Crise dos partidos e cansazo do bipartidismo

Crise dos partidos e cansazo do bipartidismo

Unha consecuencia da democracia representativa que tódolos países do noso entorno incorporamos como sistema político é a disociación, o afastamento cada vez maior entre os partidos políticos e a sociedade. Ata a eclosión da grande estafa que nos estrulla a todos, cada quen andaba ao seu e a situación global poderíase cualificar como unha especie de entente máis ou menos cordial, cando non indiferente: os políticos ás súas cousas e nós, o pobo (eles non eran percibidos como tal), ás nosas. Pero na volta de poucos anos todo estoupou e, da noite para a mañá, atopámonos, sen saber como nin por que, moito máis pobres, desafiuzados, estafados por bancos e caixas, mesmo pola que se dicía “amiga”, con perda de prestacións básicas, coa sanidade en vías de privatización e repagos en medicinas e ambulancias, con ameazas dunha lei de educación de ideoloxía reaccionaria e clerical, acompañada de escaseza de mestres, con cotas desorbitadas por acudir á xustiza, ao tempo que se ralentiza esta por eliminación de substitutos, cun paro obreiro que está a facer renxer os gonzos do estado, cunha xuventude obrigada a entregar o seu saber e a súa forza de traballo en terras alleas, e mellor non sigo, porque xa se doe o teclado de escribir tanto despropósito miserable.

E mentres o pobo sofre todo isto, os gobernantes do Partido Popular rinse de nós no parlamento do estado e no das comunidades que rexen para os seus fins, mentres, empregando a táctica do maltratador, fomentan e espallan a mala conciencia e a asunción de culpabilidade, porque disque viviamos por riba das nosas posibilidades. E os escándalos de corrupción enervan á cidadanía e as embrolladas explicacións dos máximos dirixentes do PP fan que un xa non saiba se andan a se rir descaradamente do pobo ou se as teses doutorais en dereito que algúns teñen, así como as avogacías do estado e titularidades de rexistros civís que outras e outros manteñen en excedencia se deben realmente á súa sabedoría ou aos seus apelidos.

E na bancada oposta, mantendo a pantomima dereita-esquerda de xirondinos e xacobinos, senta o PSOE. Hai moi ben anos que se di que a este partido lle veñen sobrando as dúas letras do medio e vai agora o seu xefe e di que quere meterlle unhas cantas máis para que se vexa que tamén son europeos. Sen dúbida, señor Rubalcaba, esta debe de ser hoxe a maior preocupación que ten o pobo; e van eles e cabréanse cando se lles lembra que están totalmente fóra da realidade.

Cada nova enquisa do CIS constata a caída libre que ámbolos dous partidos están merecidamente padecendo e, dentro do negro, triste e horrendo panorama que veño de resumir, este dato significa un sopro reconfortante. Algúns estamos moi fartos de escoitar sempre algo que, ás actuais minorías, nos priva de participación democrática, iso de que nas cousas importantes se teñen que pór de acordo os dous partidos maioritarios. Toma Restauración decimonónica! Canta soberbia!

Os partidos políticos, como os seres vivos, nacen medran, algúns reprodúcense (véxase o UPyD dunha Rosa Díez criada e ben mantida no PSOE) e morren. Uns esváense trala primeira cita electoral, outros mantéñense moitos anos, pero a costa de sufrir modificacións que os distancian tanto das orixes como as semellanzas entre a foto da primeira comuñón e a da xubilación. Quen vaticinaría que unha UCD que se incia con 166 escanos, dous anos despois chega aos 168, tres máis tarde se afundiría nun grupúsculo de 11 e desaparecería. Nin no mellor dos soños agardaría Fraga que os seus primeiros 16 escanos, reducidos logo a 10, chegarían a ser hoxe 186. Os 118 cos que principiou o PSOE chegaron a ser 202 para na actualidade caer 8 puntos por baixo da cifra inicial. É obvio que o mar sobe e baixa, que nada é inmutable, que, de cando en cando, hai que se preguntar con Manrique “¿Que se fizo el rey D. Juan / los infantes de Aragón que se fizieron?”. Onde está escrito que o PP ou o PSOE van durar sempre e, a maiores, gozando do poder en quendas?

Estes, polo de agora, dous grandes partidos prostituíron o mandato que lles encomendaron as urnas, esnaquizando a división de poderes e repartindo postos, cargos e prebendas (haberá relación entre a Lei de Costas do PP e os nomeamentos para o consello de administración de ENCE do exconselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo ou da exministra do mesmo ramo Isabel Tocino?). Fíxense se ten valor o meu voto que, cando introduzo as dúas papeletas, estou nomeando deputados e senadores, presidente do goberno, fiscal do estado e Tribunal Constitucional, Consello Xeral do Poder Xudicial e, a traveso deste, os maxistrados do Tribunal Supremo, por non falar de consellos de administración e asesorías (lembran a Felipe González con Gas Natural Fenosa ou a Aznar con Endesa?). Os tres poderes do estado, máis as prebendas, van dentro do meu voto, mentres eles falan de Montesquieu, de independencia e de limpeza democrática. Todo o estado vai contido nun voto, polo que non admira que PP e PSOE estean máis á defensiva para non perder este poder absoluto que dedicados a protexer aos cidadáns. Tampouco debe estrañar que o pobo, indignado, non faga outra cousa que se manifestar nas rúas, que o berro “Que non nos representan, que non” corra por cidades e vilas a xeito de slogan, de berro acrítico que as masas repiten. Xa, en 1852, en “O 18 Brumario de Luís Bonaparte”, don Carlos Marx escribiu: “O réxime parlamentario deixa todo á decisión das maiorías; como non van querer decidir as grandes maiorías fóra do parlamento? Se vosoutros, no tope do Estado, tocades o violín, que outra cousa se pode agardar máis que os que están abaixo bailen?”

Se cando fala o líder, diga o que diga, se producen o que Marañón chamaba “gargalladas mercenarias” e toda a clac se pon a facer o seu, para moitas señorías, exclusivo traballo de palmeiros, non debería de estrañar que os de abaixo bailen e que a desafección aos partidos políticos vaia en aumento, mentres diminúe o número de votantes. Considerando que, hoxe e en Europa, sería imposible rematar nunha oclocracia, nun goberno descontrolado da plebe, o desencanto e a desesperanza pódenos levar a apoiar totalitarismos oportunistas, a demagogos dadaístas ou a caer na apática e indesexable situación de soportar gobernos apoiados exclusivamente polo votos dos seus afiliados no máis puro estilo de “Juan Palomo”.

Nada poderá compensar xa tanta dor e tanto sufrimento como estes dous gobernos nos trouxeron; pero, considerando que toda existencia é continxente, o feito de que se derruben e teñan que roer a súa soberbia fará de bálsamo que, sen chegar a sandar, axudará a mitigar o proído que está a roer xa no máis fondo.