Crises no agro 2.0: transicións

Crises no agro 2.0: transicións

Partindo da concepción marxista de "transición" sobre o proceso de cambios que levan desde un sistema socioeconómico a outro e que certamente pode levar tempo, ou moito tempo... é por iso a grande tentación de ver o nosa paisaxe actual como a lóxica evolutiva do noso pasado de centos de anos atrás, ou non será que efectivamente estamos no medio dunha longa transición xa iniciada cos primeiros episodios de penetración do capitalismo no agro. Todo isto fai que o pretendamos saber todo ou non entender nada.

Que o capitalismo se entenda como un sistema mundial único e integrado non nos debe ocultar a nosa propia evolución histórica pasada e o futuro que virá. As adaptacións políticas, económicas e sociais dunha formación histórica, no nos caso Galiza foron múltiples, o noso feudalismo foi moi diferente ao de Castela ou a Francia, as nosas formas xermánicas de apropiación dos comunais aínda perviven, o minifundio noso non foi a planificación dun escuro comité de plutócratas manipuladores, todo son transicións que cambian mesmo entre comarcas, o que acontece é que os protagonistas queren sempre poder coidar dos seus intereses inmediatos como "homo economicus"[1].

Unha prospectiva razoable do futuro inmediato apunta a:

-Revalorización da terra agraria ante un escenario de escaseza crecente na distribución alimentaria

-Posible baixada de apoios económico públicos

-Disminución de traballadores/as cualificados para a agricultura

-Encarecemento dos custes e insumos externos

-Maior grado de centralización urbana da demanda

-Maior concentración espacial e demográfica da agricultura mais produtiva

A resultante destos factores descritos pode levar a que os procesos de transición a un rexurdir ou ao contrario un declive da produción agraria tanto en valor como en cantidades físicas. Unha idea forza que cobra mais presencia é a procura da eficiencia total dos sistemas económicos que debe procurar unha maior utilización dos recursos naturais propios e unha menor xeración de residuos exteriores, certamente fora da lóxica evolutiva do capitalismo coñecido. Un exemplo moi claro é a desconexión do sector madereiro forestal cos sistemas agrarios, é o que se apoiou na ideoloxía do forestalismo madeireiro-celulósico. Esta ideoloxía sustentase na pretendida mimetización con outras situacións xeográficas e históricas que se fan ver como modernas. O que acontece é que na Galiza por fortuna non temos a experiencia de centos de anos de montes xestionados pola coroa ou a nobreza latifundiaria, tampouco temos a climatoloxía das taigas ou bosques subárticos da Europa Septentrional, é unha cuestión material, non é posible por tanto seguir financiando proxectos de anovamento madeireiros a longo prazo cos recursos de pequenos absentistas ou comuneiros.

........As transicións é posible que xa foran iniciadas, nas zonas mais industrializadas do pais existe unha agricultura (alcumada como simbiótica) moi adaptada ás dispoñibilidades de mao de obra en financiamento, non é así nas zonas marxinais de interior onde fallan as dous cousas. Nas zonas de especialización agraria como a Terra Chá, O Deza ou a Limia non teñen moitas alternativas viables para cambiar radicalmente a seu tecido socio-económico. Ao final a alternativa práctica ao noso declive agrario é o baleiro funcional-espacial ou a paisaxe de postal.. non é por agora a apropiación de grandes transnacionais ou novos latifundiarios, aínda teñen terra dabondo polo mundo adiante para seguir explotando.

Visemos os principais tópicos históricos sobre o desenvolvemento agrario que nos condicionan.

A reforma agraria: desde o punto de vista da propiedade foi acadada no primeiro terzo do século pasado, so queda a inacabada reforma técnica da parcelación: concentración parcelaria, banco de terras, UXFOR, os medios técnicos de agora xunto coa menor presión demográfica non deberían ser un atranco insuperable.

A cuestión demográfica: certamente resulta mais complexo de mudar a corto prazo, o conxunto de variables sociais económica e tan inmensa que non podemos mesmo con voluntarismo subsidiado cambiar esta situación, será no final consecuencia de outros pasos previos.

Crédito e apoio económico: neste campo temos moito que avanzar, as necesidades en termos comparativos con outros sectores son moito menores, lembrar que a agricultura na maioría dos casos se basea no aproveitamento de recursos e fluxos enerxéticos con custe de oportunidade case 0.

O problema técnico: aquí ata agora se enfocou na tecnoloxías de escala como a motomecanización, esquécese que recentes descubrimentos e tecnoloxías de enfoque químico-biolóxico non son de escala e que poden favorecer a produtividade en menor superficie e menor custe, xa se esta tentando de superar este debate desde hai tempo.

A formación: na Francia un xerente de viñedos debe pasar cursos por 3000 horas exercer a viticultura, é a nosa asignatura pendente, nun contexto de autosuficiencia alimentaria das noas aldeas a extensión agraria dos anos 60 pouco podía aportar desde o punto de vista das necesidades do labrego, hoxe en día estamos mergullados en sistemas de información e tecnificación crecentes que abranxen desde a produción, a obtención de insumos e materias primas, o transporte, mercados distantes, regulamentacións alimentarias, fitosanitarias e zoosanitarias, formación cooperativa, comercio online, etc. Debemos reinventar a Extensión Agraria con maiúsculas e aproveitar as novas tecnoloxías da comunicación.

A rentabilización dos montes: sé é posible coa reconexión cos sistemas agrarios, ou sexa aquelas orientacións que poidan compatibilizar investimentos a longo prazo (madeira) con retornos anuais a mais curto prazo (gandería, apicultura, etc.), foi e é o noso modelo, o resto é fume, certamente debe haber unha menor presencia de resinosas e pirófitas na planificación dos bosques, simplemente iso.

A distribución: é o cabalo de batalla, ante a imparable e crecente concentración urbana da poboación teñen que se acometer formas de organización e integración intersectorial das explotacións que viabilizen a presencia e visibilidade dos nosos produtos en calquera mercado que se preze, moitas veces, é iso, non se ven as nosas produccions nas estanterías ou góndolas, hai que cambiar as lexislacións de intermediación e etiquetado. As cooperativas poden cumprir ese papel, mais hai que procurar outras formas de colaboración entre as explotacións.

Un último apuntamento, sobre a ecoloxía, ser ecolóxicos a secas ou ser ecolóxicos para ser eficientes?, en principio hai unha evolución neste termo, se desbotamos as derivadas filosóficas, éticas ou mesmo ideolóxicas o que queda é o coñecemento dos aproveitamentos agrarios como sistemas económicos abertos a un fluxo de enerxía constante do Sol (é gratis) e a unha ciclaxe e intercambio de materiais (materia orgánica, adubos, solos, sementes, etc.) e unha xeración de residuos que se poden xestionar mellor ou peor. Neste proceso interveñen a valorización do traballo e intercambio de produtos co exterior (prezos e salarios) que incide na maior ou menor eficiencia do sistema (maior produtividade e menos residuos no tempo). Unha integración dos coñecementos e aplicacions posibles leva a que non nos queda mais remedio que seguir principios ecolóxicos para ser eficientes, non ao invés[2].

Todo o exposto neste artigo e nos dous anteriores a penas procuran sumar mais leña á cacharela onde queimar teoricismos atávicos que non nos deixen ver un amplo espacio de posibilidades para a praxe, entre aqueles a idea dun atraso permanente e incurable, tamén hai que avanzar na compresión do papel da agricultura nas nosas sociedades, non se entende o actual desenvolvemento fantástico da urbanización a nivel mundial sen agricultura, xa que foron sempre á par desde os seus inicios hai mais de 10.000 anos. Os cambios políticos que o nacionalismo debe impulsar no inmediato futuro deberan pasar tamén polo noso agro, é pura lóxica material.


[1] Segundo o Profesor Fernando Oliveira Baptista (Profesor da Universidade Técnica de Lisboa e Ministro da Reforma Agraria Portuguesa no ano da Revolución do 74) a visión do home económico é inevitablemente a corto prazo e a miseria ecomica como tal leva á quebra moral en calquera das formas que a queiramos ver.

[2] Ecoloxía deriva do grego Oucoloxía que significa "o goberno da casa", había outro termo denominado Crematística que estaba relacionado coas cuestions mercantís.