Crise


Nesta semana unha veciña, xubilada do sector da hostalaría, contábame a desolación que sentía cando se atopaba a antigos clientes do seu bar, nun comedor social rexentado por relixiosas ao que vai de voluntaria todos os domingos.

O mesmo pasa nas numerosas asociacións de atención a inmigrantes que reparten alimentos, ás que cada vez recorren máis veciños da Coruña "de toda a vida" que persoas chegadas de países máis periféricos aínda que o noso.

A crise económica xa chegou á mesa de moitas persoas das zonas urbanas do noso país, nas que a produción de alimentos para autoconsumo e as redes de apoio familiar son pequenas ou inexistentes.

Fronte a isto temos uns servizos sociais con máis demandas ca nunca e filas kilométricas diante das oficinas do INEM, que fan que a mocidade marche emigrada a Europa, dicindo que vai practicar non sei que idioma ou teña que aceptar traballos precarios no sector servizos.

A nosa organización é a única que pode transformar esta realidade. Temos a responsabilidade de expor propostas para paliar esta situación, así como para que Galiza como nación exista.

E se somos os únicos que podemos responder as necesidades da maioría social deste país, teremos que buscar as fórmulas para que todas estas persoas se identifiquen con nos e confíen no BNG.

E para iso eu persoalmente creo que só se conseguirá con coherencia na nosa actuación, traballo voluntario, que non voluntarista e volvendo a ser todos e todas militantes orgullos de sermos nacionalista e motivados para camiñar cara diante.

E todo isto non é fácil, pois ser nacionalista e facer alarde da defensa dun idioma, nunha sociedade urbana desgaleguizada, se non se ten contacto habitual con persoas que tamén son nacionalistas é complicado.

E tampouco é fácil que parte da clase traballadora, que lle fixeron crer na televisión ou no seu banco que era clase media, e que tiña que consumir todo o que lle vendían para ser feliz, asuma agora que nunca foi clase media, que o único que facía era vivir para pagar a media ducia de tarxetas de crédito que tiña e que neste tempo, os ricos cada día serán máis ricos e nós cada día máis pobres.

E aos militantes do BNG tócanos ser humildes, recoñecer que moitas cousas non as fixemos todo o ben que deberíamos e centrarnos nos problemas reais deste país que non son poucos, pois o situación "non está para contos". Estou segura que no momento no que o traballo da militancia volva tomar o pulso do BNG teremos a simpatía da maioría da clase traballadora e logo chegará tamén o éxito electoral. Igual que no Xabarín Club que van comezar a emitir os debuxos de Songoku, que tantos éxitos recollera hai 16 anos, nos temos que volver recuperar o traballo por abaixo e así ganar credibilidade dos únicos que poden necesitar de nós: Galiza e o pobo traballador.