Construíndo futuro: propón con nós

Construíndo futuro: propón con nós

Declárome nacionalista. Si, nacionalista. Militante do BNG desde hai case dúas décadas. Orgullosa de ser unha máis, unha das miles de persoas que ergueron a bandeira azul e branca, coa estrela vermella. As boas e xenerosas que defenden Galiza, e que cando o fan, loitan por un mundo máis xusto, pola igualdade e a solidariedade entre os pobos e as persoas. Existe acaso outra forma de mudar esta realidade que cada día dá máis noxo? Penso humildemente que non. Só transformando o próximo, poderemos mudar o actual estado das cousas.

Declárome nacionalista e acredito, máis que nunca, que só poderemos tumbar este neoliberalismo, tan europeo como salvaxe, se reclamamos soberanía para Galiza. Soberanía como sempre a entendeu o nacionalismo galego:

Capacidade para decidir por nós mesmos, por nós mesmas. Soberanía é decidir onde podemos pescar, canto leite podemos producir, que impostos temos que pagar e administralos segundo as nosas necesidades, se podemos construír barcos, se queremos pagar ou non un euro por receita, se nas nosas escolas o galego é lingua normal, ou defender e protexer o noso medio ambiente. Isto é soberanía, algo práctico e tanxíbel, o pan de cada día. Sen soberanía seremos no mundo uns ninguéns, un pobo negado e condenado a seguir producindo emigrantes, mentres a nosa riqueza é espoliada.

Declárome nacionalista e renovo os azos porque sei que está é unha loita común con outros pobos do mundo. Euskadi, Catalunya, Escocia ou Quebec, son espellos que nos amosan o camiño a seguir. Non cabe o desánimo nin a desesperanza. Na política, como na vida, hai que saber encaixar os golpes. Ninguén dixo que fóra fácil. O nacionalismo galego atravesa un momento complexo, delicado, mais dependerá da nosa intelixencia colectiva superalo. Hai milleiros de motivos para traballar e relanzar o proxecto do BNG. Os nosos acertos ao longo destes trinta anos foron moitos, tamén os erros, que debemos corrixir. Perfeccionar o instrumento é a tarefa que nos debe ocupar nestes momentos. Nesas andamos. O proceso de reflexión e debate encetado é unha magnífica oportunidade. Que así sexa!