Contra a crise: fútbol (español, claro)

Contra a crise: fútbol (español, claro)

Que máis dá a crise se España puider gañar o Mundial? A ninguén se lle escapa por que o Consello de Ministros elixiu como data o mércores pasado para aprobar unha reforma laboral que suporá o recorte de dereitos de maior magnitude dos últimos trinta anos. Zapatero agardaba o carácter balsámico da vitoria da selección española de fútbol para diminuír a resposta social ante unhas medidas que deixan na indefensión a clase traballadora. Algúns gobernos tentan converter o deporte de masas nunha ferramenta ideolóxica coa que construír unha efémera unión ante as grandes incidencias. Malia que "La Roja" -como algúns se empeñan en chamar- lle meteu o gol pola escuadra ao Executivo español, os poderes fácticos axudaron a distraer a atención da decisión de abaratar o despedimento e da crise en xeral. Porén, que España xogue en Sudáfrica non vai solucionar os problemas económicos. Non nos vai facilitar chegar a fin de mes, cando menos aos que non vivimos dela.

Pasaron décadas desde que o fútbol deixou de ser unha disciplina deportiva máis para se transformar nun negocio que move centos de miles de millóns. Serven como exemplo as cantidades que manexa a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) para esta competición. Os xogadores de España recibirán milleiros de euros neste Mundial. De gañaren o campionato, levarían para a casa 600.000 euros por cabeza. Trátase da contía máis alta das que se negociaron para este evento deportivo. Nin sequera Alemaña ou Francia -máis saneados economicamente que o Estado español- acadan cifras tan desproporcionadas. Ademais, de pasaren dos oitavos de final, os futbolistas obterían 60.000 euros, 90.000 se alcanzasen as semifinais e 120.000 se lograsen xogar a gran final. A estes números -que polo de agora son virtuais- súmanselles os fondos que está a gastar a selección española en concepto de hotel e nas axudas de custo cada día.

As primas desorbitadas foron acordadas pola RFEF e polos capitáns do combinado. Esta entidade asociativa privada -mais de utilidade pública- recibe dos Orzamentos Xerais do Estado unha partida anual que é supervisada polo Consello Superior de Deportes. Ademais, algúns ingresos -segundo recollen os seus Estatutos- proceden das subvencións de organismos públicos. Esta relación directa entre a RFEF e as arcas públicas non é suficiente para que o Goberno central mova ficha a prol da austeridade. En Madrid prefiren ficar pasivos ante as débedas dos clubs coa Axencia Tributaria e mais coa Seguridade Social -que ascenden a 632 millóns de euros. Á vez, permítenlles destinar elevadas cantidades de diñeiro a sufragar fichaxes millonarias. Mais non pasa nada, desde as radios, televisións e xornais -non todos- animan a sociedade a que se manteña fiel ao "seu" combinado e a que agarde cunha ilusión desmedida polo seguinte partido, contra Honduras. E esa parte da cidadanía respóndelle aos medios de comunicación de masas tirando de bandeira.

Foméntase a españolización


E é que desde hai días, o vermello-amarelo-vermello invade as vilas do país, desde as fiestras dos máis fanáticos españolistas, aos agasallos dalgún xornal, ás promocións a pé de rúa ou aos estabelecementos de confección. Todo vale para silenciar os máis de catro millóns de parados que cada día aumentan no Estado español e para reproducir a "identidade española" como un todo á vez que se tenta derrubar a conciencia dos nacionalismos. Coa desculpa de competicións deportivas como esta, foméntase unha histeria masiva do españolismo e unha maior alienación.

É doado comprobarmos como desde as informacións sobre o Mundial de Fútbol tentan introducir nocións como a "unidade" ou a "uniformización" española. Cantas veces, logo de soar na televisión ou na radio o himno de España, oímos "y al que no sienta por dentro, lo siento por el", "La selección de los que hablamos una lengua común", ou "la de todos"?... Claro que é a súa selección e non a nosa. A que a nós nos representa, Galiza, fica relegada aos amigábeis. Para evitaren que as seleccións das nacións sen Estado se vexan como un proxecto colectivo que cohesione o pobo, prohíbese a súa presenza nas competicións oficiais. A nós prívasenos do denominado "opio" da sociedade. De aí que non vivamos durante este mes preocupados polos balóns e si por unha reforma que atende ás demandas históricas da patronal e que tomba parte das conquistas sociais dos traballadores e traballadoras.