Con todos os respectos


Apenas 15 días de leve desconexión neste verán de lumes falseados e concorrencia de todas e todos os membros do goberno galego a canta enchente hai polo país adiante, cando os sufridos militantes do BNG vémonos na obriga -por enésima vez a golpe de titulares- de "resintonizar urxentemente" coa repentina pero premeditada actualidade. 19 dos máis de 8.000 militantes do BNG veñen de lembrarnos que, despois do debate nas asembleas comarcais de xullo, hai quen prefire -para cansanzo e aburrimento de todas e todos os demais- continualo nos medios de comunicación, ávidos, como sempre, de trasladar á cidadanía as miserias dunha organización política que, na maioría dos casos, sírvellas en bandexa a través dos seus propios e "destacados" integrantes.

Independentemente da súa lexitimidade e oportunidade ou non, ¡cánto dano nos teñen feito, e nos seguen a facer, estas actitudes e comportamentos!. Si, como din, o manifesto "non naceu de costas ao BNG", si realmente é "unha mensaxe que nace do BNG para o BNG", ¿por qué estraño motivo ou qué verdadeiro obxectivo se persigue coa visualización pública desta petición de "cambio de rumbo"?

O rumbo, con todos os respectos, marcámolo entre todas e todos, CO-LEC-TI-VA-MEN-TE. Na última Asemblea Nacional, no 2009, onde moitos dos actuais alcaldes e alcaldesas do BNG tiveron a oportunidade de estar presentes, de aportar o que creron conveniente e de debater e votar democraticamente o que mellor lles pareceu, o documento político foi aprobado con perto do 80% dos votos dun total de 2500 delegados e delegadas asistentes. Aí recollíase e recóllese aínda o noso rumbo, o que foi avalado, enriquecido, debatido e votado por unha amplísima maioría da asemblea.

A partir de aí, o rumbo, o camiño seguímolo marcando, tamén colectivamente, nestes últimos dous anos nos consellos nacionais -máximo órgano de dirección do BNG entre asembleas- onde, un detrás doutro, os informes da Executiva Nacional e os Planos de Traballo foron aprobados, en practicamente todos os casos, por amplísima maioría dos integrantes do mesmo.

O rumbo, con todos os respectos, si hai que cambialo ten que ser froito das aportacións e das propostas de toda a militancia do BNG reunida nos seus respectivos e lexítimos, esos sí, órganos. Dende os consellos locais ata a propia asemblea nacional, pasando polas asembleas locais, executivas, consellos e asembleas comarcais. ¿Seica non están perfectamente definidos os órganos e lugares de debate, e votación si procede, na nosa organización que fai falla, en vésperas dunhas eleccións xerais de máxima importancia para Galiza e para os galegos e galegas, sacarse da chistera documentos e manifestos que a ninguén lle interesan si non é a nós mesmos?.

Con todos os respectos, os distintos cargos institucionais do BNG son persoas elixidas polo conxunto da militancia a nível local, comarcal ou nacional. Persoas das que se agarda resposten ao seu papel institucional pero tamén a nível organizativo, comezando por asistir aos órganos dos que forman parte e contribuíndo a convertilos en verdadeiros foros de debate político. Persoas que teñen, hoxe por hoxe, múltiples canles internos para expoñer as súas opinións, inquietudes, preocupacións e "experiencias" sendo realmente "conscientes" (e non só correntes ou parte de determinadas correntes) do que é prioritario para o ben común e colectivo da organización política na que se milita e, grazas á cal, entre outras cousas un pode chegar a ser alcalde, deputado, presidente da xunta, concelleiro en calquera concello do país ou mesmo voz cualificada do nacionalismo en calquera organización social.

Con todos os respectos, insisto, os cargos institucionais do BNG son militantes cos mesmos dereitos e coas mesmas obrigas que os que pegan os carteis, pasan a megafonía, redactan os voceiros ou participan activamente dos movementos sociais nos distintos ámbitos territoriais. Cada un na súa función ten o dereito e a obriga de traballar para ampliar a base social do nacionalismo, de integrarse plenamente na vida interna da organización e, sobre todo, de implementar o noso proxecto político, o que decidimos colectivamente, para amosar que é válido para resolver os problemas e as demandas da cidadanía. Os obxectivos políticos definidos e priorizados pola organización teñen que ter necesariamente plasmación nas actuacións concretas e na execución dunha política enmarcada sempre nun proxecto nacional.

Con todos os respectos, moitas e moitos pensamos que non é certo que a política só se pode facer dende as institucións e dende os gobernos. As e os militantes do BNG, e os cargos institucionais os primeiros, deberamos ter claro que o respaldo social, un funcionamento organizativo acaído e o traballo nos distintos sectores da sociedade son a base dos potenciais éxitos electorais e, sobre todo, son o sustento que fortalece o noso proxecto, o noso ideario político, máis aínda nun contexto como no que estamos, absolutamente hostil e cada vez máis afastado do recoñecemento dos dereitos nacionais e nas antípodas ideolóxicas do que nós entendemos como a defensa dos mecanismos necesarios para garantir a viabilidade de Galiza como nación.

Sabémolo de hai tempo, case dende sempre: Este escenario non é precisamente o máis cómodo para ir contracorrente, para loitar contra o estabelecido e aceptado por gran parte da cidadanía e require fortaleza e convencementos sólidos e claros para enfrontármonos cada día ao establishment político, económico, social e mediático actual. Esixe de nós non deixármonos levar, senón actuar e alzar a voz a prol do que consideramos xusto e do que cremos noso. Sabémolo, non é o máis doado pero por iso fixemos a escolla de estar, de ser do BNG e non de ningunha outra organización subordinada aos ditados da globalización depredadora actual.

"Actualizar o discurso nacionalista e ampliar a base social", con todos os respectos non é só tarefa dos cargos institucionais locais, senón do conxunto da militancia e do espectro social do BNG, sexa cal sexa o seu posto ou función dentro ou fóra da organización. A día de hoxe hai sectores do BNG que propoñen claramente que se estabelezan mecanismos para que os alcaldes e alcaldesas participen na definición das política da fronte pero isto é, polo de agora, tan só un desiderátum, unha proposta que, no seu día, deberá contar co respaldo maioritario da organización para ter viabilidade. De momento é unha proposta que, como outras, non concorda co que moitas e moitos militantes pensamos e aos que non nos resulta críbel e leal esa forma de facer que o que realmente son propostas para debater entre todas e todos se queiran impoñer vía amplificación das mesmas nos medios de comunicación.

¿TEMOS TODAS E TODOS NO BNG AS MESMAS PRIORIDADES?: ELECCIÓNS XERAIS E ASEMBLEA NACIONAL.

Nesta nosa organización plural, polícroma e poliédrica parece que todas e todos concordamos -tamén, á vista do publicado, os alcaldes e alcaldesas- en que o BNG é unha ferramenta útil e imprescindíbel para este país. E, dende esta premisa, parece que todas as voces coinciden en que o primeiro na nosa orde de prioridades a curto prazo deben ser as eleccións xerais e a procura de que Galiza e o nacionalismo galego sigan estando representados en Madrid.

Pois ben, sendo logo esa a primeira e máis importante das tarefas a abordarmos non deixa de resultarme cando menos curioso que haxa compañeiras e compañeiros no BNG que sigan a teimar en continuar co proceso que nos debe levar ata a asamblea nacional e en que a celebración desta sexa antes das propias eleccións xerais de novembro. O seu argumento máis reiterado é que nos cómpre "ter referentes claros".

Con todos os respectos, si realmente o importante é o proxecto e non "as caras", ¿cómo casamos esas présas por "clarificarnos" co inxente traballo e a mobilización necesaria e vital da militancia, e da sociedade en xeral, para conseguir bos resultados electorais o 20-N?.

Partillo cos que, de dentro e de fóra, nos piden serenidade, unidade, discreción,... sentido común. Compréndoos, pero en moitas ocasións creo que as mensaxes contraditorias, os eternos eufemismos nunca suficientemente explicados ("abrirnos á sociedade, renovación do BNG, resintonización coa sociedade, traballar con innovación, facer un discurso actual, o BNG non entende o país no que está", etc.) e esa especie de trastorno bipolar agudo que padecemos son o que nos destrúen e o que, lamentabelmente, nos converte en vítimas principalmente dos nosos propios erros e das nosas propias actuacións e as súas consecuencias sobre nós mesmos. Con todos os respectos.