respectando a data, mentres que eles, os bos, reciben orde dos ingleses de bombardealos con granadas de gas asfixiante. “Foi com repugnância que cumprimos a ordem e, se nessa Noite Santa brotavam dentro de nós condenáveis sentimentos de revolta e do mais acirrado ódio, este não se dirigia certamente aos que na terminologia castrense eram designados como inimigos”.
Fagamos un pouco de memoria. Goberno do bipartito, eleccións, o PP, empregando a súa vella táctica (el non precisa diversión), basea toda a campaña en denunciar foto en barco con empresario, “mojitos” en Cuba, audis no garaxe, remodelacións de despacho con luxos asiáticos, bailes coas vellas... Ese foi todo o seu argumentario e aí estivo a clave do éxito. PSOE e BNG nin responderon. Por favor! Louzán e Rueda non teñen categoría, son vulgares e groseiros, pero nós, Touriño e Quintana, somos persoas refinadas que mesmo estamos en funcións pisando moqueta, ou non se nos ve? Así nos foi e así nos irá sempre, mentres non mudemos a táctica. As Bases Programáticas do BNG para estas eleccións seguro que están dispostos a compartilas, de beizos para fóra, todos os demais partidos, por iso o que vale para todos non funcionará nunca. O PP, por medio de Rueda, xa anunciou que van facer campaña en positivo, o que, agás os moi despistados, todos sabemos o que quere dicir: ser positivos é favorecerse entre eles, coidar a parroquia, reforzar os vínculos clientelares, as arañeiras caciquís o, se te afilias, deberás mercar nas nosas tendas e nós todos mercaremos na túa e “si no eres del PP, jodeté”. Iso é o que todos eles entenden por positivo. E o BNG, unha vez máis, no canto de se lanzar ao ataque duro, anda a se preparar para empregar tácticas de esgrima versallesa e formas e maneiras florentinas. Xa esquecemos os lemas dos nosos devanceiros, como o “Fe en Deus e ferro ao fondo” dos Irmandiños, ou o “Forte e á cabeza” dos de Solís en Cacheiras. Non me interesa o “Denantes mortos que escravos”, se previamente non puxen en práctica, ata a fin, os anteriores.
O BNG non debe entrar en campaña como se participase nun areópago de filósofos cos que se vai entreter –como “friki” en discoteca- discutindo sobre epistemoloxía ou xuízos sintéticos a priori. Non, “na terra dos lobos hai que ouvear coma todos” e o que debe de facer –con independencia de que o meu consello non lle interese a ninguén- e botar man do moito que se sabe dos membros do PP, principiando polo presidente, e espallalo día e noite a traveso de redes, mitins e follas voandeiras. Xa que se nos aplica a ideoloxía do silencio -que citei no artigo anterior-, temos que volver á literatura de cordel, ao ciclostilo, a facer que de novo bote fume a vietnamita, ou xa esquecemos todos como funciona? E así un día e outro, batendo cos iates, concesións, viaxes, neves e todo canto se sabe. E sen deixar de lado aos demais partidos, lembrando sempre o mal que nos fixeron e coa seguridade de que a posteriori todo se soluciona nos pactos. Non esquezamos que Catón, falase do que falase, no senado romano, remataba sempre dicindo: “Ceterum censeo Carthaginem esse delendam”, que, como sabemos, quer dicir, “e falando de todo un pouco, hai que destruír Cartago”. E destruírona.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.