Crecede e multiplicádevos

Se non fora porque é dramático, a cousa daba para unhas cantas bromas. Resulta que segundo a conselleira de “traballo e benestar”, as mulleres galegas temos como máximo dúas fillas/os porque somos insolidarias, ademais de incultas, xa que descoñecemos a dimensión real do problema que é o descenso demográfico galego. E con estas declaracións, a señora conselleira marcha para casa tan contenta, e nós a correr a facer fillas/os para o ceo, como lle mandaban a miña avoa que ao final tivo dez. Pero tranquilas todas, vai poñer en marcha un plan. En qué consiste? Seica ten 67 medidas. Non as coñecemos todas, pero as primeiras que transcenderon (supoño que as máis importantes) son esperanzadoras: uns euriños máis de desgravación, unha axudiña para a vivenda, e a supermedida por excelencia, casas niño no rural!!!!. Non sabemos se estas casas van destinadas a facer as crianzas, por aquilo de ter un ambiente relaxado, ou se é para deixalos ao coidado de alguén mentres seus proxenitores fan a cola do INEM, ou asisten a algún evento cultural apoiado pola Xunta, agora que dispoñen dos cartos da cidade da cultura.
Esta muller non sabe o que di. Ou o que é peor, sabe de máis. ¿Estará falando para túrralle das orellas a Feijoo que creo que non ten ningún? ¿Ou ao Conselleiro de educación? ¿Ou a ela mesma, que “so” ten dous?
Señora Mato, humildemente, voulle dar eu algunha ideíña para que a xente se anime a aumentar a natalidade:
Primeiro: Ter un traballo estable e digno. Iso anima moito. Sorprenderíase. Sobre todo para os miles do mozos e mozas que teñen que marchar cheos de coñecementos e forza, pero que como tamén son insolidarias e desagradecidas, van solucionarlle o problema demográfico a Europa.
Segundo: gratuidade real do ensino público. Gratuidade dos libros de texto, dos materiais didácticos, do transporte escolar, dos comedores... Non sei se sabe que o seu compa de gabinete, sen descendencia o moi nugallán, si, si, o de educación, eliminou a gratuidade dos libros de texto e ultimamente, a do comedor para o alumnado que ten que usar o transporte escolar. Iso desanima, téñao en conta. Os centenares de euros que hai que gastar para escolarizar obrigatoriamente , dato importante, as nenas e nenos tamén desanima. Pregúntome que farán cando lles empecen a chegar alumnado sen material nen libros por non poder mercalos. Supoño que estarán traballando noutro plan para solucionalo.
Terceiro: a suba das taxas das escolas infantís tamén desanima. Somos unhas brandas, xa o sei, pero a mala costume de comer todos os días impide asumir gastos por riba dos ingresos familiares. Serán as casas niño a solución? Supoño logo, que han ser de balde, porque senón estamos nas mesmas. Pechar as escolas infantís en agosto e tamén polas tardes, como indica o novo regulamento, fai pensar a esas nais insolidarias que van facer ca crianza cando teñan que ir traballar a hostalería ou a cubrir as substitucións de verano (no mellor dos casos). Como aínda non teñen contrato, non poden demostrar que precisan o servizo, polo tanto, ante a escasa demanda, o Consorcio pecha as escolas infantís. Precioso.
Cuarto: a subida do IVE tampouco axuda. Con cada euro, consegues menos cousas de primeira necesidade.
Quinto: o repago dos medicamentos e os centos deles que xa non cubre a seguridade social axuda a baixar a libido, sobre todo, cando botas contas.
Todo isto, se tes a sorte de que a nena ou o neno non teña ningunha discapacidade ou non precise de especial atención, porque senón o drama xa é insoportable.
Aínda se me ocorren máis, pero non quero que se me aturulle. Con estas pouquiñas xa conseguíamos un pequeno avance. Como ve, son algo diferentes ás que lle recomendan as súas asesoras da REDEMADRE, do Opus Dei, e demais confesores, pero só se conseguen chegar ao nível de subordinación que sufría miña avoa, as mulleres poñerémonos a parir como coellas aínda que non teñamos futuro que ofrecer as nosas fillas e fillos.
Ante estas cousas, as veces penso se de verdade haberá Deus, e está castigando a este pobo galego por algo. Non merecemos soportar a esta xente. Que traballen para o país ou que marchen para casa.