Cuba en Angola

Cando, en decembro de 1898 en París, os españois asinan o tratado de rendición tras a súa derrota na Guerra de Cuba, os estadounidenses non permiten a presenza de cubanos, filipinos e portorriqueños; os tres territorios que cuñaban nese tratado a súa «independencia». Era o o comezo dunha nova colonización destes tres pobos que a día de hoxe aínda se mantén en Puerto Rico e que rematou en Cuba, en 1959, co triunfo da revolución.

Calquera que tivese oportunidade de coñecer ou estar na República Árabe Saharaui Democrática (RASD), sabe que a existencia da lingua española e da instrución de alumnos de ensino medio e universitario durante estas derradeiras tres décadas é responsabilidade de Cuba, tanto nos campamentos do deserto, hoxe con colaboración económica e material venezuelana, como na propia Cuba, lugar en que durante anos recibiron ensino universitario centos de saharauis.

Dous feitos coinciden neste decembro de 2013 en África relacionados con Cuba: a morte de Nelson Mandela e o 25º aniversario da sinatura da fin do apartheid e da independencia de Namibia, ámbolos dous relacionados e nos que Cuba tivo papel protagonista.

Namibia foi colonia alemá, froito da repartición colonial e imperialista europea de territorios africanos do século XIX. Durante a primeira guerra mundial, en 1915, Sudáfricai ocupou Namibia até chegar a 1946, cando as Nacións Unidas rexeitan as pretensións sudafricanas de se anexionar o país.

A partir de 1958 a loita armada en Namibia organízase baixo as siglas do Ovambolandii People’s que no 1960 sería rebautizado como South West Africa People Organization (Swapo), fronte armada que conseguiría da man do seu líder, Sam Nujoma, a independencia definitiva en 1990.

A presenza cubana na autodeterminación de Namibia ten que ver coa vitoria de Angola sobre a dominación portuguesa e a febleza do país independente para deter a invasión de Angola polo exército sudafricano en agosto de 1975iii.

O presidente angolano, Agostinho Neto, ao abeiro do artigo 51 da Carta das Nacións Unidas, solicita a axuda das tropas cubanas para deter a invasión e salvagardar a independencia do novo país. Máis de 380.000 militares e 75.000 civís cubanos participaron na defensa da liberdade angolana contra o invasor sudafricano.

A alianza entre as Forzas Armadas Revolucionarias de Cuba (FARC), o angolano (FAPLA) e a Swapo contra o agresor sudafricano trouxo como consecuencia a independencia de Namibia. Non foi até novembro de 1987, cando Cuba decide enviar máis armas e tropas a Cuito Cuanavale, cando Sudáfrica non empeza a perder capacidade fronte á alianza tripartita imperialista. Estados Unidos, ante unha derrota sudafricana, ofrécese como mediador para alcanzar a paz en 1988iv . Malia isto, en xullo de 1988 as FARC atacan os sudafricanos en Calueque e aniquilan o seu 61 batallón.

Foron os angolanos os que exixiron a Estados Unidos, que aparecía como mediador malia ser aliado de Sudáfrica, a presenza de Cuba ao carón de Angola contra Sudáfrica nos acordos de paz.

Cumpríronse todos os acordos. Un mes antes era liberado Mandela e aplicábase a resolución 435v da ONU en Namibia, que convocaba eleccións, que gañou a Swapo, e asumía a presidencia o seu líder Sam Nujoma.
Malia impedir Estados Unidos a presenza de Cuba na sinatura dos tratados de paz de París en 1898, a imposición desa exixencia por parte de Angola e a Swapo significou un pequeno acto de restitución e xustiza, ante ese pequeno «gran de millo» chamado Cuba.


Sites de interese:
Por que os media agochan a decisiva intervención de Cuba no final do apartheid?
Morrer por Angola
Radio Rebelde: Cuba e Angola unidas pola historia
The New York Times: a estraña misión de Cuba en Angola

i Aliada da Gran Bretaña e, polo tanto, inimiga de Alemaña na I Guerra Mundial.
ii Territorio base en Zambia.
iii O 9 de agosto de 1975 o exército sudafriano invade Angola, concretamente a hidroeléctrica de Ruacana-Calueque e outras instalacións estratéxicas do río Cunene.
iv As conversas tiveron lugar o 3 e 4 de maio en Londres. O 24 e 25 de xuño en Cairo até chegar ás definitivas do 22 de decembro en New York.
v Resolución 435 (1978) xurdida dos contactos estabelecidos polo Grupo Occidental da ONU e o estabelecemento do Grupo de Asistencia das Nacións Unidas para o Periodo de Transición (GANUPT, 1978) en que se convén a necesidade dun proceso de paz para o problema da continua ocupación do territorio de Namibia por Sudáfrica.