Da modernidade á postmodernidade. Un novo escenario para Galiza
A partires da segunda metade do século XX, cando empezan a egar a Galicia os ecos do cambio, en Europa xa principiaba a esmorecer as conviccións nas que se baseara a Modernidade. O tempo fora amosando ao longo desta última experiencia histórica que a realidade a cotío remata escorregándose polos lindes das ideas e semella non sermos quen de sometela á ideoloxía sen dramáticas consecuencias humanas. O mundo real, máis vivo, plural e misterioso; remata decote transcendendo a propia teoría, e esta, non acaba sendo capaz de abranguela na súa totalidade, xa que as ideas, como sobradamente se demostraría, sempre estarán condicionadas; ben pola cultura da que parten, ben pola condición social do suxeito que as elabora, ben pola influencia das forzas escuras do subconsciente da propia persoa. Como dixo Nietzsch: " O ser humano non ten o don da inmaculada percepción..." por estar condicionado por unha serie de factores dos que non se pode substraer na súa totalidade e estes, inflúen irreversiblemente no seu pensamento.
Ao mesmo tempo que se desenvolvían estas críticas, Max Weber, un dos pensadores máis salientables deste período, matinaba xa nas eivas que producía a racionalidade aplicada por igual ao mundo natural e social: desencantamento do mundo e triunfo absoluto do instrumental, como semella que así aconteceu.
Esta análise, xunto a outras bastante concluíntes de pensadores como Giambattista Vico, Herder ou Isaiah Berlin; unidas fundamentalmente ao espallamento por Europa dos movementos fascistas e totalitarios, a barbarie nazi e sobre todo, as dúas guerras mundiais que se desenvolveron na primeira metade do século XX, ían ferir de morte os alicerces ideolóxicos que dinamizaron a modernidade, sentando así as bases da gran crise do pensamento de corte ilustrado que hoxe seguimos a vivir.
Como consecuencia desta febleza das ideas universais de cuño ilustrado e polo éxito que estaba a ter a aplicación da racionalidade no eido técnico-científico, económico e administrativo; as sociedades desenvolvidas quedaron nas mans desta racionalidade funcional, convertida agora no principal aparello do capitalismo para colonizar todos os eidos da vida social, que loxicamente, pola súa naturaza, non lles é propio rexerse por este tipo de racionalidade. Este feito, producido polo efecto dominante e devastador da racionalidade instrumental, ía producir unha fonda crise na maioría das significacións sociais, que son as que en definitiva conforman e cohesionan o corpo social. Este, como consecuencia do devandito, xa moi minguado de ideas, valores, tradicións e crenzas, quedou moi erosionado, creándose nel amplos espazos de indiferencia e escepticismo, o que propiciou a instalación na esfera do social dun fondo vacío espiritual. Esta realidade potenciou que paseniñamente foran emerxendo situacións de incertidume, descompromiso social e unha paulatina privatización dos individuos como novas características das sociedades occidentais. Non cabe dúbida que esta realidade o que salienta é, entre outras cousas, a extrema febleza da súa sustancia ideolóxica, que dificulta a mobilización das distintas camadas sociais e xa que logo, a construción de alternativas que nos permita trascender a propia situación nihilista e alienante que estamos a vivir.
A esta situación cómpre engadir o desbordamento e mesmo a impotencia que están a sufrir os vellos Estados por un proceso acelerado de globalización que se está a desenvolver desde o derradeiro cuarto do século pasado. Este movemento globalizador, baseado nun novo sistema tecnolóxico de comunicación universal e nun novo capitalismo global nacido da unificación dos mercados de capitais, é o gran causante da perda por parte dos traballadores da maioría dos instrumentos de control social; e dos cidadáns, das formas de representación na maior parte dos procesos de decisión esenciais; pero ademais, a súa dinámica uniformadora está a producir un forte ataque ás culturas locais que son a fonte da que emerxe a identidade e a orientación de amplos segmentos da poboación mundial. Nesta situación, moitos sectores sociais tratan de reafirmar a súa autonomía, a súa seguridade, a súa identidade; en definitiva, o control da súa vida, repregándose arredor de categorías que proxectan unha maior proximidade, unha maior significación, e son por outra banda, menos abstractas que as dominantes no mundo globalizado de hoxe, permitindo enxergar a posibilidade de reorganizar a vida e encontrar novas formas de relación máis humanas con este mundo que de súpeto, estase a voltar incontrolable e impredecible, cun horizonte en definitiva, anegado pola incertidume.
Dito isto, podemos polo tanto afirmar que o fracaso de moitas das ideas universais de corte ilustrado, xunto coa construcción no espazo ideolóxico dos países desenvolvidos dun pensamento reduccionista de base instrumental, máis os efectos do proceso globalizador, están a propiciar nas nosas sociedades unha ampla frustración, fragmentación e incertidume por unha banda e pola outra, a necesidade de rachar coa opresión uniformadora e deshumanizante do pensamento único dominante.
Polo devandito, coido que estamos outra volta nun proceso de busca de categorías fundamentais que nos dean a solidez necesaria para volver a reorganizar a vida dunha maneira máis segura, controlable e significativa para os cidadáns. Este proceso de busca coido que se está a sustanciar en todos os movementos sociais que basean a súa principal acción na defensa e reconstrucción das identidades colectivas que están a emerxer como novas categorías capaces de mobilizar e cohesionar a amplos sectores sociais. Na defensa e reconstrución destas identidades singulares fronte ao capitalismo global, desenfreado, uniformizador e alienante, debe encontrarse a chave para sentar as bases dun sistema máis democrático, solidario e participativo, que nos permita andar un camiño máis acaído para o desenvolvemento integral do ser humano, como xa historicamente se puxo de manifesto en moitas identidades colectivas de carácter cultura que serviron de alicerce para a construcción dunha sistema enraizado na cultura dos pobos e máis axeitado ás auténticas necesidades vitais das persoas.
Coido que neste novo escenario, aberto á pluralidade e baseado no respecto á dignidade das persoas e ás culturas dos pobos, Galicia debe atopar o protagonismo histórico que lle demandan os novos tempos. Porque a defensa e reconstrucción do noso País desde procedementos democráticos e en base á nosa singularidade e ao principio de solidaridade, supón unha aposta decidida por un mundo máis acorde co recoñecemento da pluralidade cultural e da cooperación entre a variedade de pobos e culturas que conforman a humanidade, pero tamén o rexeitamento dun sistema degradado pola dictadura do instrumental que se sustancia na prepotencia duns mercados financieiros que operan non só á marxe dos grandes intereses das sociedades, senón tamén da propia economía real; e que nos están a levar á absoluta sensación de impotencia para dirixir as nosas vidas e o futuro dos nosos pobos.