Da música á política e aos gobernantes irresponsables

Da música á política e aos gobernantes irresponsables

En San Andrés de Teixido de Federico Maciñeira y Pardo de Lama, investigador de noso inxustamente minusvalorado, topámonos cun fermoso epíteto dunha verba que se emprega a cotío mesmo para xustificar as maiores obscenidades e animaladas. Dicía Maciñeira: “Antiguamente, según refiere la tradición, esa encantadora viejecita que tanto idealiza lo pretérito...”. Eu hai moitos trienios que todos os aninovos me manteño fiel á gozosa tradición que me pega ao televisor, principiando así o ano coas baterías recargadas de beleza, de estética auditiva e visual. Sei de xentes que consideran o concerto retransmitido en directo dende o Musikverein de Viena como algo burgués e decadente, ignorando talvez que naceu como unha afirmación nacional fronte á ocupación, fronte ao Anschluß decretado por Hitler A música de Verdi xogara un papel semellante durante a ocupación de Italia, neste caso por parte de Austria e, posiblemente, que o concerto remate sempre coa Marcha Radetzky, mariscal que anexionara o norte de Italia ao imperio austríaco, denote unha intencionalidade algo máis que musicalmente divertida.

Por se o anterior non chega como xustificación a este meu pracer de principio de ano, podo engadir que ignoro en que texto marxista se dixo que haxa que rexeitar o bo gusto e gozar exclusivamente coas vogais abertas das pandeireteiras. Cando o concerto chega á penúltima interpretación, á An der schönen blauen Danau, abreviado como “Danubio Azul”, sempre penso nun dos mellores políticos que organizaron os estados europeos no século XIX, xa que este espléndido valse foi dirixido polo mesmísimo Johann Strauss, en 1867, na mansión parisina do matrimonio Metternich, formado por unha neta e un fillo (sobriña e tío) do grande político do Congreso de Viena. Lin en Eugenia de Montijo y Napoleón III de David Duff que “la pista de baile estaba vacía, ya que todo el mundo estaba tan absorto que no podían hacer nada más que escuchar”. Non me admira a reacción.

Nun meu libro sobre os celtas, falando de políticos e historiadores, escribín que Talleyrand e Metternich non son precisamente apelidos galegos. Hoxe fago extensiva a apreciación non só a goberno e parlamento de Galicia, senón tamén aos que sentan, con independencia da cor dos escanos, no de Madrid. Vendo o que hai, dende o presidente do goberno ata o derradeiro dos deputados, un dáse de conta de que calquera outro podería estar ocupando o seu posto e de que, ideoloxías á marxe, sería doado citar un bo feixe de políticos anteriores á Guerra do 36 con verdadeiro peso específico, mentres que a grande maioría, dende o 39 ata hoxe, non pasarían de xogar en ligas de afeccionados. É por iso polo que me admira, cando, nestes últimos tempos, se está a falar por parte de periodistas e tertulianos, boa parte deles clasificables entre os que Tomás Moro, na súa Utopía, denominaba polileritas ou dicidores de asnadas, de que os políticos españois, encomezando polo “señor de provincias” que preside o goberno, están moi mal pagados. Sempre se engade, contradicindo as propias loas ao goberno, que a baixa remuneración impide que os mellores decidan incorporarse á actividade pública.

Ignoro se son mellores ou peores os que chegan arriba sen ter exercido ningunha outra profesión fóra da política, é dicir, os homes e mulleres de partido, os que sempre viviron, mellor ou peor, do traballo político partidista ou os que, cando acceden aos postos, xa o fan comidos e ben comidos, como puidemos escoitar non hai moito tempo a un nefasto conselleiro de sanidade de Madrid. Ciencia e estupidez están marabillosamente repartidas. O que si sei é que moitos políticos nunca tanto gañaron como exercendo o cargo. Noutra orde de cousas, todos eles enchen a boca falando da súa dedicación por amor ao pobo, ao país e, se é preciso, á humanidade. É dicir, miles de persoas en toda España intrigan, adulan e manobran para figurar en postos de saída só porque queren demostrar o seu desbordante natural filantrópico. Isto é fantástico, e todos proclaman que teñen unha grande vocación de servizo público. Haberá maior manifestación de humildade que pretender ser váteres?

Disque en EE.UU. se opta aos cargos políticos polo prestixio que dan, mentres que en España se fai polos contactos que se crean. Mesmo sen falar das luxosas portas xiratorias, que utilizaron algúns que gañaron menos para logo poder gañar moito máis do que nunca gañarían se non tivesen desempeñado o posto político, todos coñecemos ata alcaldes de vilas pequenas que mudaron a profesión desde a que accederon ao posto por outra moi ben máis lucrativa ao saíren do mesmo. Non esquezamos tampouco a erótica do poder, tan comicamente representada naquela “Parodia Nacional”, onde cantaban: “Hay el mandar por qué nos gusta tanto / pegar un grito y que obedezca la nación...” Para moita xente, isto vale máis que os cartiños.

Vaiamos ao argumento dos que defenden unha subida de soldo para presidente, ministros e demais. Din eles que é pola enorme responsabilidade que teñen. Eu nego a maior, que diría un escolástico, pois os gobernantes son absolutamente irresponsables. Constitucionalmente, só o rei o é, segundo o artigo 56, mais, se irresponsable é o que non ten obriga de responder dos seus actos, podemos incluír aquí a todos os gobernantes. Obviamente non me refiro ás responsabilidades xudiciais, derivadas de actuacións delituosas, das que deben responder como calquera individuo, aínda que sexa de maneira suavizada por mor da prebenda dos aforamentos; non, refírome a responder das consecuencias das súas decisións, cando estas afecten negativamente aos cidadáns.

Exemplifiquemos: o goberno do PP fai unha reforma laboral que permite aos empresarios mandar ao paro a centos de miles de obreiros e, a maiores, cunha indemnización moi inferior á que estaba en vigor. Os afectados deberían poder presentar nos tribunais unha demanda que puidese prosperar contra este goberno. Este partido chegou ao poder enganando e facendo todo o contrario do prometido en campaña. Debería ter que responder diante da xustiza por incumprimento de contrato coa cidadanía. E así por todo. E os avogados para a súa defensa non deberían ser nin os servizos xurídicos de concellos, parlamentos, etc., nin os avogados do estado, porque resulta chocante que os denunciantes paguen os avogados dos denunciados, pois bastante teñen con pagar os dos seus defensores. E no caso de gañarlles, que paguen eles as indemnizacións e non, como ata agora, a administración co diñeiro de todos. Se isto funcionase así, andarían con máis cautela e ata eu defendería que se lles subisen as asignacións económicas, porque terían que responder dos seus actos.

Robespierre tivo unha responsabilidade enorme; usouna e fixo rodar moitas cabezas ata que, con 36 anos, respondeu coa súa. Os políticos de agora son coma os nenos: xogan á guerra e se perden son fusilados de mentira. E cando morren de morte natural mesmo os seus adversarios lles fan loas e panexíricos ata caer no ridículo, e lles dedican rúas, prazas e aeroportos e lles erguen bustos que, se tivesen o medallón máis grande, como dixera aquel político castizo cando a inauguración do monumento a Dato en Vitoria, ata o busto podería ser de corpo enteiro. Non admira que o pobo, que pode non saber de moitas cousas, pero que non é bobo, poña a cada quen no seu sitio, aínda que sexa recorrendo á ironía impotente. Cando todo eran eloxios desmedidos de sapiencia e honradez no pasamento do secretario dun concello castelán e catedrático de universidade, un veciño escéptico e prudente compuxo estes versos de despedida: “Europa a perdido un sabio, / España un hombre de bien, / nosotros al secretario / Requiescat in pace. Amén”.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.