Custodia compartida: necesaria ou unha arma máis do poder masculino
Nos últimos meses emerxe o debate sobre a necesidade de corresponsabilidade no coidado e atención ás fillas e fillos, a raíz da aprobación no Parlamento de Aragón da chamada Ley de igualdad en las relaciones familiares ante la ruptura de convivencia de los padres. Neste mesmo sentido xa se ten pronunciado o presidente da Xunta de Galiza, no proxecto de elaboración dunha lei en termos similares e outras comunidades, como por exemplo Valencia. Tamén desde o Estado español están a ofrecernos este mesmo discurso.
Discurso falso e demagóxico que non pretende favorecer a igualdade entre os sexos, senón utilizar aos/as menores para seguir nalgúns casos maltratando e controlando a muller, xa ex-muller. Sen dúbida ningunha, a custodia responsábel e compartida polas dúas figuras, nai e pai sería o ideal para o interese das e dos menores, pero sempre e cando exista un acordo voluntario entre ambas as partes e a suficiente cordialidade e boa fe para levalo a efecto.
Porén, as dificultades xorden á hora da práctica porque as resistencias e intereses patriarcais crean trampas que frecuentemente aparecen envoltas nunha aparencia de igualdade (neomachismo), como acontece no suposto que estamos a analizar.
Na lei de Aragón prevese que en caso de desacordo, o/a xuíz/a deberá estabelecer preferentemente a custodia compartida para 'garantir a ambos os proxenitores o exercicio dos seus dereitos e obrigacións en situación de igualdade'. A posibilidade de que un/unha xuíz/a poida impor a custodia compartida, ante o desacordo de ambos os proxenitores e coa oposición explícita dunha das partes ou incluso de ambas (como se recolle na lei de Aragón) é unha grave distorsión no avance cara a unha sociedade igualitaria. Impor coercitivamente a custodia compartida, aínda que a situación entre a parella sexa que nin se dirixen a palabra (e pouco van poder compartir neses casos, máis que as desavinzas e incrementar as fontes do conflito) non parece nin lóxico nin redundará positivamente no desenvolvemento das crianzas.
Parece loábel esta suposta pretensión de igualdade mais posto que o reparto de responsabilidades se estabelece durante a convivencia, non sería máis lóxico que esa preocupación pola igualdade se manifestase cando aínda é tempo de mudar as pautas de comportamento? Se tan interesados están en que os pais coiden, como é que non reivindican a equiparación do permiso de paternidade co de maternidade?, como é que non apostan pola coparentalidade responsábel desde o nacemento?
Se existise unha preocupación real pola corresponsabilidade e coparentalidade, os poderes públicos tomarían medidas efectivas, empezando por eliminar todos estes mecanismos trampa e seguindo por estabeleceren as condicións efectivas para a corresponsabilidade:
Permisos iguais e intransferíbeis por nacemento ou adopción, para ambos os proxenitores. Así, desde o principio, a participación no coidado e atención infantil podería darse en condicións de igualdade. O 80% dos homes toma o actual permiso de paternidade de dúas semanas. Por que non se amplía até 16 semanas?
Universalización da educación infantil desde os 0 anos.
Horarios a tempo completo máis curtos, racionais e flexíbeis...
A coparentalidade responsábel require cambiar as regras do xogo patriarcal desde o principio de calquera forma de convivencia. En caso de divorcio, os efectos devastadores da desigualdade maniféstanse máis visibelmente de cara ao exterior. Todos os divorcios son traumáticos mais sono moito máis cando eles estiveron á marxe do coidado e elas foron economicamente dependentes deles. Ás pelexas usuais nestes casos, engádese o desencontro entre dúas persoas que están en universos disxuntos e incompatíbeis e cuxa fronteira é difícil traspasar. É difícil reinserirse no emprego de calidade aos 41 ou 42 anos (41,5 anos é a idade media das mulleres no momento do divorcio), e máis en tempos de crise. Tampouco é fácil aprender a coñecer e a coidar o teu fillo ou a túa filla cando ten 6 anos e ti 44 (idade media que segundo o INE teñen os homes no seu divorcio) Hai que comprender e paliar a situación das persoas implicadas, especialmente as que se atopan en situación máis vulnerábel: mulleres sen ingresos, mulleres acostumadas a facer do seu fogar o centro do seu mundo, mulleres sometidas a malos tratos, etc. Mais normalmente actúase como se nada diso existise, esquécese que o sacrificio da vida profesional é irreparábel, esíxeselles ás mulleres un cambio radical que é altamente improbábel.
O modelo non se cambia con efectos retroactivos. Haberá que eliminar a causa que conduce a tanto desastre e sufrimento, que non é outra que a división sexual do traballo. Haberá que implantar medidas que impliquen os pais ao mesmo nivel que as nais desde o nacemento.
Moitos homes lémbranse de cambiar o modelo cando se divorcian e non antes, e iso é o verdadeiramente preocupante, e as consecuencias sempre son para as crianzas. Evidentemente e non podo obvialo, cada vez hai máis pais, parellas que fan exercicio do coidado corresponsábel das fillas e fillos, durante a convivencia do núcleo familiar e a posteriori cando este se rompe. Mais tamén temos que clarificar, por que nestes momentos interesa lexislar sobre unhas cousas e outras non?? Interesa lexislar sobre custodia compartida?? E non sobre permisos parentais?? Interesa seguir sometendo as mulleres???
Convén clarificarmos os debates e non confundirmos igualdade con outras posturas que están sempre a criticar e a deslexitimar os avances e as medidas que se estabelecen a prol da igualdade. Igualdade SI, corresponsabilidade SI, custodia compartida SI... A custodia compartida é necesaria ou unha arma máis do poder masculino??? Dependerá do caso, pero non a empreguemos para atacar as mulleres, non pervertamos máis o sistema.