Construír nación


Vimos de participar nun novo Día da Patria Galega no que milleiros de persoas manifestámonos polas rúas de Compostela reivindicando e festexando a nosa patria, a patria galega, nun día que tivo unha compoñente especial dado que o ano pasado o tráxico accidente de Angrois levou a suspender en solidariedade coas vítimas todos os actos programados.

Ademais neste 25 de xullo de 2014 conmemoramos o 50 aniversario da recuperación da nosa capacidade de auto-organización, 50 anos da fundación da Unión do Povo Galego o 25 de xullo de 1964. Sendo ese un feito histórico aínda non suficientemente valorado por quen somos fillos e fillas da decisión dun puñado de patriotas que nunhas circunstancias moito máis duras que as actuais decidiron poñer novos chanzos no camiño da recuperación da nosa identidade.

Naquel contexto político e social foi meritorio o labor de quen decidiron enfrontarse a unha ditadura fascista que coa complicidade das democracias occidentais mantiña con puño de ferro e baioneta calada a orde.

Co paso do tempo e conforme a UPG tentaba actuar entre o povo galego o poder decatouse de que eran algo máis que un grupo de moz@s con ganas de aventura, e puxo os medios para eliminar ese novo movemento; bastante tiñan xa con Euskadi e Catalunya como para que neste recuncho do noroeste agromara algo.

Da existencia da UPG decatouse tamén a esquerda española, até daquela hexemónica na oposición ao franquismo debido á decisión do piñeirismo de desertar de calquera tentativa de erguer un movemento político recuperador do vello Partido Galeguista de Bóveda e Castelao. Unha esquerda española confesionalmente españolista e por tanto negadora da realidade nacional de Galiza debido ao seu centralismo e á súa esquemática lectura do marxismo e do leninismo. Unha esquerda comunista española que sempre renegou da palabra de orde saída do Congreso de Bakú “proletarios de todos os países e povos asobalados, unidevos!”, e que aturaba a existencia de dúas nacións que non eran España porque a realidade social e política así llo impuxera, pero tres serían xa demasiadas.

Esa esquerda tentando manter a súa hexemonía na oposición ao franquismo maquillouse incorporando o “G” ao seu nome mentres recurría ao mantra da unidade para atacar con el a quen defendían o dereito de Galiza a contar con organizacións propias con capacidade de decisión sen ter que someterse ás directrices de Madrid, e tamén criticaba por anti-unitari@ a quen nas asembleas de estudantes ou de traballador@s empregaba o noso idioma nas súas intervencións.

Aquela foi unha loita moi dura e nunhas condicións moi precarias, con todo en contra, pero o traballo de moitos compañeiros e compañeiras permitiu que un nacionalismo de base popular se abrira paso erguendo organizacións políticas e sociais comprometidas.

Moit@s des@s compañeir@s fixeron un ano máis o pasado 25 de xullo o traxecto da Alameda á Praza da Quintana xunto ás novas xeracións, uns e outr@s conformamos a base social do nacionalismo galego, orgullosa do construído, preocupada pola actual situación na que volta estar de moda “máis España” e por tanto “menos Galiza” , pero tamén confiada en que un BNG que ten capacidade para sacar á rúa milleiros de persoas coa que está caíndo segue a ser o mellor instrumento para construír nación. Un instrumento perfeccionábel que certamente para sumar máis povo precisa dunha maior audacia e de mellorar a súa interlocución cos sectores máis dinámicos da nosa sociedade; e todo isto será posíbel sobre todo mostrándonos orgullos@s do que somos, botando abaixo algúns valados que as veces erguemos sen nos decatar e desenmascarando a quen nos poñen etiquetas co fin de caricaturizarnos.

Este 25 de xullo conmemoramos outro feito importante, a recuperación en 1984 do dereito a entrar na zona vella de Compostela despois de varios anos de prohibición e represión; foi a miña primeira manifestación do Día da Patria e lembro que eran tempos nos que estaba en auxe o psoismo felipista mentres o nacionalismo galego pasaba horas baixas; tamén había voces que chamaban a deixarse ir na maré da españolización que nos levaría ao mellor dos mundos posíbeis chamado daquela Mercado Común Europeo.

Estamos en 2014, vivimos momentos complexos e o ritmo acelerado propio da sociedade actual fainos crer que o que acontece hoxe é moito peor que o que acontecía antes e que as penalidades que moitas persoas padecen na actualidade son moito peores que as que se pasaban hai anos. Non nego a existencia deses graves problemas pero non debemos perder perspectiva histórica, lembremos que quen pelexaban hai 50 anos facíano contra o fascismo e que quen o facían/facíamos hai 30 era contra a destrución do noso tecido produtivo. É esa sensación do inmediato, do segundo ou como moito do minuto como único xeito de medir a actualidade a que nos fai perder pé sen deixar tempo para a reflexión, creando en nós unha sensación permanente de afogo que nos dirixe a buscar unha saída que cun movemento de variña máxica solucione os problemas e faga desaparecer a ansiedade insoportábel que sentimos.

Non hai variñas máxicas e non hai saída á actual situación sen apostarmos por máis Galiza fronte a quen apostan por máis España e non teñen inconvinte en dicir incluso hai unhas semanas en Galiza que “reivindicar república española une pero reivindicar república galega desune”.

Sei que isto que escribo vai desgustar a algunhas persoas pero nunca foi o meu obxectivo alegrar os ouvidos da xente, por iso nunca direi que podemos queimar ao inimigo en seis meses cando son consciente da súa fortaleza nin farei chamamentos absurdos a obedecer cegamente á cidadanía; a fin de contas cidadanía é tanto a que se manifesta contra o xenocidio do povo palestino como a que observa esa matanza con indiferenza agardando a que empece a liga para encher os campos de fútbol de primeira división animando a 11 millonarios e supostos deportistas que corren en pantalón curto, ou non?

A historia ensina que as mudanzas fanse intervindo, traballando entre o povo, escoitando e aprendendo pero tamén educando e creando conciencia, e as ideas e propostas políticas transformadoras sabemos que van moitas, moitas, moitas veces contra a maré enfrontándose ao poder e ás concepcións socias dominantes que el mesmo constrúe, ese e non outro é o xeito de sumar povo. Esquecer todo isto é propio de quen á hora da verdade defenden o fin das ideoloxías e por tanto a adhesión acrítica a hiper-liderazgos persoais e nada democráticos aínda que nesta etapa se vistan de horizontalismo.

Despois do descanso de agosto abrirase un novo curso político e nel repetiranse os chamamentos a unirse tod@s sen saber para que, a frase posibelmente sexa de novo “tod@s contra o PP”. E coma sempre inventaranse historias sobre enfrontamentos no BNG ou amplificaranse opinións minoritarias dándolles unha relevancia mediática da que na confrontación democrática de ideas carecen.

Diante desa situación que non é nova debemos preguntarnos pola razón que leva a ter tanto interese en atacar unha e outra vez ao BNG se mil veces teñen anunciado, dito, publicado e sentenciado que o BNG está liquidado, morto e case enterrado.