Crucifixos e tricornios contra bandeiras da Patria

Crucifixos e tricornios contra bandeiras da Patria

“... Volvemos hoy al refugio de nuestra patrona a pedirte que nos ampares en otras batallas. La crisis económica, la de valores, el paro, las injusticias y el dolor de los que más sufren son ahora nuestros enemigos; los males que nos acechan y que amenazan con dañar los valores que nos han hecho ciudadanos orgullosos de nuestro pasado y esperanzados con nuestro futuro (...) Protégenos de las injusticias. Intercede por los que peor lo están pasando: los desempleados, los marginados, los enfermos…”. Un alcalde dunha cidade de máis de 246.000 habitantes, con avenidas denominadas Primo de Rivera, pronuncia este discurso nun acto público, a a “función do voto”, no interior dunha igrexa, fronte ao altar, custodiado por unha gran talla da virxe do Rosario, por un crucifixo e polo bispo. Amais dos cregos, acompañan o alcalde grupos de homes con gravata e algunha que outra muller con mantilla española. Un día despois, o mesmo alcalde, na mesma cidade, participa nun acto da garda civil. Desta vez, os tricornios da Benemérita substitúen os crucifixos da Igrexa, e a bandeira española fai o propio coas mantillas. Tamén, como no día anterior, son moitos máis os homes que as mulleres presentes.

A cidade é A Coruña. Poderíamos pensar que se narran uns feitos de 1951 ou que nos referimos a algún filme como O lapis do carpinteiro ou A lingua das bolboretas. Porén, falamos duns actos que tiveron lugar o 12 e o 13 de maio de 2013: un alcalde, Carlos Negreira (PP), aos pés da Igrexa, nun acto en que tamén participaron, no seu día, os alcaldes e edís do PSOE, e aos pés da Benemérita dunha cidade con máis de 24.000 persoas no desemprego, co 20% da poboación en risco de exclusión social e onde a desertización industrial medra a pasos de xigante. Un alcalde, Carlos Negreira (PP), que vulnera a aconfesionalidade dos poderes públicos, que deben ser neutrais porque representan tanto persoas con crenzas relixiosas como persoas sen crenzas relixiosas. Un alcalde, Carlos Negreira (PP), que enxalza a relixión e a garda civil ao tempo que contribúe a que a nosa lingua esmoreza na cidade. É esta unha cidade, en 2013, que o PP viste con mantillas, sotanas e unicornios e á que maquilla con proxectos baleiros de contido mais con nomes “in”, como Smart City ou Coruña Futura, non vaia ser que a urbe lle fique demasiado rancia e casposa.

,O despregue de simboloxía eclesiástica e marcial na cidade da Coruña tivo o seu contrapunto coa prohibición, a seareiros do Depor, das bandeiras da Patria. Precisamente, o día antes de que o alcalde da Coruña e os seus concelleiros se axeonllaran ante a Conferencia Episcopal, eran retidos no estadio do Valladolid afeccionados do equipo de fútbol da cidade por portaren estreleiras, unhas insignias legais que, segundo o Ministerio do Interior, representan un problema de seguridade en estadios nos que teñen acubillo as bandeiras españolas co escudo franquista. Non é a primeira vez que afeccionados do Depor e do Celta sofren ameazas de sancións, retencións e incautación de bandeiras galegas en estadios españois. E non é necesario ir alén do Padornelo para aturar a prohibición das bandeiras. De feito, aos afeccionados do Obradoiro vétaselles o uso das insignias galegas na súa propia cancha.

Sorprende a naturalidade coa que o fascismo agroma a día de hoxe. O tufo españolizador e fascista que desprende a prohibición dunha simboloxía completamente legal, como é a nosa bandeira, compleméntase co enxalzamento, por partes das autoridades públicas, de simboloxía relixiosa e militar, unhas prácticas que nos transportan corenta anos atrás, á represión e á ditadura. Fronte á demonización e criminalización dos nosos símbolos, por parte do españolismo, reivindiquemos a súa visibilidade.