Cortinas de fume
Estes días máis que nunca na miña retina teño aquel verán de 2006 cando unha vaga de incendios asolou moitos montes de Galiza e daquela certo personaxe que se cría salva-patrias saia cunha mangueira intentando apagar unha fogueira que máis que un incendio xa parecían os rescoldos que quedan cando acabas de asar un churrasco, pero tería a súa lóxica non manchar a súa impoluta camisa branca. Pero ala foi coas 4 gotas de auga salpicando as cinzas para que puidera pousar os seus brillantes zapatos emulando a mellor interpretación de Don Quixote loitando con grandes xigantes que atópana na súa travesía por terras manchegas.
Pero que pronto esqueceu aquel salva-patrias aquela aventura propagandística para agora simplemente ollar o que esta acontecendo nos nosos montes dende o outro lado do Atlántico non vaia ser que teña que volver desempoar aquela mangueira para facer fronte as máis de 4.500 hectáreas que están ardendo este outono en Galiza, segun os seus datos claro esta, porque a realidade das zonas queimadas son moito maiores, si o final nos dirán que son 4 fogueiras para asar sardiñas e que somos uns melodramáticos ao igual que sucedeu co Prestige tanto alboroto por 4 fíos de plastilina.
Que máis lles da que o parque natural de Xures séa reducido a un puñado de cinzas, a Serra do Invernadoiro e moito do noso patrimonio etnográfico esta desaparecendo coa mesma velocidade que as lapas avanzan e si hai contabilizados 400 incendios pois so se aportan información dun 5% non vaia ser que algún galego ou galega desperte do soño profundo no que entraron no 2009 e se lles dea por espertar ao resto de veciños.
Porque nos nosos montes non hai ningún problema so "é un problema de delincuencia e orde público" proclama aos catro ventos diante dos altofalantes porque a delincuencia existe segun para onde sopre o vento se o vento sopra dirección Nupel entón so é unha pequena brisa, si o vento sopra dirección a Costa da Morte pois nada mellor que por os cantantes da orquestra a apoucar ao pobo, si a delincuencia existe segun o color das ideas, o resto de problemas son invencións dos que non o queren ver o timón deste noso país.
Pero que podemos esperar de quen espera que haxa incendios para darse conta da importancia das brigadas forestais, de ter limpos os montes e de aplicar políticas eficaces para evitar semellante destrución natural, e que estes custes as arcas galegas non o poden soportar pero sen embargo que un alcalde do mesmo color pasee en helicóptero antiincendios e un investimento con moito futuro e non digamos xa pagarlle a Movistar e a medios de comunicación afíns subvencións a destro e sinistro ou permitir que 3 persoas cobren prexubilacións por máis de 23 millón de euros, porque si en algo temos especialistas é en crear cortinas de fume para intentar adormecer a gran parte do pobo galego.
A alguén lle van botar as culpas porque recoñecelas nunca, non se lles pasa por esa parte do corpo que esta enriba dos ombreiros e que normalmente lle chaman cabeza pero eles so teñen un cubículo onde gardar a Biblia e as 4 ordenes que lles mandan de Madrid porque como en agosto choveu para que seguir mantendo as brigadas antiincendios en moitos montes si total agora que xa non esta Pemán na tele os do tempo sempre fallan e iso das predición meteorolóxicas onde dicían que outubro ía ser un mes seco e caloroso so era un invento de algúns para que os turistas viñesen comer o polbo a San Froilán e o Marisco ao Grove e menos facer casos a eses que dicían que Galiza estaba sufrindo sequía si Galiza e o país dos mil ríos onde poñer máis minicentrais porque por auga non será. Entón a idea mellor despois de facer un balance estival baixo en incidencias mandamos a metade do persoal ao paro ( como case non hai xente nel), suavizamos as restricións ao paso de coches polas pistas forestais e a queima de rastroxos. Levantamos o dedo pensando que así co que aforramos podemos ir a mais feiras a recibir galardóns e a entrar nas Ordes de Cabaleiros de canto produto existe nas nosas despensas que non vai ser todo traballar e de pan so o home non vive.
Sigamos adormecidos mentres quedamos sen os nosos montes, fonte de recursos para Galiza, sigamos permitindo recurtes nos nosos dereitos básicos, sigamos permitindo que valeiren as arcas ao seu antollo e sobre todo sigamos permitindo cacicada tras cacicada que a este paso volveremos a aqueles anos onde nos quedaba América e Alemaña.