Corre o ouro para o tesouro

Para que queremos en Galiza o ouro marelo si temos o ouro verde?
Replicáballe o mago Antón ao seu boneco Facundo, fai moitos anos a picardía coa que miraba para as rapazas da primeira fileira, e Facundo – con non menos picardía- respondía que, total non lle servían para o que el precisaba: “para apañar as patacas”. Isto vai en resposta as luminarias ilustradas que non nos saben descifrar en Galiza o ouro que temos baixo da terra e o que temos na tona. Lean se non o fixeron, meus ilustrados a tan repetida e tan útil frase de Castelao sobre o valor das árbores e dos cartos ou a reflexión do paisano diante do pirata que estaba enchendo a arca de cartos._ “Cando estea chea seremos todos ricos”.
“-E quen vai ter a chave?”
Non fai falla darlle moitas mais voltas ao problema de adentar de furados as terras ao hermo da nosa colonizada Patria. Dinnos os pailáns servidores dos piratas que o caso e xuntar riqueza. Non home non, o caso- xa o dixo tamén Castelao- é repartir ben a pobreza. Que non a poñan toda e en cantidades industriais nos lombos dos mesmos de sempre.
Os tarados capitalistas no seu delirio actual e no seu estado de drogo-dependentes dos cartos so ben en Galiza a posibilidade de apañar diñeiro rápido. Nada que teña que ver co desenrolo e benestar das nosas xentes e da nosa terra. Miran a nosa terra cos ollos de Marcial Dorado, non cos ollos dun labrego, dun carpinteiro, dunha médica, ou dunha cultivadora de plantas medicinais ou recendentes, so por citar profesións que teñen relación co que podemos chamar “os nosos tesouros”.
Hoxe mesmo escoiteille a varias persoas, nun acto de difusión política do BNG contra a piratería das nosas riquezas, que nunca matinaron que a situación de deterioro e inxustiza social chegara onde está a chegar. E non eran do BNG.
Nunca estivemos equivocados cando nos enfrontamos as celulosas e industrias contaminantes, nin o volvemos a estar agora. Do mesmo xeito que estabamos e estamos no certo cando lle enfrontamos a esta colonización alternativas políticas propias. Nin cando dixemos que a Comunidade económica Europea era a nosa ruína. Primeiro mataron as vacas, agora matan os estaleiros. Neste país e co que nos están facendo temos que ser nacionalistas a forza.
Acaso con outro modelo de desenvolvemento e posta en produción de moitas terras fértiles e moitos montes non estariamos a producir toneladas de tesouros?
Non supón ter riqueza a extracción e venda de minerais durante uns anos, o tempo logo pasa e quedan os furados,a contaminación e a desfeita de familias e comunidades. De sempre, e agora tamén, os grupos trans-nacionais dos imperios potenciaron fortemente a agricultura, a industria ou os servizos na metrópole e saquearon todo canto puideron fora.
O gran tesouro dos tempos actuais é precisamente a agricultura e a produción vexetal. As grandes trans-nacionais multiplicaron nos últimos dez anos as compras de terras fértiles, ate o punto que algúns países, como Arxentina, fixeron leis limitando ese mercado. En Galiza, e especialmente guiados pola cultura agraria, sabemos que a riqueza e tal si se mantén no tempo, (os modernos chámanlle “ medranza sostíbel”) , o outro é “pan para hoxe e fame para mañá”. ¿ Que presa nos corre aos galegos desfacernos de dous tesouros a un tempo: os minerais que hai debaixo e as terras fértiles que hai por enriba? Xa estaremos a tempo de vender os cangos da casa chegada unha etapa de miseria…. En Galiza somos un pobo rico e próspero; so hai unha cousa na que nos trabucamos de contado. Dámoslle tan pouco mérito ao noso que nunca nos decatamos de que estamos rodeados de tesouros. Non so preferimos o de fora si non que mudamos o noso bo polo foráneo ruín. En todo o que levamos de Autonomía nin se quer puxemos un Presidente criado politicamente en Galiza. Tivo que ser un recastado hibridado nos madriles.
Non somos nos os que lle temos que ter medo a vivir e gobernarnos co noso, a ser soberanos e soberanas. Que lle teñan medo os de Madrid si se quedan sos coas súas riquezas.
Temos tres grandes tesouros, dous materiais e un inmaterial, e logo moitos mais. Temos o ouro verde, terras con capacidade de producir unha bio-diversidade de plantas e vida única no mundo. Temos un ouro azul nos nosos mares e nos nosos ríos. Temos unha lingua e unha cultura milenarias. So nos falta ollar mais e de preto o noso país e menos a “tonta-visión”.
¡Mega-mineiría non, graciñas, temos cousas moito mellores!