Contra a inercia da indolencia

Contra a inercia da indolencia

Aínda inmersos nunha fonda crise económica, comezou a operación “fin da crise”, abandeirada polo Goberno de Rajoy, e con inestimábeis colaboradores na dereita económica e mediática, e tamén no eido institucional. Os directivos da banca, executivos de grandes corporacións empresariais, e tamén, como non, a tecnocracia que dirixe as institucións da Unión Europea e o FMI, enfundáronse a toga para propagaren entusiasticamente que xa podemos ir afrouxando a fivela do cinto.

Tan comúns comezan a ser os argumentos esgrimidos, como habitual é o disparate da tese de fondo que sustentan, fundada exclusivamente no rumbo endereitado que comezan a ter os mercados financeiros e tamén as grandes empresas transnacionais que cotizan nos mercados de valores. Pode que a crise non deixe a súa pegada nos índices do IBEX a estas alturas, mais é evidente que con máis dunha cuarta parte da poboación activa en desemprego, cunha proporción crecente de persoas que se manteñen en situación de pobreza, mesmo entrando nesa penosa realidade cada vez máis persoas que aínda atopan un traballo (é obvio que precario), provoca irritación escoitar como xa se descarta a persistencia do actual declive económico.

Non sempre debe acreditarse aquilo no que teimemos en nos convencer, podería ser a resposta inmediata a esa corporación política, económica e mediática que esporea a tese da recuperación económica. Con todo, a súa estratexia tamén oculta, que, ao tempo, está a construírse unha armazón económica e institucional para acelerar a concentración económica que domine -co seu acrecentado poderío económico- tamén o poder político representativo, e ante a conflitividade crecente, sitúe os centros de decisión reais cada vez máis lonxe dos pobos.

A iso responde a construción da Unión Europea, cuxa orientación antidemocrática e antisocial se veu impulsada con ocasión da xestión da crise. Malia as (aparentes) diferenzas que escenifica o bipartidismo estatal, neste período coincidiron amplamente na súa lexitimación, ao amparar sen ambaxes a intervención desde institucións da actual Unión Europea a prol dos multimillonarios rescates bancarios, a custa de non só de tapar as vergoñas da burbulla especulativa coa que o capitalismo deu a benvida ao século XXI, senón de impor draconianas condicións de vida á maioría social, polas novas e precarias condicións de traballo así como polo retallamento de servizos públicos básicos.

O resultado do proceso é esmagador, pois os grandes bancos europeos recibiron 300.000 millóns de euros en axudas públicas de diverso tipo na fase aguda da crise (entre 2010 e 2012, segundo o reflectiu o FMI nun informe relativo á “Análise de Estabilidade Mundial”), e o propio Banco Central Europeo inxectou máis de 1 billón de euros de liquidez á banca privada. Ademais habería que sumar os rescates directos a determinados Estados, que no caso do Estado español foron destinados na súa integridade para salvar a banca, e nos restantes tamén levaron unha parte relevante para o mesmo fin. A consecuencia de todo iso é un aumento do endebedamento público, que ao non ir destinado á economía produtiva, está a provocar un estancamento económico, con forte destrución de emprego. Como corolario, a inxente cantidade de recursos posta a disposición do capital financeiro tamén é a orixe das restricións no financiamento de servizos básicos, pois as prioridades desta Unión Europa, como se dixo, nunca foron cuestionadas polos partidos hexemónicos que se reparten o poder no Estado español, senón avaladas e executadas, consecutivamente, polo Goberno liderado por Zapatero e agora polo presidido por Rajoy.

Para Galiza, a situación de dependencia dentro do Estado español, agravou as consecuencias, pois o interese por salvar un sistema bancario moribundo levou a que as solucións adoptadas nunca se tomasen en interese propio. Así, as galegas e galegos tamén teremos que contribuír coas nosas remesas ao rescate bancario deseñado para o Estado español, pois a devolución con fondos públicos á Unión europea ten data de vencemento, embora nese proceso a principal entidade financeira do país acabe en mans dun banco privado de Venezuela. Non só nos vén imposto un deseño no cal nin participamos nin convén ás maiorías sociais de Galiza, senón que dentro do mesmo acáenos unha pésima solución, ao perder a capacidade de decidir sobre o noso principal instrumento financeiro.

Perante esta agresiva política, que outorga máis poder ao entramado das altas finanzas, que fará que sexa cada vez teñan máis peso na toma de decisións os seus intereses, que afianzará un modelo económico e social cada vez máis desigual, en suma, que é máis que evidente que hai unha reducida elite que traballa sen descanso para modelar un sistema político e institucional inspirado nas vellas oligarquías, produce desasosego ver como amplas capas da poboación se abonan a unha acomodación xeral, sendo claro síntoma a previsíbel abstención masiva nas vindeiras eleccións europeas. Certamente, mentres se preparaba o terreo para xestionar o rescate do sector financeiro, tamén se levou a termo paralelamente unha perfeccionada campaña de propaganda, que só puxo en escena a conflitividade puntual mais nunca permitiu que aparecese un relato coherente oposto á xestión da crise, e con alternativas fundadas. Teñen relevancia as indignacións explosivas, as protestas sectoriais, mais hai unha nula presenza de discursos e posicións políticas claramente antagónicas (nunha democracia, quen o diría!) ao modelo económico e social que representa esta Unión Europea.

O “collage” mental a que iso conduce está á vista: a confusión máis variada, desde utopías embriagadoras, en moitos casos de raíz individualista malia pretenderen a construción de amplas frontes cun ámbito e horizonte difusos que, precisamente por non teren claramente delimitado o terreo de xogo, rematarán aplacadas como as feras domadas do circo, que perden a referencia pola falta da súa ubicación territorial orixinaria. Até o paso cara un servilismo de amplas proporcionais, facendo que avance o atordoamento que abra paso á total falta de consciencia ideolóxica e política.

Esas inercias, agora máis sofisticadas, acaso non sexan novas por completo. No período de entreguerras do século XIX, podemos atopar nas entrañas dalgunha literatura e cine un retrato parecido. Mentres a produción industrial, centos de miles de fábricas, se adicaban a producir explosivos, armas, gases tóxicos, traballando mesmo día e noite, a propaganda ocupouse de que a indolencia se fose apropiando da poboación. Agora, hai quen traballa tamén un día si e outro tamén, para que o capital financeiro acumule máis diñeiro e poder. Cando menos, espantemos o perigo de que inoculen a cada vez máis capas da poboación a mesma desidia e indiferenza. E non será doutro xeito que insistindo en dar a coñecer e comprender a realidade próxima, as condicións políticas e económicas en que, como galegas e galegos, nos inserimos no mundo, para comezar por mudar esa realidade, a que podemos apreixar, á cal nos debemos, sen abonarnos a sofismas nin aventuras integradoras que dilúen, precisamente, o coñecemento e análise cabal e directa do que acontece na nosa contorna inmediata e, por iso, tamén poden acabar sendo útiles para quen, desde o poder establecido, está traballando en sementar máis a apatía.