Curso novo e eles cos apuntamentos vellos. Acceso libre á universidade!

Curso novo e eles cos apuntamentos vellos. Acceso libre á universidade!

No últimas liñas que tiven o pracer de verter neste Terra e Tempo dixital daba conta, dun xeito pedagóxico e esquemático, ou esa era a intención, de como o EEES se deixaba sentir na Universidade Galega e cales eran as súas plasmacións máis nídias. Dicíavos, asemade, que nunha segunda entrega afondaría en máis consecuencias deste plano e nas batallas que cómpre librar a día de hoxe desde as aulas do país, por moito que algunha xa teña cheiro a vello.

Como ben saberedes, o luns pasado vén de comezar un novo curso académico e con el un bo feixe de estudantes aterrizan nas facultades de Galiza, nesta ocasión coa práctica totalidade das licenciaturas e diplomaturas adaptadas a grao. Esta xeración de mozos e mozas galegos non é unha de tantas. É unha xeración que vén da man, forzada, de tres dos atrancos máis frecuentes no que ao acceso e mantemento do estudantado na universidade se refire, mais se por algo se caracteriza o presente curso é polo seu endurecemento. Dicimos tres: selectividade, taxas e límite de prazas. Sen dúbida, podiamos acrecentar máis, mais antes debullemos estes.

Un destes atrancos xa nos vén moi ben analizado desde o ensino medio e non é outro que a selectividade. Os CAE no seu momento, herdanza que asumen como non ía ser doutro xeito os Comités, sempre se posicionaron rotundamente en contra da selectividade por ser esta unha proba vergoñenta tanto para o estudantado como para o propio sistema educativo xa que non é comprensíbel que se estabeleza como necesario ter de superar uns exames para poder acceder á carreira desexada. Isto o que fai é presupor que este sistema non garante a aptitude dos e das estudantes que superan o Bacharelato, logo admite o seu fracaso e bota sobre as costas dos estudantes a súa propia incapacidade.

No curso pasado impúxose unha reforma da selectividade, ou o que é o mesmo: do acceso á universidade, seguindo o mesmo espírito iniciado anos atrás coa implantación do EEES no ensino superior. Inicialmente, vendeuse a nova Selectividade como máis sinxela e flexíbel para o conxunto do estudantado mais na práctica demostrouse que o único que fai é crear novos atrancos para acceder á Universidade.

A principal característica que chega con esta reforma é a posibilidade de escoller exames optativos sobre catro puntos adicionais que só se terán en conta dependendo da carreira escollida logo de realizar as probas de acceso. Exames optativos na teoría mais non na práctica, sobre todo para aqueles que escollerán no futuro carreiras máis demandadas aos que se lle poñen maiores trabas para acceder a esas mesmas.

Dáse, ademais, unha peculiaridade convertida tamén nun novo obstáculo para entrar na Universidade con esta reforma. Por unha banda, faise necesario que o estudante teña clara cal será a súa carreira antes de facer a selectividade e pola outra, este descoñecerá (incluso cando saiba a súa nota da Selectividade) cal é a nota de corte para acceder a carreira que ten escollido. Neste senso, fanse as probas de acceso sen saber a nota precisa para entrar nunha carreira supostamente xa escollida, o que tamén imposibilita en gran medida a escolla previa doutras carreiras como seguintes opcións.

Alén diso, supón tamén un atranco para aqueles estudantes que opten por mudarse de carreira mais que se examinaran antes da reforma do Selectivo. Así, devalúase a súa nota e obrígaos a volver a presentarse aos novos exames optativos para subir a súa nota creando, polo tanto, novas trabas.

Ule a vello isto da selectividade si, mais por iso cómpre que os Comités sigan a se reafirmar en que a única reforma posíbel da Selectividade é a da súa eliminación e con ela garantir, dunha vez por todas, o acceso libre á Universidade.

Como dixemos antes, os atrancos que temos de debullar conformaban unha tríade. Agora vén o segundo: as taxas. Máis un curso, este non podía ser unha excepción, soben as taxas universitarias e aumentan o prezo das novas matrículas universitarias. Neste ano, 2010-2011, a suba estabelécese entre o 1,5 % e o 5,5 %, sendo na Galiza do 1,5% segundo anunciou a Xunta. De novo, o Partido Popular amosou a súa falta de sensibilidade participando activamente desta suba, cando tiñan manifestado publicamente que tiñan a intención de conxelar as taxas da matrícula na Galiza. Isto non é unha cuestión menor, máis aínda, se atendemos ás condicións económicas do noso país xa que Galiza ten unha das rendas máis baixas de todo o Estado.

Cómpre explicar que é o Goberno do PSOE no Estado quen impón esta suba estabelecendo o incremento do IPC como porcentaxe mínimo de crecemento das taxas, impedindo que na Galiza, a pesar de termos competencias exclusivas en educación, se poidan deseñar políticas de prezos públicos que corrixan as subas arbitrarias e excesivas que se veñen producindo nestes últimos anos.

A actual Consellaría de Educación, co señor Vázquez á cabeza, non cuestiona este modelo e escúdase en que é o mínimo legal que pode subir fecendo parte desta política de prezos públicos correspondente a un enfoque claramente mercantilista. Será que andan demasiado atarefados traducindo libros do galego ao español (e ao inglés of course), visando que se cumpra o seu decreto, recurtando o financiamento universitario ou despedindo profesorado...

Todo isto ocorre, en grande medida, porque a Xunta de Galiza segue sen ter a competencia sobre as bolsas que eximen do pagamento das taxas o que imposibilita, ademais, o desenvolvemento dunha política galega de bolsas que asegure o acceso igualitario á Universidade.

Terceiro e último atranco, por hoxe, no que se refire ao acceso ao ensino universitario: o límite de prazas. A existencia deste límite provoca que moitos e moitas estudantes non poidan acceder á titulación que desexan e isto, sen dúbida, é unha das principais causas do abandono da Universidade. A día de hoxe, este feito é bastante grave, máis aínda, cando se sabe que se pode soportar a nivel económico e infraestrutural que todo aquel que queira estudar unha titulación o poida facer sen ningún problema.

Parello a isto último observamos como na implantación da práctica totalidade da implantación dos títulos de grao se vén de confirmar a diferenza de custo e de prazas entre os graos e os posgraos provocando, desta maneira, unha selectividade económica e académica que dificultará, máis unha vez, o acceso e mantemento do estudantado na universidade.

En resumo, son moitos os atrancos que separan ao estudantado galego da universidade e son moitos os esforzos que aínda nos fican por facer para conquerirmos un ensino verdadeiramente galego e público na nosa nación. Para iso e por iso existen os Comités, mal que lle pese a algúns.