Contra a criminalización dos nosos símbolos

Contra a criminalización dos nosos símbolos

Esta fin de semana en Compostela houbo varias actuacións graves e abusivas por parte dalgúns axentes da policía nacional. A diferenza doutras nas que o Ministerio do Interior simplemente negou o acontecido, desta vez teno máis difícil. Algúns destes comportamentos improcedentes e (digámolo claro) antidemocráticos padecéronos profesionais da información que estaban a pasear pola cidade.

"Primeiro, sóubose dunha "xornalista andaluza que foi reprendida e ameazada por preguntar polo nome dun lugar como ese lugar se chama de forma xenuína e oficial: en galego. Trascendeu tamén despois o que lle aconteceu a "outra xornalista, que aínda que está a ser menos coñecido non é menos grave en absoluto:

Non foi o único caso de ameazas que saíron de boca dun axente da Policía Nacional. O sábado pola tarde, mentres camiñaban pola praza de Cervantes, un grupo de cinco mozas -galegas desta volta e unha delas tamén xornalista- convertéronse no obxectivo dos improperios dun antidisturbios. Dous furgóns policiais pretendían aparcar no lugar, e varios axentes impedían o tránsito aos viandantes. As rapazas pararon tamén.

Acto seguido, un policía que, segundo el mesmo informou ás mozas en ton ameazante, pesaba "más de cien kilos", preguntoulles se tiñan algún problema con que el non falase galego -lingua que estaban a utilizar para comunicarse entre elas-. A continuación espetoulles que "yo corro más rápido que vosotras, seguro", e dirixíndose a unha das mozas, a que tiña máis cerca, díxolle: "Tú, con lo gorda que estás, debes de andar cerca de los noventa kilos", mentres ría en complicidade con outro dos axentes alí presentes.

Mentres unha das mozas advertía á súa amiga de que se non se apartaba poderían pisala, o antidisturbios virouse de novo: "Si te piso, ¡te jodes!". E ao permitir de novo a circulación aos peóns, a modo de despedida, berroulles: "A ver si camináis tan lento cuando vaya detrás de vosotras". Todo iso ante a mirada atónita do resto de viandantes, turistas na súa maioría, que se atopaban na praza compostelá no momento dos feitos. Ademais, a varias mulleres e homes que portaban unha bandeira de Galiza esta fin de semana prohibiúselles o paso a determinadas prazas da capital. Por exemplo, así lle aconteceu a quen chegou tarde ao acto que o BNG organiza na Praza da Quintana. Tentaron acceder a través da praza de Pratarías, mais non se lles permitiu o paso por levaren unha bandeira cunha estrela... (Se levasen unha bandeira española con aguilucho, que acontecería, por certo?)

Iso foi así e pódeno constatar todas as persoas que padeceron esta situación tan grave. E iso foi así por moito que faga "chanza impropiaco tema o delegado do Goberno, Antón Louro (cito o impedimento de acceso de bandeiras nacionalistas nos actos do domingo, Louro atribuíuno a unha 'información equivocada' e indicou que durante a súa presenza nos mesmos viu 'bandeiras con todas as cores, galegas e de todo tipo', sinalou).

Dicir que el viu bandeiras galegas por Santiago para negar a denuncia das persoas que padeceron esta situación é unha frivolidade pola que debería pedir desculpas. Non pode ser que haxa tantas denuncias de criminalización da lingua galega e dos símbolos do país e que o Delegado do Goberno, un dos responsábeis últimos desta situación, lance balóns fóra, afirme que non pasa nada, que non ten constancia de nada e faga brincadeiras.

Que acontecería se un policía demandase a identificación dunha persoa por falar en castelán? E se a ameazase con pegarlle por utilizar un nome de lugar en castelán? E se lle prohibise o paso a unha rúa por levar unha bandeira española? Pois nós, igual. Non queremos ser inmunda escoria. Queremos un tratamento igualitario. Con todos os deberes e con todos os dereitos. Queremos, en fin, poder falar o noso idioma e poder exhibir os nosos símbolos nacionais sen que nolo dificulten os poderes públicos. Non debería ser tanto pedir!