Da India a Galiza, pasando pola ría de Muros e Noia

Da India a Galiza, pasando pola ría de Muros e Noia

Hoxe o mundo celebra o Día do Medio Ambiente, que estableceu a ONU o 5 de xuño de 1972. Unha data que debemos recordar máis ca nunca neste momento, no que a grave crise económica fai que Europa enteira promulgue leis ao dictado das multinacionais, esquecéndose da protección do medio ambiente e do benestar das persoas.

É Galiza, co Partido Popular no goberno, non podía ser unha escepción. A Xunta segue apostando pola incineración, coa construcción dunha nova planta como Sogama, e o seu insostíbel Plano de Residuos.

Tamén vén de facilitar a invasión da Rede Natura litoral, coa declaración da acuicultura como de "utilidade pública de primeira orde" para permitir ás empresas do rodaballo ocupar espazos da Rede Natura con hábitats prioritarios, ponteando así a lexislación vixente, tal como fixera o goberrno portugués coa macroplanta de Mira.

Así mesmo, o goberno galego non considerou a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, preferindo a construcción de tres parques eólicos que afectarán a unha zona xa declarada de Rede Natura. Mais que podemos esperar deste goberno que vai facer desaparecer a educación ambiental no noso país, pechando equipamentos ou recortando os recursos para este fin, xusto nun momento de plena crise ambiental e cando un recente estudo revela que, todas as cidades galegas superan os límites legais de óxidos de nitróxeno, contaminante xerado polo tráfico e a combustión de derivados do petróleo. Por non falar da nefasta xestión que están a facer do monte galego.

Mais hoxe os ollos dos galegos e galegas están postos na Ría de Muros, onde a instalación de gaiolas para o cultivo experimental de salmón atlántico ten alarmado aos/ás ecoloxistas galegos/as así como a xente do mar. Os informes técnicos concluen que as rías galegas non son adecuadas para este tipo de explotación acuícola, producíndose graves prexuízos polo uso de antibióticos e pensos que fican nos fondos mariños, afectado ás especies autóctonas e a zonas protexidas, mentras a Xunta de Galiza di que son inocuas e da o seu apoio a norueguesa North West Food.

O portavoz de pesca do BNG, Bieito Lobeira reiteraba recentemente que este sistema pode producir "danos irreparabeis" para a actividade artesanal e mesmo poden perigar milleiros de postos de traballo. Por esta razón, o BNG apoia activamente ás confrarías, asociacións de mexilloiros e agrupacións de mariscadoras que dende o principio manifestaron a súa oposición a esta instalación.

O BNG tamén ten reclamado outro modelo de política pesqueira fronte o que defende o Goberno do PP de apostar por substituír a actividade produtiva tradicional pola consolidación de empresas con instalacións de acuicultura industrial que pode provocar a destrución da produción pesqueira e marisqueira.

Existe futuro no mar e é posibél crear máis postos de traballo para xerar riqueza sempre que se aposte por un modelo de política pesqueira que poña en valor a este sector produtivo, e que rexenere zonas da nosa costa, como pode ser a contamidada durante anos costa de Bens, na Coruña ou a Ría do Burgo.

Hoxe 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, a Coordenadora en defensa da ría de Muros e Noia contra o cultivo intensivo de salmón, integrada por máis de 40 colectivos entre confrarías, organización de produtores/as, ecoloxistas e sindicatos, convocan unha manifestación en Muros baixo o lema "COAS NOSAS RÍAS NON SE XOGA". O percurso reivindicativo partirá ás 12 da mañá desde o porto de Muros e rematará nos muíños de maré do Pozo do Cachón coa lectura do manifesto e cunha xornada de convivio e lecer.

Moi lonxe das celebracións estériles que este ano a ONU celebra na India, a mellor maneira de conmemorar este día é achegándonos a Muros e defendendo o planeta desde Galiza, reivindicando un futuro sustentábel para as nosas rías.