Consumir para facer País
Cando reaparece nos medios de comunicación occidentais a masacre do pobo palestino, comezan a circular polas redes sociais, listaxes de marcas comerciais que apoian a Israel, pedindo o seu boicot.
Está comprobado que @s consumidoras/es, cos nosos hábitos de compra, podemos axudar a impulsar iniciativas que melloran a realidade social na que se atopan, crean lugares máis humanos e respetuosos coa cultura e a saúde do pobo ao que van dirixidas.
A crise económica está levando a moitas familias galegas a depender de bancos de alimentos e da axuda que lle prestan sindicatos, ONGs ou asociacións viciñais. A falta de covertura social pública e de emprego fai que se estén tecendo redes de solidaridade entre a clase traballadora que vai máis alá da axuda familiar.
Frente a esta situación de desemprego ou de precaridade laboral, que roza a escravitude, moitas persoas renuncian a seguir buscando un traballo como asalariad@ no sector no que ten experiencia.
Deste xeito, e con moitísimo esforzo, están aparecendo iniciativas no País, que sin ningún tipo de amparo público, intentan activar o sector primario ou de transformación alimentaria. Productos de orixe totalmente local, que se venden en pequenas tendas, que en moitos casos venden a súa propia producción. Poder entrar nunha tenda e mercar verduras e froitas de tempada, na que a orixe dos productos non está certificada por un selo ecolóxico, senón pola palabra da persoa que cho vende, cando lle poñe nome a productora/or e lugar a cada un dos productos, non ten prezo. Non só estás creando postos de traballo e riqueza para Galiza, senón tamén humanizando a propia compra.
A persoa que cultivou estes kiwis, ten nome e apelidos, sei en que pobo de Galiza vive e por riva, pode vivir do seu traballo na súa terra. O contrario e ir ao Carrefour e mercar froitas e verduras que deron a volta ao globo e que por riva, en algúns casos, están máis baratas que os productos galegos porque as persoas que os cultivaron traballaron baixo un réxime de escravitude.
Mercar nestas tendas, que cada vez máis abren en vilas e cidades, non é unha cuestión de prezo, senón de hábitos alimentarios e de consumo.
No caso da Coruña a desertización do centro da cidade e de moitos barrios, tradicionalmente comerciais, pola presión que exerceron na maioria d@s consumidoras/es os centros comerciais -na Coruña hai 12, un deles xa fechado- fai que este tipo de pequenas iniciativas comerciais volvan dar luz e vida as rúas e na maioría dos casos, tamén permitan mercar en galego. A súa pervivencia depende de que os hábitos de consumo da maioría da poboación cambien. Que se volva facer a compra a diario, en lugar de semanal, e que esta compra se faga a pe e non en coche. En síntesis, que construamos Galiza, tamén cando imos mercar os alimentos.
Ademais, deste xeito, tamén estaremos educando @s nos@s fill@s, que aprenderán a orientarse mellor, contarán con entornos galego-falantes para relacionarse e por riva, estarán alonxados da loucora consumista das grandes areas comerciais, que neste momento son o lugar preferido de ocio dos adolescentes.
O consumo de bens culturais ten descendido en Galiza de xeito alarmante, facendo desaparecer a compañias de teatro, diminuido o número de obras publicadas, de estreas no audiovisual galego ou de montaxes teatrais. Esto non é só debido aos recortes de gasto que as familias teñen que facer para chegar a metade do mes -as enquisas din que a maioría d@s galeg@s non chegan a fin de mes- senón tamén ao nulo apoio que o actual goberno galego lle presta a un sectos estratéxico para Galiza, desde o punto de vista económico e cultural.
Actualmente as iniciativas culturais que sobreviven é grazas a un público pequeno aínda en número. E neste caso, mudar os hábitos para que poida aumentar o número de lectoras/es de libros ou de venda de entradas para ir ao teatro é máis complicado. Require apagar o televisor e non deixarse levar pola comodidade dun sistema que só quere parv@s consumindo cultura en español empaquetada por Madrid, vendo o “televexo” e comendo comida lixo.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.