Confiando no noso povo, construímos futuro

Confiando no noso povo, construímos futuro

O proceso 'Construíndo futuro' que lanzou o BNG está en marcha. Tiven a oportunidade de participar na Asemblea Aberta que decorreu a pasada semana en Compostela e acho que foi enormemente positiva. Non só polo interese que despertou, cunha asistencia masiva, mais tamén polo grao de participación nos debates. Até alí achegáronse, á par de militantes do BNG, moitas persoas que sen militaren teñen clara consciencia da necesidade que a Galiza ten dun proxecto nacionalista forte e con capacidade para ir gañando espazo político e electoral. O debate foi intenso e sincero e nesa medida foron suscitadas tamén críticas construtivas que poden e deben contribuír para mudarmos o que for preciso na nosa actuación e mellorarmos a capacidade de incidencia social, política e electoral do nacionalismo.

A composición da asemblea reflectiu ben -e así foi recoñecido por todas as persoas intervenientes- o compromiso do nacionalismo co noso povo, a implicación nos conflitos sociais, o activismo militante nas loitas contra as políticas depredadoras que estamos a padecer. Porque o nacionalismo, que pasou por dificultades políticas e electorais, ten tamén enormes fortalezas. Fortalezas que son aínda máis evidentes no contextos dunhas eleccións municipais en contraste con forzas que teñen sustentado os resultados electorais exclusivamente en liderados persoais e apoio mediático: implantación territorial, organización, traballo social intenso, labor institucional contrastado, referentes públicos, militancia activa e comprometida... Isto avala a nosa confianza e permite enfrontar as eleccións con ilusión e determinación. Mais é só a base, o ponto de partida. E estamos conscientes de todas as dificultades que temos que vencer. Por iso agora o noso desafío é activar todas estas potencialidades para presentarmos ao povo galego candidaturas nacionalistas fortes coas mellores opcións de obter os apoios sociais necesarios. Este é tamén obxectivo de 'Construíndo futuro'.

Convén esclarecelo, porque nestes tempos de confusións en que o mar vai e vén, o nacionalismo organizado e actuante é a única certeza que resta a este País para exercer a dignidade colectiva como povo e dar pasos decididos -reais, non simplemente teóricos ou no ámbito declarativo- a camiño da soberanía. Tanta é a confusión, espontánea ou inducida, que até algún medio pensou ter descuberto en exclusiva as cartas ocultas do Bloque Nacionalista Galego: o que pretende coas asembleas abertas non é mudar a liña política senón reafirmala e reforzala, fortalecendo tamén o nacionalismo e o BNG como organización.

Pois é. Mais non era ningún segredo. Xustamente é iso o que se pretende con este proceso: construírmos entre todas as persoas que levamos Galiza na cabeza e no corazón un futuro diferente para a nosa nación. Porque se algo está evidenciando esta iniciativa no tempo que leva en andamento é que hai moitas cabezas que pensan en Galiza e moitas mans xenerosas dispostas a traballar para sacala adiante. E nós temos de crear os espazos que fagan posíbel agrupar todos os esforzos nesa dirección, sobre a base de organizacións políticas e sociais propias e de candidaturas municipais sólidas, representativas do traballo social que o nacionalismo desenvolve, que conciten a simpatía e o apoio de cada vez sectores máis largos do noso povo. Porque nós confiamos nas propias forzas e sobre esa confianza queremos construír un País novo.

No curso dos debates, algunhas persoas colocaron a cuestión da unidade da esquerda, reflectindo preocupacións que están presentes no debate político actual. Con efecto, o enorme impacto do proceso globalizador, que para nós representa fundamentalmente máis españolización, ten como consecuencia que sectores de poboación, que se sitúan referencialmente na esquerda, perdan a referencia da nación ou mesmo do marco galego de actuación política e respondan a dinámicas inducidas desde fóra. Non se nos escapa, mesmo a partir dunha análise moi elemental, que amoldarse a esa dinámicas suporía abocar o noso país a desaparecer como suxeito político e diluír aínda máis a xa difusa conciencia nacional existente.

,
En todo o caso, un exceso de pragmatismo -mesmo que for ben intencionado- pode provocar perder a perspectiva nacional, colocando exclusivamente o foco nos comicios locais e caendo en posicións tacticistas que acabarán por se revelar estériles. Tan só cinco meses após as municipais decorrerán eleccións ao Congreso dos Deputados. Se a presenza do BNG nesa institución foi esencial nos últimos anos para lle dar voz á defensa dos intereses da Galiza, no contexto político que se aveciña vai tornarse absolutamente vital. É claro que o debate da cuestión nacional, fundamentalmente polo impulso do proceso de independencia de Cataluña, está a pór seriamente en crise a arquitectura política do rexime español. E nese debate, que pode abrir novas oportunidades, que a Galiza participe con voz propia vai depender en exclusiva da presenza do nacionalismo. Nada podemos esperar aquí daquela esquerda para a que o referente político é España e a Galiza se ve sempre apenas como un problema.

Aliás, a dialéctica esquerda/dereita obvia a Galiza e o feito de que o noso problema político fundamental é a dependencia que sofre a nosa nación, raíz e causa, por outro lado, de boa parte dos problemas sociais e económicos que padecemos. Nese sentido, un nacionalismo de carácter popular como o galego asumiu sempre de maneira inequívoca a defensa do povo e das clases traballadoras, entendendo que a emancipación social é consubstancial á emancipación nacional. De forma que só o nacionalismo cuestiona desde a base as relacións de dominación e poder realmente existentes no noso País, tornándose na mellor ferramenta para combater, aquí e agora, o poder omnímodo da banca e dos mercados e as políticas que os gobernos desenvolven ao servizo da oligarquía española.

Por iso, frente a esa dialéctica que coñecemos de vello, promovida agora por colectivos que admiten mesmo non quereren referenciar os seus proxectos na Galiza porque iso provocaría disensións e abandonos (!) nas súas filas, nós temos a obriga de atender a nosa realidade inmediata, os problemas e conflitos sociais que derivan da nosa situación de dependencia, e enmarcalos nun proxecto nacional e transformador, que non perda de vista o obxectivo da soberanía e manteña a confianza en que é posíbel .

E isto estabelece unha grande diferenza. Cando persoas e organizacións que se declaran nacionalistas xustifican a integración con (ou en) forzas españolas co argumento de que a Galiza por si soa non ten capacidade para desenvolver un proxecto de soberanía, na realidade están a admitir que consideran o nacionalismo inútil como ferramenta de futuro para a Galiza. O que equivale a renunciar non só ao nacionalismo, senón ao obxectivo da soberanía. Porque, como será posíbel avanzar para a soberanía abdicando da súa defensa social e pública e reforzando organizacións e dinámicas políticas españolas? Evidentemente non o é. Non se pode reforzar o nacionalismo renunciando a exercer como tal e a dar o debate na sociedade galega sobre as consecuencias sociais e económicas da dependencia e, por tanto, as razóns para a rompermos cun proxecto político propio.

Por fortuna son moitas, somos moitas as persoas que sabemos que a Galiza existe como suxeito político porque existen organizacións políticas e sociais que manteñen a súa defensa permanente, con independencia política e organizativa, en todo momento e en todos os ámbitos. Deixar de facelo para se situar noutros parámetros políticos non só non contribúe para alargar a consciencia nacional senón que a enfraquece e a dilúe. Para a defensa do nacionalismo e da Galiza non pode haber pausas nen parénteses. Só debe haber constancia e determinación. E diso ten moito a militancia nacionalista. Mais sabemos que para avanzar precisamos ser moit@s máis a camiñar xunt@s. Por iso estamos a abrir espazos de debate e de relación para que todas as persoas que partillamos estes pontos de vista poidamos encontrar tamén as mellores fórmulas para traballarmos conxuntamente na mesma dirección. Estamos cert@s de que o conseguiremos.

Nós temos confianza no noso povo, na capacidade da Galiza. Confianza que se basea na certeza de que o nacionalismo representa o proxecto que este País precisa para mudar radicalmente as cousas. De que só confiando nas propias forzas podemos avanzar para un futuro de soberanía e liberdade. Por iso, cando parece que todo convida a desistir, nós persistimos.