Criterios para a renegociación do Fondo de Cooperación Local para o 2011-2014

Criterios para a renegociación do Fondo de Cooperación Local para o 2011-2014

No ano 2002 a Xunta de Galiza, despois dun acordo coa FEGAMP, comezou a aplicar un sistema de financiamento non finalista para os concellos, asumindo una vella demanda do BNG, aínda que non colmase as aspiracións na contía -moi inferior ás pretensións dos concellos, e tamén no obxectivo final, que pretendía acabar co reparto discriminatorio de recursos e conseguintemente, alcanzar un pacto que establecese criterios obxectivos no acceso aos fundos dos tributos da Comunidade Autónoma.

O sistema pactado entre a FEGAMP e a Xunta de Galiza para os anos 2002-2004 constaba de dúas partidas orzamentarias. A primeira quedaba establecida nunha porcentaxe sobre os ingresos autonómicos dos capítulos 1, 2 e 3 do 1,895459% e a segunda dotábase cunha contía mínima de 12.000.000 € para compensar aos concellos de menos de 15.000 habitantes que saían desfavorecidos cos criterios de reparto do fondo principal polo peso da variábel de poboación.

En xaneiro de 2006 o acordo subscrito no Pacto Local consolidou o Fondo de Cooperación Local coas seguintes propostas económicas: Establecer una contía complementaria de 6 millóns de euros para cada un dos anos 2006 a 2009 que pasará a formar parte da base do fondo ao seguinte ano para os efectos da determinación da participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma. O fondo principal e o fondo adicional incrementaranse de acordo co crecemento vexetativo que experimenten os capítulos 1, 2 e 3 da Administración Galega.

Este acordo do Pacto Local permitiu que o Fondo de Cooperación Local se situara no 2009 nunha cantidade superior aos 120.000.000 €, cantidade que cun fondo extraordinario de 18.309.079 € se mantivo como contía para o exercicio 2010.

Estando a debate e negociación un novo período do Fondo de Cooperación Local 2011-2014 parece necesario incidir nos seguintes criterios:

1.- Faise imprescindíbel continuar co incremento do FCL en contías como mínimo similares as producidas no cuadrienio anterior no que veu incrementándose nunha media de 12.000.000 € anuais.

2.- É necesario incrementar o FCL como participación dos concellos nos tributos de Galiza incluíndo no mesmo boa parte das subvencións ás entidades locais que figuran nas partidas dos orzamentos da CCAA asegurando deste xeito unha financiamento non finalista máis ampla e obxectiva aos concellos galegos. Deste xeito o incremento do FCL non implicaría incremento de gasto para a Xunta de Galiza por existir máis de 300 millóns de euros consignados para subvencións, moitas de elas periódicas e recorrentes.

3.- Mantendo a base establecida de criterios de reparto do FCL debe considerarse a compensación aos concellos de menos de 15.000 habitantes polo incremento inferior respecto aos de máis de 15.000 habitantes nestes exercicios.

4.- Para atender o gasto corrente municipal as entregas a conta do FCL aos concellos deberían ter carácter mensual e non trimestral.

Con estas propostas e cun financiamento estatal non discriminatorio os concellos galegos poderán ver mellorada a súa autonomía e suficiencia financeira para atender o importante volume de servizos públicos que deben prestar.