Corruptio Optima Pessima


Cando escoitei a Bárcenas, moitos anos xerente e tesoureiro do Partido Popular, xustificar que os millóns de euros que atesoura na actual cova de Alí Babá, na que se converteu Suíza, foron gañados grazas á súa hábil xestión especulativa, unha vez máis tiven a desagradable sensación de que as elites do país nos toman por parvos. Disque en só dúas xogadas bolsistas gañou a nada desprezable cifra de seis millóns de euros e, se no canto de ser montañeiro fose mariñeiro, ata sería quen de engadir: “e a rede pescando”. Cando lle escoitei gabarse con naturalidade de tal fazaña, non dubidei de que fose certa, por me vir á cabeza outro fenómeno dos de sempre, dos que, de viviren hoxe, andarían polo mesmo partido político, como foi o Marqués de Salamanca.

Foi este home, na súa xuventude, mesmo revolucionario liberal, supoño que por convicción, aínda que acentuada esta polo seu namoramento –non correspondido- da fermosísima e mártir da liberdade Mariana de Pineda. Non é o primeiro que, despois de militar con paixón na formación e consolidación da UPG, remata nas antípodas do nacionalismo. José María de Salamanca, máis tarde Marqués, entrou en política, foi alcalde, xuíz, deputado, ministro de facenda, senador vitalicio, etc., dedicándose simultaneamente a variados negocios, desde o monopolio do sal á construción (edificou o barrio madrileño que leva o seu nome e que constitúe un baluarte do PP), á banca e ao ferrocarril. As irregularidades da súa dupla actividade (política-negocios) obrigárono a fuxir de España, regresando grazas a unha amnistía do goberno. É evidente, Sr. Montoro, que non se inventa nada novo.

A súa relación con Narvaez permítelle coñecer que se está a preparar un de tantos pronunciamentos dos que houbo en España no século XIX. Aproveitou esta información para xogar ao despiste na bolsa e, dunha atacada, facerse con trinta millóns de reais, conseguindo dous millóns para o presidente, e confidente, Narvaez e outros dous para Fernando Muñoz, novo marido da rexente María Cristina trala morte do rei Fernando VII. Sabemos que o nefasto e felón Fernando VII tivo catro mulleres e só conseguiu dúas fillas desta última, pero, aínda case non arrefriara o rei, cando casa ela con Fernando Muñoz e, agora, non fai máis que quedar preñada, tendo con el cinco fillos e tres fillas. Non se podía facer público o matrimonio ao ser ela raíña rexente pola minoría de idade da futura Isabel II, dando lugar a unha curiosa situación: non podía estar casada, pero si preñada, polo que o pobo dicía que “la reina gobernadora es unha señora casada en secreto y embarazada en público”. Os carlistas ironizaban: “Gemían los liberales / que la reina no paría / y paría más Muñoces / que liberales había”. Pronto a este Fernando Muñoz, ao que xa lle chamaban algúns Fernando VIII, recibe un par de títulos nobiliarios e entra en negocios turbios co Marqués de Salamanca, e eu non sei agora por que me están vindo á cabeza Urdangarín, a súa muller, tamén chamada Cristina, os títulos nobiliarios de Palma, Lugo e demais e os negocios estraños. Por se a alguén lle interesa, Muñoz e Cristina tamén tiveron que liscar de España para evitar males maiores; pero daquela levábase máis exiliarse en Francia que en New York.

Postos a repartir honores nobiliarios, recibíronos tamén, e aínda se conservan nos seus descendentes, o pai e o irmán de Fernando Muñoz. Un galego con título de doutor permitiu fachendoso que un limpabotas de Caracas fixese o seu traballo tras dicirlle: “Limpiamos doctor?”. Ao rematar, mentres pagaba, preguntoulle en que lle notara que era doutor, respondendo aquel: “Porque aquí, en Venezuela, cualquier pendejo es un doctor”. En España calquera individuo podía deixa de ser snob (sine nobilitate, en Inglaterra) para presumir dun título, sendo así a nobreza española moi superior en número á de calquera outro país europeo; en 1768 había un nobre por cada 12 habitantes, baixando, 50 anos despois, a proporción, sobre todo de fidalgos, a un por cada trinta e catro. País de títulos, mans mortas, familias reais e políticos xogando aos negocios con barallas marcadas. Polo menos daquela o pobo ás veces cabreábase, como cando lle pegaron lume ao palacio do dito Marqués de Salamanca, mentres os carlistas facían o propio co seu ferrocarril privado.

Pero agora estamos con Bárcenas e o Partido Popular. Quero pensar que os de esquerdas, globalmente tomados, temos unha ética moi superior á dos partidos que, caso do PP ou do PSOE, se atopan magnificamente instalados nesta democracia burguesa que padecemos. A corrupción semella inseparable das forzas políticas sistémicas e o horizonte está moi toldado para as forzas alternativas que propugnan unha democracia popular. Se do Marqués de Salamanca se dixo que abusaba da arma de dar e de recibir favores, chegando “La Ilustración” a cualificalo como “monstro de inmoralidade”, que podemos dicir dos protagonistas dos casos Bárcenas, Gürtel, Urdangarín e unha triste letanía de corrupcións?

O xénero humano é o mesmo desde a aparición do Homo Sapiens, polo que a dexeneración moral pode aparecer en calquera lugar; pero resulta evidente a diferenza coa que se reacciona diante dela en función de se se trata dun país do norte protestante ou doutro do católico sur. Se nos primeiros é a conciencia individual a que ten que responder dos seus actos trala morte, por estas terras nosas o invento da confesión fixo verdadeiros estragos. “Ti rouba, mata e esfola e o día de Venres Santo, perdoa ao teu pobo Señor”; oínlle isto a un mariñeiro borracho, sendo eu un cativo, mentres pasaba a procesión. Aínda estou a ver os culatazos que recibiu dos uniformados que levaban os fusís co canón para baixo, acompañando aos falanxistas que portaban os pendóns e demais habilitos do acto relixioso. Todos din que teñen a conciencia tranquila, como se a nós nos preocupase a súa conciencia. A confesión perdoa todo e o relativismo da Igrexa foi sempre escandaloso. “Señor cura, que malo é don Fulano e vai comulgar todos os domingos”.- “Pensa miña filla como sería, se non comulgase”. Festas, pallasos, e tutti contenti. Non esquezamos que o mesmísimo papa declarou a Lutero “maldito herexe”, pero, segundo Vaca de Osma, despois de que este non aceptase o ascenso á dignidade de cardeal que previamente lle ofrecera para mercalo e levalo ao rego.

Novamente temos en España o combinado de Igrexa, monarquía, partido de dereitas e pobo domesticado e formado nos valores dos anteriores. Sempre os veremos xuntos e son os que se consideran a si mesmo xentes de orde e de moralidade de costumes, son o mellor do mellor e algúns saben moi ben que, desde Maquiavelo, o que semella imperdoable nun político son os seus erros, non os seus crimes. Outros tamén sabemos que “a corrupción do mellor é o peor”, como reza o adaxio latino que empreguei como título e demostran os restos de marisco dous días despois de telo comido. A toda esa patulea pódeselle aplicar o que o portugués Lacerda Lobo, en 1812, dixo do saín e da morca: que tiñan un “cheiro empyreumático”. Tradución: feden.