Cosmopolitas con fronteiras
![](/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/terraetempo/images/2022/07/18/20220718123730044901.jpg)
Partamos de certas realidades. A prioridade do mercado mundial sobre o resto das instancias sociais e políticas; a homoxeneización nas dimensións e manifestacións culturais; o incremento dos procesos de imbricación entre os Estados e outros actores transnacionais. Pois ben, neste contexto de globalismo, globalización e globalidade, que diría Ulrick Beck, asoman un conxunto de actitudes, visións e enfoques que, no Estado español, se presentan coma cosmopolitas. Este cosmopolitismo á española ven tendo moito de escaparatismo xa que dificilmente pode ser vinculado á tradición xurdida co estoicismo grecolatino ou con autores contemporáneos coma Marta Nussbaum ou Thomas Pogge. Nestas posturas, malia as diferenzas que amosan entre si, xa que mentres unhas propugnan a submisión e a conformidade outras tentan ofrecer un cambio de modelo, adoita haber un denominador común que é a consideración do nacionalismo coma un fenómeno ateigado de atavismos, limitador e atrasado nun mundo no que as fronteiras semellan desaparecer. Estas críticas aos movementos nacionalistas, sen distincións, acostuman adoptar dúas expresións…
Nunha primeira achamos que a defensa do cosmopolitismo agroma coma reacción ás reivindicacións das nacións sen Estado que reclaman o exercicio lexítimo da soberanía e cando se percibe que o modelo identitario hexemónico resulta cuestionado. Aquí, dun xeito lene, agáchase a defensa dun nacionalismo dominante, intransixente e vencellado á construción do Estado identitario. Néganse os feitos diferenciais dentro do territorio estatal e o cosmos convértese na escusa para tentar deslexitimizar a crítica da posición subordinada das nacións sen Estado. O cosmopolitismo devén, así, un instrumento de belixerancia só contra os submetidos, nun exercicio de cinismo que procura a permanencia incuestionábel e a prosecución do seu nacionalismo banal, é dicir o que se impón naturalmente polo mero feito da imposición cotiá. Mais cando xorden serias discrepancias sobre o modelo nacional e a súa extensión, estes “cosmopolitas” reaxen explicitamente cunha defensa apaixonada e totalitaria de todos os símbolos e elementos instititucionais que configuran a construción nacional do seu Estado identitario.
Na segunda expresión, o cosmopolitismo aparece revestido dunha auréola de boa fe, propugnando unha especie de esperanto político e cultural, no que a fascinación polo individuo sen fronteiras condúceo a desconsiderar as identidades nacionais. Porén, este xeito de enxergar a realidade pasa por riba das relacións de opresión, explotación e dominación que se producen sobre os individuos das nacións carentes de soberanía e impedidas de exercer o dereito de autodeterminación. Non se cuestionan por que un pobo non pode decidir sobre os seus recursos ou por que determinados grupos poden constituír unha comunidade política soberana e outros non. Eluden reflexionar sobre a perversidade de que un modelo cultural estatal dominante imposibilite que outro trazo identitario poida contar cos mesmos instrumentos xurídicos, políticos e institucionais privando, deste xeito, de dignidade e capacidade a unha parte da humanidade. E, moitas veces, sendo abertamente cómplices da invisibilización deses trazos lingüísticos e culturais dos pobos ao asumiren con total naturalidade os elementos e símbolos dominadores.
,Será de xustiza recoñecer que o nacionalismo non está ningún chanzo moral por debaixo do cosmopolitismo. Un movemento que procura a liberdade de todos os pobos para estabelecer o seu marco político e xurídico sen inxerencias. Que contempla o valor de todas as culturas e linguas, sen exclusións, amosando un multiculturalismo inequívoco. Que reivindica unha orde mundial máis xusta e igualitaria, contraria ás grandes potencias imperialistas. Que defende a soberanía sobre os recursos propios de todas as comunidades do planeta. Que é solidario, internacionalista e respectuoso coas decisións que o resto dos pobos poidan adoptar, sempre que non impliquen agresións ou violacións de dereitos. Isto é o nacionalismo e se tamén o defende este pretendido cosmopolitismo, parabéns.
Gostaría rematar cunha reflexión critica da investigadora e profesora de Ciencia Política no Queen Mary College da Universidade de Londres e membro do Consello Asesor da Association for the Study of Ethnicity and Nationalism (ASEN), Montserrat Guibernau, en canto ao uso e abuso do termo: “Non é moi moral pedir a unha nación que loita pola supervivencia cultural e política que se declare -kosmos polites- xa que para isto, cómpre que a nación sexa libre; e unha nación que se enfronta a unha ameaza permanente no lugar no que desenvolve a súa existencia social, cultural, económica, política e territorial non é libre posto que se lle nega o dereito a facer parte de ese cosmos”.