Crise e autogoberno


Sabemos que sempre nos períodos de crise social e económica, a necesidade de aferrarse a certezas, favorece a recepción de discursos demagóxicos e populistas. Neste caso, a crise é utilizada como pretexto para xustificar socialmente a aplicación da axenda oculta do poder real: o corte de dereitos laborais e sociais, a privatización de caixas e empresas públicas, o maior lucro dos bancos, etc.. Mais, no ámbito directamente político está a ser oportunamente utilizada polo españolismo máis atroz para unha ofensiva contra as aspiracións das nacións do estado ao autogoberno, ben que presentada como o cuestionamento razoábel do excesivo custo das autonomías.

Desde os máis radicais: lembremos a cibercampaña, "esto lo arreglamos sin autonomías", até os máis perigosos: Aznar prognosticando a inviabilidade de España pola concorrencia de 17 "miniestados" e a seguir o PP defendendo unha nova "harmonización" autonómica. Non nos enganemos: a Aznar e ao PP non lle preocupa a autonomía de Murcia ou de Madrid. O que realmente cuestionan é a crecente vontade de pleno autogoberno das nacións do Estado. Xa se apurou Feijoo a tranquilizar a Génova advertindo que Galiza nin é nación nin aspira a selo.

Non corresponde ao nacionalismo galego defender un sistema autonómico en que nunca acreditou e sempre cuestionou, se ben que haxa montes de razóns coas que desmontar as falacias sobre as que se asenta esta campaña do españolismo. Pero si nos atinxe -porque esa é a nosa razón de ser- defender o dereito da Galiza a se gobernar libremente a si mesma, a dotarse dos mecanismos institucionais que lle permitan reaxir nesta situación e asegurar un futuro diferente.

Neste contexto de crise, de involución re-centralizadora, de ausencia de perspectivas dun proceso de reforma estatutaria, cal debe ser a alternativa do nacionalismo en relación ao autogoberno? Que acontece co Estatuto de Nación? Para comezar, face a aqueles que viron nesta proposta unha viraxe autonomista do BNG, quer para celebrala des posicións "galeguistas", quer para rexeitala desde análises simplistas pexadas de ideoloxismo, é ben precisar algunhas cuestións.

En primeiro lugar, perante a perspectiva de modificación do actual estatuto (cando menos así era no ano 2008), unha forza política que non se contente con ser testemuñal, que pretenda ser operativa politicamente e útil socialmente, precisa de ter unha alternativa estruturada e defendíbel. Non pode limitarse, como é fácil de entender, a repetir como unha consigna a alternativa estratéxica , soberanía ou independencia., como se dun mantra purificador se tratar. Só quen non souber a diferenza entre táctica e estratexia tamén non entenderá isto.

En segundo lugar, a proposta do BNG, mesmo sendo un alternativa táctica, limitada, que non reflicte todas as nosas aspiracións como nacionalistas, rompe os esquemas políticos do bipartidismo estatal. Nin PP nin PSOE están dispostos a avanzar para o recoñecemento xurídico de Galiza como nación, nin na obriga de coñecermos o galego, nin en dotarnos de instrumentos financeiros e tributarios propios, nin en garantir o pleno control dos nosos recursos, nin moito menos en recoñecer o carácter plurinacional do Estado. Para alén diso, bate coa parede da Constitución española, máis aínda pola restritiva e limitadora lectura que ambos partidos fan da mesma e que consagra o Tribunal Constitucional.

En terceiro lugar, é verdade que a proposta do BNG non ten hipótese de contar co apoio maioritario do Parlamento de Galiza nin, se for o caso, superar o exame do Constitucional. Mais, na miña opinión, non é iso o realmente importante. Acho máis interesante a capacidade que a proposta tiver de xerar un debate social amplo arredor da necesidade do autogoberno e, no seu momento, sobre a imposibilidade de realizarmos as nosas aspiracións no cadro da Constitución española, porque iso que vai posibilitar acrecentar socialmente o respaldo a unha alternativa que sobarde o esquema autonómico. Nese sentido creo que a principal lección que se pode tirar do proceso do Estatut catalán é precisamente esa. As aspiracións de autogoberno de Cataluña foron cerceadas e a vontade popular expresada en referendo vulnerada polos poderes fácticos do Estado. Con certeza que a constatación disto contribuíu ben máis para o decantamento de moita cidadanía catalá para posicións soberanistas e independentistas que unha palabra de orde repetida mil veces.

Por tanto, a principal preocupación do nacionalismo non debe estar nas posibilidades que terá a nosa proposta de ser aprobada, e moito menos en buscar oportunidades de consenso a custa de rebaixarmos un texto que xa é de mínimos. Debe situarse máis ben, na capacidade de explotarmos as contradicións que puider xerar na sociedade para clarificar as posicións e afortalar a conciencia nacional, indo para alén da propia proposta. E, nesa perspectiva, a actual conxuntura non é fácil, mais ofrece oportunidades. É verdade que debemos combater moitos preconceptos e percepcións erradas inoculadas desde o poder, mais tamén o é que o nacionalismo se percibe como a única forza capaz de enfrontar esta situación.

Hoxe, as clases populares galegas están a verificar como desde o poder central se non impoñen políticas lesivas e cortes de dereitos que minguan o noso benestar e as nosas posibilidades de futuro. E non estamos a falar soamente daquelas de carácter xeral, que mesmo así nos prexudican en maior medida pola nosa situación de partida. Tamén daqueloutras adoptadas para satisfacer á custa da Galiza aspiracións ou exixencias de terceiros, de que son bo exemplo a construción naval civil ou o decreto do carbón. E paralelamente comproban como a Galiza non posúe os mecanismos que nos permitan rexeitar esas políticas e adoptar aquelas adecuadas ás nosas necesidades de hoxe.

Mais a sociedade galega está a constatar tamén como é apenas o nacionalismo a opor resistencia e a propor alternativas. A situación preséntase, por tanto, propicia e favorábel para colocarmos no debate social o discurso que vén mantendo o nacionalismo: só coa facultade real de decisión poderemos arbitrar outras políticas ao servizo do pobo galego. Estamos a demostrar coherencia, capacidade de iniciativa e mobilización e, sobre todo, alternativa. Cómpre entón, ligar directamente as posibilidades dunha saída da crise socialmente xusta coa capacidade de autogoberno, vincular benestar e soberanía.

Debe facerse sen caermos no ideoloxismo e partindo de enfrontar os problemas concretos que coloca a crise e as medidas adoptadas polo goberno central en todos os ámbitos. Máis ao mesmo tempo con clareza e con firmeza. Neste sentido, embora se deba manter no ámbito institucional a proposta de Estatuto, o nacionalismo precisa de explicitar socialmente a súa alternativa estratéxica de soberanía nacional. Por esclarecemento da base social e por marcar con claridade o horizonte cara ao que nos diriximos. E precisa tamén de perfilar a concreción desa alternativa na liña do que sempre defendemos. Un Estado galego con disposición a integrar, se así o decidir a cidadanía, unidades políticas superiores desde que respecten a súa soberanía. Unha Confederación Ibérica, como quería Castelao, na que a República de Galiza for suxeito activo para a construción dun novo cadro xurídico que facilite a unidade peninsular, tamén con Portugal.