Cuba, 60 anos de Revolución

Cuba, 60 anos de Revolución

En 2019 conmemórase o 60 aniversario da revolución dos barbudos, que derrotou ao ditador Fulgencio Batista e deu inicio a un proceso político de marcado signo anti-imperialista, que buscaba a plena independencia e a creación dunha sociedade máis xusta; proceso político e que en 1961 se marcou como obxectivo a construción do socialismo.

Nestes 60 anos foron moitas as vicisitudes polas que pasou o povo cubano, con grandes avances e importantes conquistas que situaron a Cuba á cabeza do mal chamado terceiro mundo na maioría dos indicadores empregados para calcular o Índice de Desenvolvemento Humano (IDH); unha situación que si xa é meritoria nunha pequena illa do Caribe, aínda o é moito máis se temos en conta que a economía cubana sofre desde 1961 un embargo decidido polos EEUU; embargo transformado posteriormente en bloqueo e que non só afecta á relación comercial entre ambos estados, senón que ten consecuencias para os posíbeis intercambios de Cuba con terceiros.

Nestes 60 anos tamén houbo erros e retrocesos, uns debido ás condicións impostas polo bloqueo e outros por unha copia mimética do modelo soviético que impediu o desenvolvemento creativo das potencialidades revolucionarias do povo de Martí. Pero incluso nos momentos máis difíciles, como o desembarco dos contrarrevolucionarios en Baía Cochinos en abril de 1961 ou o coñecido como Período Especial na década de 1990 provocado pola caída da Unión Soviética e do chamado campo socialista, o povo cubano mantivo izada a bandeira da independencia e da confianza nas súas propias forzas para superar as dificultades e seguir camiñando na construción do seu propio futuro.

É curioso que unha pequena illa do Caribe, con pouco máis de 11 millóns de habitantes e que non posúe, que se saiba, grandes reservas de materias primas e fontes de enerxía sexa obxecto de tanto debate e controversia desde hai case sesenta anos, con persoas que se posicionan a favor da revolución e outras que se posicionan totalmente en contra. Un debate que se produce tamén nas Nacións Unidas, onde desde hai 27 anos a Asemblea Xeral debate e vota sobre o bloqueo imposto polos EEUU, votación que as vinte e sete veces deu o mesmo resultado de condena do bloqueo.

É curioso tamén que cando hai unha pandemia como a do ébola Cuba envíe centos de médicos e persoal sanitario para atallala e as potencias occidentais só teñan preocupación en que a enfermidade non chegue ao seu territorio.

É curioso que sexan moitos os estados que contan con colaboración sanitaria prestada por persoal cubano, e que Cuba estea sempre disposta a enviar axuda humanitaria diante de calquera catástrofe.

É curioso tamén que Cuba exportara o seu método de alfabetización “eu si podo”, conseguindo alfabetizar a máis de oito millóns de adultos en 28 países, un método que non se queda só en conseguir que se adquiran as destrezas para ler e escribir senón que vincula a aprendizaxe da lecto-escritura co medio no que desenvolve a súa vida a persoa.

É curioso que nun estado que sofre día a día desde hai case sesenta anos a agresión do imperialismo ianqui, con múltiples intentos de asasinato dos seus dirixentes, atentados, propaganda, compra de vontades, creación de disidentes...., non se teñan producido nin revolucións de cores, nin revolucións das flores, nin actos violentos de protesta diante das moitas dificultades polas que ten pasado a povoación.

Non é un mito o de que ningún neno e ningunha nena cubanas vivan na rúa ou teñan que traballar cando están en idade escolar.

Non é un mito que en Cuba o número de feminicidios, unha lacra en América Latina e non só alí, sexa case inexistente.

Non é un mito que, despois de recoñecer e rectificar erros cometidos no pasado, hoxe a diversidade sexual estea integrada na vida social cubana con naturalidade.

Tampouco é un mito que en Cuba hai problemas en canto ao acceso a internet, que son visíbeis diferencias e desigualdades debidas fundamentalmente á importancia que hoxe xa ten na súa economía o sector turístico. Que as veces hai problemas de abastecemento de medicamentos de primeira necesidade, ou que hai aínda moitos restos da mentalidade creada cando era a Unión Soviética a que subministraba a Cuba todo o que precisaba debido á súa posición estratéxica, mentalidade pouco afeita a valorar a propiedade colectiva como algo a coidar e preservar e a valorar o traballo ben feito e a produtividade como unha aportación á sociedade.

Cuba non é un paraíso, pero Cuba significa 60 anos de resistencia, 60 anos de loita por preservar a soberanía nacional, e 60 anos no camiño da construción dunha sociedade máis xusta, no camiño do que algúns e algunhas denominamos socialismo.

Á hora de falar de Cuba debemos tirar os anteollos eurocéntricos cos que sempre miramos o mundo e que nos fan ter unha visión deformada. Hoxe semella estar maioritariamente admitido na nosa sociedade que é discriminatorio tratar de igual xeito a quen son distintos ou parten de circunstancias distintas; pois á hora de falar de Cuba debemos ter iso en conta e non podemos facer trampas avaliando a súa realidade en base a parámetros europeos. Cuba, aínda que moita xente non se decate, é un país centroamericano , os seus veciños e por tanto aqueles cos que sería lóxico facer calquera comparación son Xamaica, Haití, República Dominicana, Guatemala, Honduras, México, Colombia... e en calquera comparación o povo cubano sae gañando.

Cada povo debe escoller a transitar o seu propio camiño e a historia ten confirmado a inexistencia de modelos que poidan exportarse, pois os procesos revolucionarios só son exitosos cando xorden da capacidade creativa e da organización do propio povo, tendo en conta a súa historia e as súas peculiaridades, e dando prioridade á formación político-ideolóxica e intelectual das persoas para que pasen a ser protagonistas da construción do seu futuro.

A experiencia cubana, con todas a súas imperfeccións e con todos os seus logros, é un exemplo a estudar por quen buscamos construír un mundo de nacións libres e xustiza social, pois como dixo Fidel Castro nun discurso pronunciado no ano 2000 conmemorando o Asalto ao Cuartel do Moncada “(...)Moitos esperaron en balde durante anos a noticia de que a Revolución deixara de existir. O noso povo resistiu inconmovíbel. A fazaña sen precedentes que foi capaz de realizar énchenos de lexítimo orgullo. Nada impediu as extraordinarias conquistas sociais alcanzadas que hoxe son obxecto de admiración por todas as persoas honestas do mundo. Nada impediu as páxinas escritas con letras de ouro no libro da historia do internacionalismo e a solidariedade entre os povos. Nada poderá borrar o exemplo que demos ao mundo. Os nosos sentimentos patrióticos profundáronse e os nosos sentimentos internacionalistas multiplicáronse ao sementarse na alma do povo cubano a máis fermosa das ideas martianas, cando afirmou que "patria é humanidade"(...)”