Contundente 1º de Maio
A verdade que sentín un grande contento neste 1º de Maio. Pola masiva participación de traballadoras e traballadores e pola forza unida das súas voces e mesmo a ira manifestada ao pasar por diante da Cova de Alí Babá, é dicir, da sé do PP da Coruña, en pleno centro da cidade. Polo ambiente de comunicación das numerosas familias que levaban até os nenos e nenas. Estes foron os verdadeiros protagonistas, pois é a primeira vez que os vin en grande número e desa forma alegre, levando bandeiras coa estrela e autocolantes e mesmo xogando para ver quen as izaba a maior altura. A xente moi variada, de todas as idades, como unha verdadeira representación do que é hoxe a sociedade galega. Así que ese ambiente foise animando cada vez máis até o final da manifestación, fronte á Delegación do Goberno, onde o secretario comarcal, Xabier Filgueira, ofreceu un mitin esclarecedor, potente e con moita firmeza.
Sería esta a consigna da CIG para todas as comarcas, pois con atención escoitei tamén neste Terra e Tempo o discurso íntegro do seu secretario xeral, o tan querido e grande Suso Seixo, que pronunciou co orgullo e forza do loitador incansábel, aló, na outra grande cidade galega, Vigo. Exemplo de análise rigorosa sobre a situación de Galiza e da súa clase traballadora. Lúcido e claro como el acostuma a ser sempre. E por iso, nomeo aquí os puntos xenéricos que el concretou como causa da gravidade en que os galegos e galegas nos atopamos: a enorme destrución de emprego fixo e os altos índices de emprego temporal; baixos salarios e pensións; perda de poboación activa menor de 35 anos; emigración masiva de mozos e mozas; avellentamento da poboación; destrución do emprego e perda de peso do sector industrial no PIB; desmantelamento do noso sector primario; espolio da nosa enerxía e do noso aforro; e sobre todo pola actitude incompetente e cómplice do sr. Feixó e da Xunta de Galiza diante desta situación, totalmente vendidos aos intereses das grandes empresas e da oligarquía española.
Faltoulle, con todo, unha referencia a ese mal maior que tamén padecemos, como é a prohibición práctica de poder desenvolver a nosa vida en idioma galego. Neste grande conflito Feixó está sendo o maior combatente contra a nosa expresión, promulgando novas leis e destruíndo ou silenciando as que nos favorecían.
Comprobamos esta táboa de calamidades nas nosas carnes todos os días. Do meu circo de amigos e amigas, amplo, de idades até os cincuenta anos, nengún deles ou delas ten un traballo que chamaríamos normal. Todos son por horas e coa anguria de estar sempre entrampados economicamente, pois o seu salario non lles chega para máis aló do quince de cada mes. Co crime de que non poden enfermar pois négaselles o dereito a poder ir ao médico cando o precisan, facer calquera xestión das que habitualmente temos, programar os mínimos descansos, actividades sociais ou horarios, ter un respiro ou ir de vacacións. E tampouco poden chegar a vivir independentes, pois eses salarios non abondan para pagar un aluguer, nun país en que diante desta penosa situación, o piso máis pequeno e en peores condicións, sobe dos 300 euros. Por non falar das angustias nas que se afunden e até nos complexos de incompetentes que collen (nen sequera serven para conseguir traballo).
,Que vai ser, pois, das xeracións que nacen e viven nesta febre dos grandes empresarios por apoderarse de todo, persoas, países, riquezas... empregando, de ser necesario, a violencia? Como será a súa vellez? É posíbel mudar a situación e romper a desunión e o sometemento programados para que fiquen asumidos como cousa natural nas nosas conciencias?
Obviamente, a historia é un camiño cara a adiante. Sempre. Do contrario estaríamos aínda na Idade de Pedra. A consciencia move montañas e fai do que parece imposíbel unha realidade. Será mellor a perda momentánea do pouco que temos a que o futuro negro que o capitalismo, sempre voraz e deshumanizado, nos ten asignado, se converta no noso destino.
Coido que o 1º de Maio deste ano é o resultado dun camiño que a clase traballadora libre e combativa foi construíndo nos últimos meses con moitas dificultades. Camiño de esperanzas vivido neste día como proba das cousas que unidos, unidas, podemos conquistar. A Folga Xeral anunciada pola CIG será o preámbulo dos urxente cambios favorábeis para o pobo galego. E con ela cumpriremos.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.