Cumpre prepararnos xa para a pós-crise

Cumpre prepararnos xa para a pós-crise
Ben sei que parece que o mundo ficou parado co confinamento. Mais non nos enganemos: o centralismo, o capitalismo e o imperialismo non descansan nunca e quen pensa que esta crise vai derrocar a actual orde mundial trabúcase seriamente: pode que nestes momentos haxa moit@s traballador@s que ficaron sen emprego e que deixarán de cobrar no fin do mes, mais non cabe dúbida de que a banca –rescatada outrora co diñeiro de tod@s– si vai seguir cobrando ao igual que sempre e, por outro lado, tamén parece que o ‘espírito do empreendedorismo’ está máis vivo do que nunca....

En efeito, o mundo segue a xirar, e o capitalismo e o patriarcado seguen a brear, se cabe mesmo cunha forza redobrada. Mais o bombardeamento permanente e monotemático sobre a COVID-19 a que nos submeten os meios, repleto no caso da habitual manipulación da TVG de incesantes e interminábeis comparecencias do Presidente de cara às vindeiras eleccións, serve de pretexto perfeito para camuflar a existencia doutros problemas máis arraigados que se prefiren calar apesar de que seguen a fustigar o noso país.

Eis, pois, para que non caian no esquecimento, unha listaxe moito menos que exhaustiva dalgúns destes outros problemas que tentaron silenciar e deixar ben enterrados ao longo destas pasadas semanas:

Non é só que a violencia de xénero non dea tregua, mais todo indica que o confinamento forzado, que leva implícito unha vixilancia e controlo continuados e totais, ha agravar a situación e tornar case infactíbel a posibilidade de denunciar os agresores. De facto, xa se rexistraron varios casos na Galiza. Vaticínase tamén que, polos mesmos motivos, ha aumentar de xeito insidioso o abuso a menores. Non debe haber pior pesadelo do que acharse permanentemente enclaustrad@ co teu verdugo.

Tamén continúa o asasinato de persoas trans –sobretodo mulleres– ao redor do mundo e as asociacións LGBT tamén alertan contra os problemas que poden sufrir persoas pertencentes ao colectivo en voltando para as súas casas, ao verse obrigadas a meterse de novo dentro do armario por medo à LGBTfobía familiar, con todas as posíbeis secuelas psicolóxicas que isto pode supor.

Noutra orde de cousas, debido ao legado de inoperancia da política da Xunta na materia, os incendios florestais xa voltaron causar estragos no noso territorio, con lumes desde Valdeorras até Mazaricos. A cobertura mediática desta praga foi mínima, cando non directamente nula. Porén, despois da crise, o País dependerá dos seus bosques ao igual que antes e a problemática xerada pola eucaliptización non desaparecerá como por arte de maxia grazas ao coronavirus.

Tamén as agresións ao galego non cesan. Máis ben todo o contrario, pois o estado de alarma, chegado como auga de maio, serve de escusa ideal para a diglosia pública co fin de demostrar que as cousas serias as hai que facer en español. E, como @s galegofalantes tamén entendemos español, que non nos queixemos neste momento tan difícil se non se respeitan os nosos direitos lingüísticos. A ver se somos quen de os recuperarmos despois...

Do mesmo xeito, ao mesmo tempo que se aproveita a pandemia para reforzar o papel central dun Estado forte e unitario apoiado por un despregamento do exército sob o comando único dirixido desde Madrid, tamén se emprega a crise para varrer para debaixo do tapete os escándalos que rodean a casa real que xa se coñecían hai tempo.

E, apesar de todos os pesares, por moito que non ouzamos falar del, o imperialismo non cede nen un ápice no cenario internacional. Así, a Turquía continúa cos seus ataques xenocidas contra o povo curdo e non lle treme o pulso à hora de deixar morrer en greve de fame a militante curda Helin Bölek; o Estado Sionista utiliza a pandemia para seguir avante coa súa política de exterminio do povo palestiniano; e, aproveitando que o foco de atención está colocado na epidemia e para desviar a atención sobre a ineptitude do seu Presidente na xestión da crise, os EUA seguen avante coa súa política belicista contra o Iraque...

O contexto actual de emerxencia sanitaria e de crise social e económica é certamente complexo, mais apesar del e devido sobretudo às consecuencias que del han derivar, non é o momento de caírmos na pasividade e baixarmos os brazos con resignación.

Cumpre analisar a situación para seguirmos reaxindo face às políticas retrógradas, oferecendo alternativas en chave positiva, non só a curto prazo para saírmos da crise sanitaria máis imediata, mais tamén para resolver os problemas estruturais máis profundos que aflixen o noso país, entre eles a imperiosa e urxente necesidade de reforzar o sistema público de saúde –tanto física como mental– para que estea à altura de atender as necesidades específicas do povo galego no século XI.

Hai quen di que non son tempos para falar de política. Máis ben todo o contrario. Como nos demonstra todos os días o Presidente da Xunta, todo o que está a pasar hoxe está empapado precisamente de política.

E, se ben hai que recoñecer a necesidade de a populación manter unha acción coordinada e seria para impedir o avanzo da epidemia, hai que estar extremadamente vixilantes a respeito de todos os cortes nas liberdades básicas que se están a introducir por iniciativa do Estado central, así como en relación co papel que agora desempeña o exército na vida civil, para que todo isto non conduza a unha involución democrática prolongada e indefinida. Despois da crise, a Galiza tamén precisará –se cabe aínda máis do que antes– do noso esforzo para a defender perante a progresiva centralización e espoliación. E este traballo hai que o ir preparando xa.

Convídovos a ler o documento “Diante da emerxencia sanitaria e da crise económica e social”, elaborado polo Secretariado Político da UPG.