Contra a corrupción


O caso Urdagarin, ou a publicación dos denominados papeis de Bárcenas, abriron unha nova fenda na xa mermada credibilidade das institucións españolas e do réxime saído da transición. É lóxico. No caso Urdagarin, á vista dos datos publicados, resulta evidente que non todos e todas somos iguais ante a lei. Se a infanta Cristina non formara parte da familia real, estaría nestes intres imputada. E teño a convicción, de que se D. Juan Carlos, non ostentara a condición de El-REy, estaría investigado, non só polo posíbel tráfico de influencias no caso Nóos, senón polos seus propios negocios, que seguen formando parte dun tabú para a prensa española. Que se coñezan xenerosas doazóns ao PP de empresas beneficiadas en adxudicacións de obra pública e privatizacións, ou sobresoldos en negro -moi superiores ao salario medio dunha grande parte de traballadores e traballadoras- constitúe un duro golpe na moral cidadá, máxime nun momento de grande dificultade e penuria. Que estes escándalos salpiquen a Casa Real e Presidente do Goberno do Estado testemuña até que punto a elite política e económica española forma parte dunha trama onde a corrupción semella ser un elemento naturalizado. Porén, o debate que se ten aberto non sinala as causas profundas desta corrupción, nin alenta un debate real que poña punto e final a este tipo de prácticas.

Os papeis de Bárcenas, ou outras operacións xudiciais abertas, poñen de relevo a trama de intereses e tráfico de influencias derivada das adxudicacións de servizos públicos a empresas privadas. Sinalan tamén, como grandes empresarios utilizan o suborno, para conseguir que os seus intereses primen nas decisións dos gobernos. Pensemos senón AP-9. Empresa privatizada a prezo de saldo polo goberno Aznar, que foi o lugar onde o PP recolocou a Bárcenas e a Trías nos inicios da década pasada. Casualidade? Non creo. Ou o famoso Villar Mir, ao que se lle teñen outorgado minicentrais no río Xallas. Ou como as eléctricas colocan nos seus consellos de administracións a ex-Ministros e ex-Presidentes que claramente as beneficiaron durante os seus mandatos. Mais non se está facendo unha análise acaída destes fenómenos, nin abrindo un debate serio sobre a necesidade de rescate dos servizos públicos como fórmula acaída para cortar de raíz a corrupción. Mais ben, existe un silencio sobre o asunto que resulta estarrecedor -con honrosas excepcións, tamén hai que dicilo. O foco ponse na política. Non por afán didáctico, senón como unha forma máis de desacreditala e acentuar a crise existente. Dá a sensación de que se pretende crear un estado de opinión favorábel a unha saída autoritaria, nun intre de grande descrédito das democracias representativas.

Manteño serias dúbidas sobre o resultado das operacións xudiciais en curso. Demasiada mediática e pouca sentenza condenatoria. As coñecidas son ben desalentadoras, pensemos senón no caso Gurtell. Despois de todos os regueiros de tinta publicados, os implicados seguen sen estar na cadea. Mesmo dá a sensación que o interese está máis no obxectivo mediático que na procura de xustiza. En demasiadas ocasións estes procesos ábrense coincidindo con procesos electorais. Semella moita casualidade. Mais sempre hai inocentes que acreditan na independencia do sistema xudicial e a súa neutralidade.

A corrupción é un non só un problema legal, é tamén ético e moral. A corrupción non afecta a todo o mundo, nin a todos por igual. Hai culturas políticas nalgunhas organizacións políticas que a xustifican e amparan, hai quen non a tolera nin a alenta. Esta semana, tiven ocasión de escoitar ao Presidente da Xunta defender a necesidade de extirpar aos corruptos. Foi durante a mañá. Pola tarde, amparaba co seu voto que un corrupto -con sentenza por malversación de fondos públicas- continuara como delegado da Xunta en Ourense. Non me sorprende. Feijoó é experto en dicir unha cousa e facer a contraria. Ampara tamén ao Alcalde de Compostela, os alcaldes imputados na Operación orquestra, a alcaldes que non cumpren coas súas obrigas fiscais.... paro aquí. A lista é demasiado longa. Mais acredito en que quen ampara estes casos, digamos o Sr Núñez Feijoó, é tan responsábel da corrupción como eles mesmos.

Mais a resposta non pode limitarse á queixa individual ou o refuxiarse no manido e falso, nada se pode facer. O vindeiro domingo día 3 de marzo unha plataforma social convoca unha mobilización en Compostela contra a corrupción e a desfeita social que se está producindo. É un fito importante que apela á cidadanía galega a implicarse neste momento crítico. Cuestionar non só a corrupción, senón o modelo económico e social que a ampara. Urxe unha rexeneración real, mais o cambio debe ser profundo, non serven os retoques. É preciso cuestionar este modelo económico, o rexime saído da transición -claramente putrefacto e moi distante de ser unha democracia real- e apostar por un proceso constituínte, que teña como referencia e suxeito a Galiza. A tarefa é complexa, mais tamén ilusionante!