Con isto si, sen isto para que?
Deste xeito comezaba o documento que distribuímos os Comités nos tres campus que forman a Universidade de Vigo. Nel recolliamos unha serie de demandas mínimas que deberían asumir os dous candidatos a reitor para demostrar que realmente queren unha Universidade pública e galega.
Algunhas das medidas concretas que demandabamos eran: Unha residencia pública en Pontevedra, que primen os criterios económicos frente aos académicos, supresión do modelo presencial, revisión absoluta do mestrado de educación secundaria...
Tivemos a necesidade de publicar ese documento porque nos pre-programas dos dous candidatos a reitor que se definen como nacionalistas non recollían nada que garantise que ían ser distintos que un candidato do españolismo máis reaccionario.
Resulta paradóxico vermos a dous candidatos nacionalistas enfrontados pola reitoría da Universidade de Vigo. Ante unha situación así é complexo posicionarse dun lado ou doutro e máis cando todas e todos podemos ver nos seus blogs referencias a unha universidade pública e galega. No caso de Salustiano Mato vemos unha entrada na defensa dunha Universidade pública e galega, asumindo como propio, punto por punto o programa dos Comités. No caso de Jaime Cabeza podemos atopar referencia a "unha Universidade pública, democrática, galega e de calidade".
En canto á campaña, polo lado da equipa de Salustiano Mato estamos a ver unha serie de vídeos lamentábeis, comezando por un vídeo tremendamente sexista, cunha posta en escena dunha muller dicindo que cando lle falan de Salustiano só lle vén á cabeza a palabra "satisfacción" (Escena máis propria de "Sálvame Deluxe" que dunha candidatura minimamente seria). A ese vídeo séguenlle outros cada cal peor co anterior. Desta serie de vídeos bótanlles as culpas a un grupo de estudantes de publicidade, consentirllo sería problemático mais o peor é ver na prensa que os propios alumnos negan a súa implicación na campaña. Non sei que é máis triste, se a campaña en sí ou botarlles as culpas a un grupo de alumnos para non quedar mal unha vez ven a reacción da xente. Campañas que quitan votos é mellor non facelas.
Polo lado da equipa de Jaime Cabeza estamos a ver unha campaña totalmente destrutiva que se sustenta, basicamente, de criticar cada erro que ten o outro candidato e de descalificar sistematicamente cando ten ocasión. Se botamos a vista atrás (ás eleccións galegas concretamente) podemos ver que da campaña do PP á que está a levar a cabo este candidato non hai moita diferenza. E se inda por riba esta campaña é a dun candidato supostamente nacionalista que se apoia no PP para plantexar a súa alternativa, entón, esta candidatura perde toda a credibilidade pois dende logo e aínda que se queira disfrazar, non terá como obxetivo unha universidade máis pública e galega. Dende cando un nacionalista é capaz de levar na súa equipa de goberno a María José Bravo Bosch que foi quen dixo aquelo de "Cómo se van a enseñar las matemáticas en gallego, diciendo tres ao caldeiro?". Desde cando o PP e as súas mocidades no ensino (ELGA) defenden a un candidato nacionalista? Dende cando un nacionalista tería medo de defender ponto por ponto unhas demandas que garanten unha Universidade pública e galega e non se limitaría a unha serie de conceptos para poder interpretar libremente?
Eu non son ninguén para dicirlle a alguén se é ou non é nacionalista, pero sí que son nacionalista e teño a miña opinión como tal do que estou a ver. Estou a ver a dous nacionalistas facendo a súa campaña.
Un que escoita e asume "formalmente" as demandas das organizacións nacionalistas a pesares de que, seguramente, non saiba como encaixalas nese modelo tan "internacional" e "de excelencia" do "campus do mar" que asume a implantación do EEES sen crítica algunha e que busca finanzamento privado como sustento fundamental da Universidade.
Se o outro candidato é realmente nacionalista só podo facer unha interpretación do seu lema "+KBZA". Máis cabeza para que? Pois para facer unha lectura da equipa que o acompaña chea de xente do PP e galegófobos, máis cabeza para que a xente que está detrás da súa campaña non nos tome o pelo. En resumo, máis cabeza para NON Votalo, máis cabeza para Botalo.
O 20 de maio, nas eleccións a reitor teño claro a quen non votarei mais non podemos esquecer que ese mesmo día tamén hai eleccións a claustro e aquí si que non teño dúbida algunha de a quen votar. Eu votarei Comités e vouvos dicir por que. Porque os Comités son a única organización estudantil nacionalista do noso país, a única organización estudantil da Universidade de Vigo cun programa electoral propio que defende sen complexos unha Universidade pública, democrática, galega e de calidade, a organización estudantil que máis traballo fixo no claustro nos dous últimos anos chegando a acordos e conseguindo cousas para o estudantado e o modelo de Universidade que nós defendemos.
Por unha Universidade Publica, VOTA COMITÉS!!!