Crise e amortecemento democrático

Crise e amortecemento democrático

Hai apenas unhas semanas, co gallo do óbito de Gregorio Peces Barba, os xornais volveron a estar salpicados de opinións e informacións laudatorias do proceso constituínte e do texto constitucional vixente no Estado español. De novo, volveu a saír á palestra a descentralización política que se deseñou na Constitución de 1978, a súa consolidación co desenvolvemento do seu Título VII, que remarcou o “suposto” carácter federal do Estado español.

Esta propaganda dunha Constitución que respecta a autonomía política das entidades políticas (sexan nacións ou rexións) que a integran é reiterativa, mais sorprende a ousadía de teimar en difundila precisamente cando, de novo cunha maioría absoluta dun partido de ámbito estatal, se demostra na práctica o dirixismo e centralismo do Goberno central en todos os ámbitos políticos, as amplas capacidades de decisión sobre a política económica en calquera eido competencial que ostenta o executivo central, lexitimado e abeirado no propio código constitucional de 1978.

Certamente os períodos de maioría absoluta contribuíron a consolidar a idea dun Estado fortemente centralista que late no deseño constitucional. Tanto o PSOE como o PP aproveitaron as súas maiorías parlamentares para avanzar na homologación competencial e política de todas as Comunidades Autónomas. Tanto coa intención de rachar con calquera atisbo de diferenza entre as que posúen trazas nacionais e as que simplemente aspiran a un recoñecemento rexional, así como para fixar un teito claro no que atinxe á dirección e planificación da política económica, relegando a todas as Comunidades Autónomas a unha mera administración e xestión de recursos transferidos polo Estado, cunha marxe de manobra que debía respectar sempre as directrices ou bases económicas determinadas polo goberno central de turno.

Agora, inmersos nun período de forte contracción económica, afrontamos outro período de férreo control e dirección da política económica desde as institucións centrais do Estado, sobre todo o poder executivo, sen que sexa preciso mudar un parágrafo da Constitución vixente. Neste punto, a cuestión é obvia: como é posíbel que, rexendo un texto constitucional que configura un poder político descentralizado, en boa proba do seu deseño federalizante, como manteñen denonadamente as persoas adicadas ao seu apostolado, se admita a proliferación de normas e acordos gubernamentais do poder central que inflúen no máis mínimo recuncho de xestión de calquera administración pública? Pois porque ese é o deseño real da distribución do poder político, asentado nunha uniformidade e centralismo que arromba a pluralidade política real, que fica simplemente como mero slogan publicitario para manter a apariencia de estarmos instalados nun sistema democrático respectuoso tanto cos dereitos individuais como colectivos.

,A agudización da crise económica está a constituírse como o pretexto ideal para avanzar na centralización política. A velocidade á que se suceden as novas sobre a situación económica facilita a imposición dunha política económica e orzamentaria uniforme sen sequera gardar mínimas formalidades. Nos cada vez máis reducidos cenáculos de poder, onde conflúen tanto representantes gubernamentais como dos lobbies financeiros e empresariais transnacionais, adiántanse decisións, que se anuncian apenas uns días despois, para que no transcurso dunha semana estean publicadas no Boletín Oficial do Estado e convalidadas polos representantes da soberanía popular en solemne sesión pública. Despois só queda brandir o esquema institucional articulado na Constitución para pregar a a escasa autonomía política da que dispoñen os entes autonómicos e calquera administración, para asumiren con escaso matiz as novas regras económicas. Ademais, ese mesmo ordenamento constitucional é útil para anular calquera reivindicación de diálogo, pacto ou consenso cos axentes sociais, representativos tamén dos intereses das maiorías sociais a quen van dirixidas as decisións económicas, e reafirmar o carácter legal das decisións unilaterais tomadas en beneficio de determinadas clases sociais minoritarias.

Esta é unha descrición, expresada dun xeito sintético e apresurado, do proceso que se vén reiterando desde 2010, cando se aplicou o primeiro paquete de recortes orzamentarios sendo daquela presidente Rodríguez Zapatero, mais dun xeito abrupto e persistente, intensificado en apenas oitos meses de gobernanza absoluta do Partido Popular, coa proliferación de Reais Decretos-Leis que introduciron retallamentos en dereitos económicos e sociais, de xeito urxente e pouco transparente, mesmo que modificaron as normas orzamentarias que se tiñan aprobado había escaso tempo. A mostra máis evidente foi o anuncio e aprobación no pasado mes de xullo de novas restricións orzamentarias cando transcorreran só dez días desde a publicación formal dos orzamentos para todo o ano 2012.

Nada excepcional se tivo que activar para que a versión máis acérrima do centralismo ocupase a escena política no Estado español. Non foi nin é preciso acudir a procesos excepcionais para gobernar ditando ao ditado de poderes económicos e financeiros que non concorren ás eleccións, sen procurar o mínimo consenso social e obrigando a aplicar ese programa económico tamén gobernos autonómicos que non partillan destas solucións anticrise. Nestes momentos e onde máis se torna patente o carácter profundamente dirixista, centralista e parcamente democrático do texto constitucional refrendado en 1978 e, aínda que a moita xente lle custe crelo aínda hoxe en día malia o que acontece nestes momentos, a súa plena vixencia e utilidade para lexitimar unha reforzamento do autoritarismo e avanzar no amortecemento da democracia.