Cus de mal asento
Nas parábolas atopamos a miúdo a mellor maneira de transmitir ideas. Coas parábolas fixo a súa igrexa o fillastro do Carpinteiro. No meu relato non hai nada de ficticio, pero amañeino de tal xeito que se lle poida sacar algún proveito. Trátase do pintoresco Belarmino, famoso personaxe que ruaba polo Barco de Valdeorras alá polos cincuenta. Xa leva chovido desde entón, pero a súa lembranza non escampou aínda na memoria dos que casualmente moceamos con el algunha vez. Tiña una boa planta, non hai dúbida. O que se di popularmente, non estaba de mal ver. Mais, curiosamente, a sona de Belarmino víñalle da falta de predicamento coas mulleres. Apúñalle á roupa a carencia de atractivo para o sexo feminino. Como na casa había una boa adega e quedaban aínda reservas do volframio de Casaio, baleirou os comercios da vila das mellores pezas. Inclusive botou á cabeza un sombreiro de feltro, cando xa o chapeu deixara de ser un elemento necesario para facer un bo vestir. Así, ataviado coas galas de festas e romarías, plantouse diante do espello do roupeiro do seu cuarto. Mirouse de fronte e perfil. Descubríuse, como é de cortesía cando se está en lugar cuberto, e co sombreiro trazou un semicírculo que baixaba oblicuamente desde o ombro esquerdo cara a dereita, xesto de galantería dos cortexadores clásicos. Falou consigo: "Bos zapatos, bo traxe e ben alisadiño polo ferro, excelente gabán, gravata floreada e un bigote que mesmo camparía no beizo de Rodolfo Valentino. ¿Que é o que me falta a min?" Agardaba a resposta do Belarmino bis que falaba ao outro lado do espello, pero chegoulle a través da porta que deixara aberta: "Cabeciña, rapaz. Sentidiño é o que che falta a ti, malpocado". Era a voz do pai que cos cartos tiña que suplir os delirios dun fillo toleirán.
Acabouse a fábula, se queredes considerar como tal un feito real que non ten nada de ficción. A importancia dos apólogos está nas ensinanzas que conteñen. E son varias as conclusións que podemos tirar da narración. A que a min me importa é a que ten aplicación no campo da política. Hai por aquí algúns Belarminos que atribúen os erros conceptuais a problemas de roupeiro. Son unha especie de fervellasberzas que non acougan en ningún lugar. Ao longo das súas andanzas partidarias foron pasando por distintas siglas. Son especialistas en abrir e pechar portelos, pois partido que crean partido que enterran. Cando agora falan de dotar o país de espazos alternativos ao que actualmente ocupa o nacionalismo organizado, ou pensan resucitar proxectos que están a podrecer na sepultura, ou recoñecen implicitamente o fracaso das súas experiencias políticas anteriores. En entrambos casos pouco creto lle aportan as súas credenciais para conseguir que o pobo os invista de profetas. Os problemas de Galiza son tan serios que non se lles pode confiar a solución a mortos, a fracasados ou aqueles que queren facer historia camiñando a ceacú. As únicas fazañas do cangrexo son as que logrou deleitando o padal dos comensais das boas mesas. Non convirtamos o nacionalismo en bocado dos nosos inimigos.
Os proxectos máis ambiciosos, máis altruístas, son vítimas das eivas propias da natureza humana. Os deuses están a cumprir cadea perpetua no Olimpo. O trunfo pertence a quen sabe levantarse cando cae e corrixir os erros cando se equivoca. Os que peitean canas ou xa carecemos delas recordamos unha morea de siglas que a clandestinidade legou á transición política. En todos os campos. As que non esmoreceron por cansanzo, anemia ideolóxica ou falta de clientela, foron deglutidas polos partidos representativos do sistema. É curioso ver unha socialdemocracia comandada por trosquistas veteranos. Na comedia grega valían máis as caretas ca o coturno dos actores. O nacionalismo non foi alleo a este proceso. Aquelas mesas nas aulas universitarias nas que cada ponente era representante de si mesmo non tardaron en desaparecer. Despois de máis de trinta anos, contra vento e marea, con altos e baixos, con moitos erros a e algúns acertos, o nacionalismo permanece como organización e como alternativa. E un partido político, curtido e decimado na Ditadura, contribuíu a crear e soster ese proxecto colectivo. Contando, iso si, co esforzo e protagonismo inestimábel de moitos patriotas alentados polo único ideal dunha Galiza liberada. ¿Onde estaría o proxecto de estar cimentado en partidos que pouco a pouco foron desaparecendo? Aínda que fose por iso nada máis hai unhas siglas que merecen a estima de todos os militantes nacionalistas, dunha ou doutra ideoloxía. Apostilar de burocrático a un partido que ten no expediente desterrados, represaliados e incluso mártires, e que nunca pediu anos sabáticos para ausentarse da loita, é unha covarde provocación, se quen isto afirma é coñecedor do historial.
Con idénticos ou semellantes argumentos aos que agora se aducen ensaiáronse xa outros proxectos. ¿Por onde andan agora os protagonistas daquelas aventuras? Os que non se xubilaron da política permanecen nela só por amolar. Son tan miopes que pensan que está dentro o inimigo que vén de fóra. Hai que deixalos. Serven de espora para que o cabalo poida galopar. ¿Ou tan só para ladrar? Xa o veremos. En Rucio ou Rocinante o cabaleiro avanza. Mentres, o escudeiro agarda á porta da ínsula para encher a panza. Ao vulgo, desgraciadamente, poucas veces o deixan falar, pero cando fala acerta. A estes personaxes bailanacriba chámalles cus de mal asento. Definición certeira. Aquécelles ben aos que soltan por baixo as sentenzas que sería indecoroso pronunciar pola parte de arriba. Teñen que pór o discurso onde está a verba.
Superada a tentación dos arroutados, o nacionalismo tivo que vencer despois a dos moderados que chegaron á hora do xantar. Contra esta non está aínda totalmente vacinado. Pensar que a recuperación de espazos electorais significa a restauración ideolóxica é un espellismo que nos pode desorientar no medio do deserto. Vaiamos ás urnas conquistando pobo. Isto é o primeiro. Non enterremos nelas os principios e as análises políticas. A moderación do nacionalismo pasa pola súa españolización. É unha evidencia. En lugar de atraermos aos que están fóra, son eles os que nos poden alonxar da patria. Non serven para nada as urnas se para conseguilas temos que entregar Galiza. Coido que o lector me comprende sen ter que pasar polas explicacións impartidas nas aulas de Fonseca.
Se non fose porque o forno xa enfriou para cocer máis pan, eu diría propio dunha mentalidade exclusivamente posibilista, e tamén desorientada, a que mide a saúde do nacionalismo só pola loita contra o partido que goberna na Xunta de Galiza. É a explicación máis benévola que eu atopo para as acusacións feitas por quen ve o único inimigo na dereita. Non me extraña. É o síntoma delator dunha ideoloxía extraviada. Non volvamos ás andadas. A confusión de obxectivos significa desorientación de ideas. O antónimo do nacionalismo está no españolismo, e que abrangue todo o abano ideolóxico comprometido cunha Constitución que sacraliza a unidade indivisíbel da nación española. Non é esta unha afirmación gratuíta, nin quero que dela se deduza que aplico a mesma fórmula ás cuestións tácticas e aos problemas estratéxicos. Pactos si, con quen conveña e os intereses políticos esixan. Pero, teñámolo en conta, amarrando o socio polo bico, unha materia na que aínda andamos peixes. Os independentistas arxelinos non distinguían entre os socialistas da SFIO e os gaullistas de Rassemblement du People Français.
Pero o máis grave é que nesta altura o bipartidismo interpreta a mesma melodía con distinta letra. A que anos atrás cantaba Luís Cilia. Hai unha dereita de reclinatorio e outra que, renegando da auga bendita, recolle a carteira ministerial facendo promesa de fidelidade ante un crucifixo de primeira división. Unha dereita retro e outra dereita progre. Non podemos ler o presente cos anteollos do pasado. E ollan a historia con gafas escuras os que poñen o inicio da idade moderna na caída do muro de Berlín. A división continúa nas mentes e na sociedade. Non é un segredo para o pensamento político máis actualizado que a socialdemocracia que temos é a fariña coa que o lobo capitalista unta a pata para enganar os cabritiños. O sistema foi substituíndo boinas por birretes. A boina está agora no Monte Pío e o birrete na Moncloa. ¿Quen puxo de trincheira contra o avance da crise o peito dos traballadores? ¿Quen impulsou un proceso acelerado de privatizacións? ¿Quen está agredindo o sector financeiro galego empurrando as caixas cara a súa bancarización? ¡Vaia neoloxismo! Neste e noutros aspectos que non cito agora é onde se impulsa desde o Goberno unha revolución: a do idioma. Dentro de pouco, a bancarizarnos todos, xa que compre superar a dependencia da fumeta. Como profano que son non quero dar a opinión sobre un tema que levo no corazón. Pero hai economistas de por acá -de moita cabeza pero pouco corazón- que consideraban a fusión das caixas galegas unha unión tan impúdica coma un matrimonio incestuoso. Pois ben, hai que disparar, racionando as reservas de munición. Depende de criterios diferentes a escolla da diana á que debemos apuntar primeiro. Os da aldea, coma min, preferimos o birrete. Os elitistas, dispararlle á boina.
Un consello derradeiro. Ninguén pode arrogarse máis representación ca a que as bases lle entregaron. Cúlpeas a elas se lle parece insuficiente. ¡Xa está ben de ter que escoltar sempre as mesmas parvadas!