Convencermos desde a verdade

Convencermos desde a verdade

A verdade é sempre revolucionaria. A esa máxima poderíamos acrecentar que ningún proceso de transformación pode ser tal de non xermolar con base nun discurso netamente honesto. Vivimos un contexto enormemente complexo. A confusión é moita. Como moitos os anceiros de cambio. Mais o ruído enxordece o debate e a golpe de espectacularización da política, todo acaba reducido a un produto de consumo televisivo. Rápido, insulso, sen apenas materia. De fácil dixestión. É a aplicación, da man do vello posmodernismo, da obsolescencia programada ao discurso político.

En tempos de prédica oca, onde os argumentos fican reducidos a consignas, onde os enunciados fan prevalecer a forma sobre o significado, cómpre axirmos entre o povo con inquebrantábel sinceridade. Sen faltarmos a verdade. Sen a contar a medias.

Inda que iso nos faga ir contra corrente da politoloxía dominante, da folla de rota de electoralismos de novo e vello cruño. No sentido contrario de quen preconiza que para sumar vontades hai que rebaixar o discurso, en troca de aumentar a nosa capacidade de argumentación, de persuasión e de convencemento.

Ficamos a ben poucos días dunhas eleccións municipais. Non caerei no tópico de enfatizar a súa relevancia. O relevante é o contexto no que se desenvolven. Poucos meses antes dunhas eleccións xerais que testarán até que punto o réxime político español está enfeblecido. E a pouco máis dun ano dunhas eleccións galegas que serán chaves, para marcarmos un definitivo punto de inflexión.

Certamente, desprazar dos gobernos municipais ás forzas do bipartidismo español, entregadas pola súa natureza sistémica ao ditado da clase dominante e axindo ás súas ordes contra as clases populares, é unha necesidade. Unha necesidade urxente. Un paso indispensábel. Mais ao tempo, un chanzo insuficiente.

Os cambios que necesitamos levar adiante para darlle a volta polo forro a esta situación precisan de moito máis. Non se trata de cambiarmos apenas de gobernantes. O cambio de verdade só virá cando fagamos que o povo sexa quen goberne, construíndo espazos de poder popular. Como sempre defendeu o nacionalismo galego.

Quen prometa que gañando unhas eleccións resolverá todos os problemas, minte. Nós, os e as nacionalistas, queremos gañar as eleccións para estar en condicións de devolver as institucións á xente, para poder iniciar man a man co povo unha viraxe radical das políticas.

A situación que vivimos non se resolve con pequenos parches, exixe de transformacións moito máis profundas. E transformar non é só xestionar mellor e de maneira máis favorábel a maioría social, ás clases populares. Transformar é remover os marcos do campo do posíbel. É facer posíbel o que cremos necesario, por utópico que pareza.

Hai hoxe quen aplicando as memeces obvias da “centralidade” electoral, da vella política á carta, confía en gañar as eleccións. Fan da vitoria nuns comicios un fin en si propio. Como se ao día seguinte xa non restase nada por facer. Como se demoler este réxime de inxustizas ou frear o brutal saqueo antisocial, pasase apenas por unha mera correlación de forzas no arco parlamentario. É o vello discurso desmobilizador de sempre. Mais desta volta co cinismo de apelar ao empoderamento social reducíndoo ao limtiado exercicio do sufraxio.

Cando procuremos o apoio popular ás nosas proposta e candidaturas debemos facelo sen opacar esa verdade. Sen disimular os límites que ten toda acción institucional nun marco político deseñado ao servizo dun sistema, o capitalismo, e singularmente da súa clase dominante. Habemos facer un duplo esforzo. O de socializar a nosa diagnose e as nosas alternativas, e ao tempo explicarmos con clareza que o cambio exixe do povo como suxeito. Que nós apenas nos constituímos en ferramenta, en instrumento ao seu dispor. Non en cómodo substituto.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.