Contra o EEES hai antídoto: a defensa do ensino público

Contra o EEES hai antídoto: a defensa do ensino público

A medida que avanza o verán todo e toda estudante ve como un novo ano académico vai chamando á porta. Mais antes de falar do que vai dar comezo cómpre que avaliemos o que ben de rematar.

O curso 2009-2010, foi o primeiro da posta en marcha "oficial" do que se deu en coñecer como Plan Boloña. Certo é, tamén, que o curso anterior a este había na Galiza cinco carreiras piloto que se adaptaron ao Espazo Europeo un ano antes. Tentar esclarecermos todas as casuísticas derivadas deste Plano é unha tarefa bastante complexa e máis nun artigo que ten por finalidade ser pedagóxico e entendido por todos e todas aqueles que non coñecen ben o tema, cousa que é completamente normal, por outra parte, xa que xa se encargaron as administracións e as universidades de non establecer un debate público sobre o tema.

Como vedes, colocamos oficial entre aspas xa que o que cómpre deixar claro, de partida, é que non podemos analizar a converxencia co Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES) como un simple volvado das licenciaturas e diplomaturas a Graos xa que de o analizarmos así estariamos a cometer un grave erro de análise, ou o que é o mesmo, a errar no diagnóstico do enfermo: o da Universidade Pública Galega.

Os Comités, foron a primeira organización estudantil do Estado Español en se posicionar en contra do EEES e en establecer unha ampla análise do mesmo, alertando das consecuencias que esta converxencia ía supor para a Universidade Galega. Así, a adaptación ao modelo de grao era, por dicilo dalgunha maneira, do menos lesivo para o estudantado. Boloña non son só graos e posgraos: Boloña é privatización, elitización e homoxeneización.

Que nos deixou esta converxencia? Se quixera resumir diría: nada bo. Mais non se trata de ser tan sintético. Deixounos aquilo que xa prevíamos: uns planos de estudo artellados en función da demanda do mercado laboral, sen teren en conta os nosos elementos diferenciadores como pobo: a nosa lingua, a nosa historia e a nosa cultura (só así, en función desa demanda do mercado e atentando contra o que somos, galegos e galegas, seríamos quen de entender que na universidade galega non se puidese dar unha licenciatura en lingua galega por non garantir 25 alumnos).

Asemade, este modelo fai que a universidade non se entenda coma un centro de adquisición de coñecementos e si como unha máquina de creación de estudantes que sexan doadamente inseríbeis, en precario claro, no mercado laboral.

Neste punto poderiamos falar da relación empresa privada-universidade, xa que, de maneira sibilina, vemos como moitos dos servizos das universidades galegas acaban caendo nas mans de bancos españois e empresas varias deixando dúas consecuencias: un desembolso económico para o estudante e beneficios para a universidade. Alén diso, reforzouse a presenza da empresa privada na universidade: para que é senón o Consello Social das universidades? Mentres agardo a explicación vexo como a banca privada ten voz e voto nese Consello.

Mentres tanto, as partidas de financiamento chegadas desde a Xunta veñen a crear o paradoxo entre a mensaxe da "importancia e da gran oprtunidade que é para o estudante a converxencia co EEES" e como se fixo este proceso: a custe cero para a Xunta e cun financiamento das universidades pírrico. É necesario, polo tanto, pór en marcha un modelo de financiamento que garanta cando menos un esforzo económico que, nun curto prazo, supoña achegarnos ao 1,5% do Produto Interior Bruto galego só así poderemos ver minguar os convenios, colaboracións e negocios varios entre a universidade pública e a empresa privada

O papel do estudantado tamén entra en cuestión neste sistema. Este novo modelo de ensino procura un estudante a tempo completo dificultando, así, compatibilizar estudo e traballo cando para moitos e moitas estudantes lles é necesario para se financiar os seus estudos. Enténdese que o estudante debe ser un "profesional do estudo", garantindo unha media de dedicación ao estudo de 8 horas diarias. Se isto se suma á inxente carga académica é até compresíbel a dificultade que atopa un estudante para participar do tecido asociativo (será inocente isto último?).

Son moitas máis as cuestións que fan desta converxencia o que se deu en chamar "a ruína da universidade galega". Pode dar para máis este Plan Boloña e ter máis trazos lesivos? A resposta é si. Para outro día queda falar dos créditos brandos, do novo calendario académico, da convivencia licenciatura-grao, da diferenza de custo grao-posgrao etc. Mais xa se sabe, segundas partes nunca foron boas.

Mais para o veleno sempre hai antídoto. Por iso, para curarmos este enfermo (a Universidade Galega), cómpre ter claro que o mellor xeito de axudalo é defender o ensino público, só así estaremos parando o EEES. Traballo temos, forzas tamén.