Convivencia, o eufemismo da ultradereita

Convivencia, o eufemismo da ultradereita

O goberno do PP de Feixóo está obsesionado coa convivencia. Tanto anteproxecto de lei sobre convivencia, ou de qué forma temos que relacionarnos uns cos outros, indica, cada vez máis ás claras, que os únicos que teñen problemas en convivir na nosa sociedade son el e o seu goberno e, xa que logo, tanto esforzo en regular e regulamentar a convivencia en todos os ámbitos semella máis ben a forma de querer que os demais nos adaptemos ao seu xeito de entender o mundo. É decir, simple e claramente, á súa ideoloxía. E, polo de agora, vouno deixar así, sen poñerlle cualificativos ao da "ideoloxía", aínda que é máis que constatábel que todas as propostas do PP sobre convivencia naceron, cando menos, con polémica.

Nos últimos tempos o anteproxecto de lei de convivencia e participación da comunidade educativa que, tal e como evidenciou o Consello Escolar de Galiza, co rexeitamento rotundo ao mesmo, parte dunha visión absolutamente irreal da situación do ensino no noso país e, dende logo, evita dar solución ás súas verdadeiras necesidades e carencias. Amais disto, esta "convivencia" que nos propón a Consellaría de Educación pasa, ¡cómo non!, por lle dar cobertura legal á consulta ás nais e pais sobre a lingua vehicular no ensino. A convivencia neste caso é, pois, para o Partido Popular o xeito máis claro de introducir a imposición, o ideoloxismo máis retrógrado, a intransixencia e, por suposto, a maneira de que o ámbito educativo sexa calquera cousa menos convivíbel.

Por si non fora suficiente que a Consellaría de Educación, en contra do posicionamento do máximo organismo de participación da comunidade educativa de Galiza, nos dé leccións de convivencia recunca, nestes últimos días, a Consellaría de Traballo e Benestar con outro anteproxecto de lei: O de apoio á familia e á convivencia de Galicia que, segundo o Consello Económico e Social de Galiza (CES), nin o título ten acaído.

Realmente, as 22 páxinas do informe do CES son, unha por unha, un amplísimo catálogo de críticas, consideracións e puntualizacións que descualifican o anteproxecto dende o a ata o z.

Vese obrigado, entre outras cuestións, a lembrarlle á Xunta que en galego non existen as letras "j" e "k" que no texto se utilizan para a clasificación dos distintos puntos. Recoméndalle que sería máis correcto usar o termo "estatal" para referirse ao Estado español e non o termo "nacional". Considera que "se debe modificar a linguaxe sexista" en todo o texto ...

Pero, alén destas e outras consideracións, o CES entra a fondo na norma que cre "de pouca incidencia práctica, na medida en que se centra na declaración de intencións e principios, pero non nas acción a desenvolver". E, nada máis, nin nada menos, cualifica o texto con rotunda clareza de "regresivo, xa que leva implícitos graves recortes dos dereitos das mulleres, facendo retroceder moito tempo atrás os avances sociais, así como pola profunda carga ideolóxica que conleva, recuperando a retórica da familia heterosexual e a maternidade como rol social vital das mulleres, o cal supón o control, a fin de contas, da súa vida sexual ... non pretende establecer acción de apoio á convivencia, senón recuperar o rol tradicional das mulleres, para aforrar así recursos orzamentarios en dependencia, en garderías e escolas infantís, en actividades extraescolares e comedores ... coa escusa de protexer á familia, o que realmente se agocha dentro do contido é conseguir desde os poderes públicos que as mulleres non exerzan o seu dereito a decidir libre e informadamente sobre a súa maternidade, reforzando, desde a administración pública, e con rango de lei, os discursos que cimentan o patriarcado ..."

Pódese decir máis alto, pero non máis claro (e descúlpeseme o longo da transcrición), e si non viñese asinado polo CES (iso sí, co voto particular da Confederación de empresarios de Galiza) ben podería parecer un informe de reparos dun colectivo feminista ou pro-abortista.

Estes contundentes parágrafos evidencian máis unha vez a qué clase de convivencia se refire o Partido Popular. Neste caso, a unha convivencia que, utilizando como pano de fondo a crise económica, recomenda sen recato reprimir o aborto, reprimir o acceso da muller ao mundo laboral e reprimir e impedir que participe na toma de decisións. E, como xa vimos comprobando dende hai algún tempo, todas as medidas da dereita política e económica, PSOE incluído, van nesa dirección.

A famosa -e noxenta- austeridade de Feixóo (por certo, a mesma que agora quere levar aos concellos) aplícase directamente naquelas partidas orzamentarias que teñen máis incidencia na protección dos máis débiles e, por descontado, na mellora da calidade de vida e no benestar das mulleres. O desemprego, imparábel na Galiza, non supón para nós só a perda do posto de traballo, dos ingresos económicos que iso nos reporta, supón tamén a perda da nosa emancipación.

As propostas do PSOE, do PP, da patronal e dos sindicatos estatais iniciaron xa o camiño do abaratamento do despido, o do empeoramento -aínda máis- das condicións dos contratos de traballo, de maneira que nunca foi tan doado prescindir dun posto de traballo e, no caso feminino, de avocarnos de novo e de cheo ao ámbito privado, onde xa estivemos durante séculos atendendo as labores do fogar e reproducíndonos por imposición, alimentando e engordando o tecido produtivo que mantén este sistema opresivo da globalización capitalista.

Esta é a súa convivencia, a do Partido Popular, unha convivencia que -ao igual que a linguaxe do texto do anteproxecto- só está pensada en masculino e que para nós, as mulleres, só destina a perda (xa exigua) de representación en todos os sectores sociais agás, claro, no doméstico.

As medidas que os gobernos neoliberais e antisociais están a aplicar á crise económica fíxéronnos retroceder a todos e a todas, individual e colectivamente, moitos anos, ata moi atrás nos dereitos adquiridos, tamén polas mulleres. Pero o que realmente resulta inadmisíbel e absolutamente desprezábel é que o conseguido após de ducias de anos de esforzo se dilapide disfrazado de apoio á familia e á convivencia e nos envíe directamente á casa sen billete de volta.

En moi poucas datas millóns de mulleres conmemoraremos o 8 de marzo, o noso día internacional. Conmemoración que lembra máis dun século e medio de loitas das mulleres traballadoras e que a igualdade é un dereito social. Virán, tamén este 8 de marzo, os actos institucionais e sucederanse centos de declaracións valeiras e de actos esperpénticos e hipócritas. Outra volta, a reivindicación ocupará a axenda mediática pero a igualdade de xénero, non nos enganemos, non está entre as prioridades na relación de asuntos a tratar polo PP da Xunta. Non podemos, polo tanto, confiar nas súas políticas para atopar a solución aos nosos problemas. Este é un asunto de primeira orde, xa que logo, como sempre fixemos as mulleres, poñámonos máns á obra, ¡¡¡REBELÉMONOS!!!.