Contra a cultura, contra a ciencia

Contra a cultura, contra a ciencia

A importante revista científica Nature recollía en xullo deste ano a carta enviada por un grupo de asociacións científicas españolas de alto nivel (Universidades, centros de investigación, sociedades científicas, sindicatos e asociacións de xoves investigadores) ao Parlamento Europeo na que solicitan a súa intervención para parar os drásticos recortes nos orzamentos dedicados á ciencia no estado español. Era a resposta a un desafortunado artigo da Secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), Carmen Vela, nesta mesma revista, no que defendía que o afortalamento do sistema científico español pasa polo seu adelgazamento "en cantidade, non en calidade". Sobran investigadores malia estarmos por baixo da media da OCDE.

Pero a situación é que a ciencia española e nomeadamente a galega afóganse. O recorte no orzamento deste ano do 25% engade unha lousa insalvábel. O recorte en investimento en I+D acumulado entre 2009 e 2012 é do 37%. Actualmente, o estado español inverte en I+D un 1,39% do Produto Interior Bruto, cando a media europea está no 2% e o obxectivo marcado pola Comisión Europea era o 3% no 2010. En Galiza no 2008 a investigación significaba o 1,4% do PIB e actualmente descendeu ao 0,96%.

No noso país por suposto somos os primeiros en esfarelar a xa escasa investigación que tiñamos e por suposto somos os pioneiros en desfacernos dos máis cualificados galegos e galegas da nosa historia. Diso fai bandeira Feijóo. Un dos máis recoñecidos científicos galegos, o catedrático de Química-Física Luis Liz Marzán, con importantes premios e proxectos internacionais, deixou recentemente a Universidade de Vigo para dirixir desde xaneiro de 2013 un centro de investigación de excelencia en Euskadi, o Centro de Investigación en Biomateriais Biomagune de Donostia. Nunha entrevista afirma: “No seu momento, Alemaña recortou en moitas cousas, pero aumentou a financiación en I+D porque ten unha tradición científica e as empresas saben que hai que financiar a investigación básica. Máis que promover que a investigación estea directamente relacionada con produtos que poidan sair ao mercado, hai que promocionar que se forme persoal que á empresa lle pareza interesante incorporar.”

Un informe titulado “Deficiencias estruturais, emigración interrexional e fuga de cerebros”, redactado polos profesores da Universidade da Coruña F. M. Palmero, F.M. Bermúdez e F. González Laxe indica que no noso país non hai empresas que podan absorber a oferta de titulados, pois o noso tecido ten moita dependencia do sector servizos. Constitúen a chamada “terceira emigración”, 40.000 titulados universitarios galegos que nos últimos sete anos emigraron fóra de Galiza, sen contabilizar os que marchan ao estranxeiro, en auxe ultimamente en países como Brasil ou Alemaña. Os que ficaban enfrontábanse ao subemprego ou até agora continuaban estudos de doutoramento na facultade ou preparaban oposicións. Xa nin isto. A contratación nos centros de investigación descendeu espectacularmente, até o punto que este ano non haberá novos contratos do programa Ramón y Cajal, o programa estrela de incorporación de científicos de alto nivel posto en marcha en 2001 para recuperar e atraer cerebros ao sistema I+D español. O número de bolsas e contratos da Xunta para investigadores cae ano tras ano de xeito alarmante desde 2009. Co novo plan galego de I+D, o chamado I2C, que substitúe ao antigo INCITE, limítanse as bolsas predoutorais e sofren un duro golpe a especialización e consolidación da carreira investigadora. Gaña peso a promoción da investigación empresarial, que está moi ben se non fose porque é case inexistente en Galiza.

Os laboratorios están a ficar desertos, sen doutorandos, sen renovación xeracional. Xa se está a falar –non soamente en Galiza- en todo o estado español da perda de dúas xeracións dos investigadores mellor formados. A idade media dos investigadores na rede pública supera os 55 anos.

Todos estes profesionais, coa súa experiencia, iranse do país, perdéndose os cartos investidos na súa formación. “É unha fuga de cerebros sen precedentes”, en palabras da ministra de emprego, Fátima Báñez. Xoves altamente cualificados que deberían servir de base para lle facer fronte á crise e vencer a recesión. A propia Comisión Europea di claramente que a investigación, o desenvolvemento e máis a innovación son os motores do crecemento e o emprego, ferramentas imprescindíbeis para sairmos da crise. Non é malo moverse un tempo por aí, “vendo mundo”. Ao contrario. Desde hai anos é case unha obriga estar algún tempo investigando no estranxeiro como parte da formación. O problema vén cando é por obriga e sen expectativa de regreso.

,Pero o ministro do “no público, con menos sempre facemos máis”, José Ignacio Wert, minimizou o problema, contradicindo á ministra e a todos os datos que apunta a gravidade do problema. Case sete de cada dez xoves estarían dispostos a marcharse ao estranxeiro. Moitos deles enxeñeiros, arquitectos e informáticos.
Está claro que para o PP a cultura e a ciencia, o coñecemento non é unha prioridade. Esta semana, nas vésperas da reunión na que se debaterá o presuposto da Unión Europea para 2014-2020, 42 premios Nobel e cinco medallas Fields enviaban unha carta aberta aos xefes de estado e de goberno titulada “Ciencia para a prosperidade da UE”. Argumentan que o único xeito de dotar a Europa de vantaxe competitiva é transformar o coñecemento en innovación de novos produtos, servizos e industrias. Apostar polas persoas. Sen ciencia non hai futuro.