Copago: cando as palabras as carga o diaño
As palabras non son orfas, teñen nai e pai. No caso do termo "copago", ultimamente tan de moda, fica claro quen son os seus proxenitores e cal o seu obxectivo: confundir á sociedade e enmascarar a privatización dun servizo público esencial. Din os seus defensores que o sistema e insostíbel e por iso hai que "introducir o copago por parte das usuarias e usuarios dos servizos sanitarios". Esa afirmación leva implícita unha grande falsidade que é que agora o usuario non paga, cando pola contra o sistema sanitario público, pagámolo todos e todas cos diferentes impostos e as nosas cotizacións á Seguridade Social. Iso en vez de denominalo "copago" habería que chamalo "re-pago" porque o que se pretende é que ademais do que xa pagamos a través dos nosos impostos os cidadáns e as cidadás, paguemos por cada vez que se vai a unha consulta, a urxencias, polo xantar e cea no hospital, polo uso dunha ambulancia, etc.
Cal é o fin último destas medidas? que a parte da poboación que máis recursos sanitarios consume (enfermos crónicos, persoas maiores, etc.) e que, en moitas ocasións coinciden con segmentos sociais con poucos recursos económicos, estean disuadidos de ir ao médico porque non lles resulta indiferente pagar 1,2 ou 3 euros por consulta. Ou que se teñan que pensar se quedar ou non hospitalizado con independencia do diagnóstico por non poder pagar a factura da súa estancia ou tratamento. As brutais consecuencias saltan á vista, máxime cando estas propostas xorden en plena recesión económica -sen visos de saída rápida- e cunha das taxas de desemprego máis altas da historia do estado español.
Se os prexuízos para a sociedade son tan evidentes, como argumentan os neoliberais a necesidade de implementar este tipo e medidas? Pois precisamente, apoiando o seu discurso clásico de privatizacións na conxuntura económica actual e cunha bandeira clara "hai que reducir o déficit público e o sistema sanitario é insostíbel no medio prazo". O custe do sistema sanitario público no estado español ascende a 65.000 millóns de euros anuais. Os defensores do copago argumentan que a previsión de aumento fai deste un sistema insostíbel, sobre todo se temos en conta do envellecemento da poboación, do aumento da esperanza de vida, etc. Ademais a este sumáselle outro argumento tremendamente perigoso: no estado español abúsase do sistema sanitario público. Abúsase fundamentalmente porque é gratuíto e isto é, supostamente, obxectivábel pola comparanza entre os datos do estado e do resto de Europa (por certo, o que nunca din é que o gasto público sanitario por habitante é un dos máis baixos da UE-15). Introducir unha cantidade máis ou menos simbólica por cada consulta, din os seus defensores, é unha medida moi importante, non tanto polo seu efecto recadatorio directo, senón polo poder disuasorio que provocaría en determinado segmento de usuarias e usuarios.
No caso do estado español, Catalunya está a ser o primeiro campo de probas do PSOE para testar a reacción pública a este tipo de medidas. A responsábel de sanidade do Goberno catalán chegouse a amosar nunha entrevista a favor do que ela denominou "copago voluntario" que segundo ela consistiría en desgravar impostos na declaración da renda aos cidadáns e cidadás que conten cunha mutua privada como "compensación á súa contribución a desconxestionar o sistema público de saúde"...
Europa, novamente, non é o modelo a seguir
Existen diferenzas importantes entre os países da UE á hora financiar a sanidade máis a maioría coinciden no plantexamento de fundo: as e os cidadáns deben "axudar" a financiar o sistema sanitario. Hoxe en día, é unha fronteira bastante difusa a que separa en Europa a sanidade pública da privada e nese sentido hai que dicir, que con todas as deficiencias que ten o noso sistema sanitario público, é un dos máis avanzados desde unha perspectiva de xustiza social. O caso do Reino Unido posibelmente sexa dos máis semellantes ao do estado español. Pola contra, en Alemaña todo o mundo ten que pagar un 10% dos medicamentos incluído os pensionistas e pagar 10 euros por día hospitalizado ademais dun pago trimestral de 10 euros para ter dereito a asistencia dunha consulta médica. En Franza están totalmente estendidos os seguros privados para o pago dos medicamentos e as intervencións. En Suecia e Noruega cada cidadán paga aproximadamente entre 15 e 20 euros por visita ao médico até chegar aos 85 euros e a partir de aí todas as consultas son gratis gratis e o mesmo sistema até 180 euros cos medicamentos. As operacións son gratuítas, pero hai que pagar 7 euros por cada día ingresado. En Irlanda está todo cuberto para as rendas máis baixas o 68% da poboación que non estra nesa clasificación ten que pagar 100 euros por ir a urxencias e a hospitalización custa 100 euros ao día até un máximo de 1.000 euros. Nos medicamentos cada fogar paga até os 120 euros ao mes, a partir de ai son gratuítos. En Portugal a visita ao médico oscila entre 2,20 euros e 4,5 euros. Por cada día de hospitalización hai que pagar 5,20 euros. Todas as probas realizadas nos hospitais son abonadas polos pacientes. Hai descontos para segmentos de poboación concretas. En Italia, a visita ao especialista pode oscilar entre 15 e 20 euros, penalizase o uso das urxencias (se o médico pensa que realmente non era unha urxencia cóbrache 25 euros). En Austria o copago oscila entre 8 e 17 euros diarios até un máximo de2 8 días de hospitalización. Todo o mundo ten que pagar 5 euros por receita. En Bélxica paga o usuario por adiantado e logo o estado rembolsa en torno ao 80% do "adiantado", etc.
Un problema que non é real. Unha solución que non soluciona.
Como afirma Viçent Navarro nun artigo publicado recentemente, a percepción de que existe un abuso da cidadanía de ir ao médico porque é gratis non é certa. Segundo el: "O problema con estas propostas é que están baseadas nunha percepción errónea, resultado de calcular mal o número de visitas promedio por habitante. Cando analizamos a natureza de tais visitas vemos que non menos do vinte cinco por cento destas visitas responden a necesidades de tipo administrativo (tais como precisar a sinatura do médico para trámites médicos), que noutros países non se contabilizan como visitas médicas, posto que é o persoal administrativo o que se encarga de tal menester. A elas súmase outra porcentaxe de visitas que chega a representar un vinte por cento máis de visitas que, de novo, noutros países non se contabilizan como visitas médicas, pois as fan as enfermeiras [...]. Cando se descontan visitas de tipo administrativo e visitas que poderían atenderse por parte doutros profesionais, resulta que o número de visitas realizadas estritamente por razóns médicas, que deben ser atendidas por médicos, é un número incluso menor que no promedio da UE-15. O problema non é o abuso dos servizos sanitarios por parte da poboación, senón o deseño da atención primaria sanitaria que sobrecarga ao médico con responsabilidades que noutros países realizan outro tipo de profesionais, como os de enfermería ou persoal administrativo."
Si como comenta Navarro nese artigo, o problema non radica en disuadir a unha poboación que vai ao médico "por vicio" porque iso lle resulta moi custoso ao erario público, non deixa de ser curioso o feito de que os defensores de que o sistema sanitario público é estruturalmente insostíbel, defendan como medida estrela un copago, onde eles mesmos se encargan de subliñar que será "un prezo simbólico", polo que a recadación global en ningún caso sería significativa e moito menos garante do sistema sanitario público de calidade, polo que resulta evidente de que existen outros intereses non explicitados como a promoción da sanidade privada, os seguros médicos, ou a recentralización do sistema sanitario para garantir unha "maior eficiencia, economía de escala e igualdade entre todos os españois"
Á marxe de cales son as motivacións últimas por parte do PSOE de introducir agora este debate, cando menos, resultan evidente, de que o novo modelo sanitario proposto, non sería nin mellor nin máis xusto e que tería dúas consecuencias inmediatas:
1. Avanzo da privatización do sistema sanitario, rematando co carácter universal e redistributivo do sistema e instaurando unha mercantilización das relacións entre "usuarios" e provedores" de asistencia médica.
2. Na práctica, introduciríase un novo imposto que gravaría a enfermidade que se cebaría nas clases populares que impediría o uso correcto da sistema sanitario as capas sociais con recursos mínimos . Remataríase aumentando a presión fiscal nas clases populares e sectores máis sensíbeis a esta cuestión como enfermos crónicos, dependentes etc.