Compromiso nacionalista
Permítame o lector que desta volta a miña colaboración teña un marcado acento persoal, máis é o que me pide o corpo nestas circunstancias tan criticas para o nacionalismo na nosa patria. Dentro das frases feitas recorrentes sempre aparece a de que o nacionalismo se cura viaxando, ou saíndo de Galiza. Eu debo ser a excepción a este argumento xa que despois da miña infancia e adolescencia lucenses inmerso lingüisticamente na lingua de Castela, debida ao ensino imperante, a miña nai asturiana e ao meu pai que trocaba a súa lingua natural galega para falar aos seus fillos excepto para rifarmonos que entón saíalle de dentro o galego, tocou, dicía, saír de Galiza para estudar e foi precisamente fora onde adquirín, sen que ninguén me aleccionara, a miña actual ideoloxía. Retornei a Galiza e cambiei ao galego pasando un tempo moi duro, primeiro porque tardei un pouco en adquirir a soltura precisa e segundo polas chanzas dos coñecidos que rían do cambio e das miñas dificultades iniciais. Son moitos anos xa no nacionalismo, vou maior tamén, aínda que o carnet non o tiven até relativamente pouco, como xa dixen, e cada escisión ou saída desde Amio, doeme na alma.
A finais dos oitenta, xa na Coruña estiven no movemento veciñal, e nunha asociación histórica onde as haxa, e alí desembarquei na presidencia coa axuda da esquerda española. Daquela experiencia quedoume que de construción, liberación e compromiso nacional con aquela xente, nada de nada. Coñezo, polo meu traballo, moitísima máis xente do partido popular, no rural nomeadamente, coa cabeza posta no país. É por elo que as estratexias actuais de determinados excompañeiros de fundirse con eles non é que me dean moita preguiza lembrando aquelas loitas incansábeis mesmo por redactar os comunicados en galego entre outras moitas cousas, é que me produce un rexeitamento total. Non me vale o argumento do cabalo de Troia: entrar para cambiar o instrumento en outro ao servizo de Galiza pois instrumento xa temos un, aínda que teña que ser refundado. Unha cousa é chegar a acordos post electorais para poder desenvolver as políticas acaídas, impedindo ao tempo as políticas nefastas do partido popular e, outra ben distinta, mesturarse con eles nunha mesma organización. Por certo, cando antes comentaba o sentido de país de algunhas persoas do partido popular, evidenciaba a existencia no rural de nacionalistas, galeguistas ou como queiran chamarse, de dereitas na Galiza que militarían nunha organización deste tipo de asegurárselles cotas de poder que polo de agora só lles proporcionan os populares. Na mesma fronte até ben pouco houbo xente de dereitas. Vaia esta reflexión: en Catalunya esquerda e dereita nacionalistas xuntáronse para acadar a liberación nacional, mesmo como cando Franco todas as forzas políticas xuntáronse para acabar coa ditadura.
Quere isto dicir que o principal, que o fundamental é acadar a soberanía, a liberación nacional xunto con quen senta Galiza no corazón. Primeiro nacionalistas, primeiro Galiza e isto nunca o imos atopar en grupos políticos con centros de decisión en Madrid. Logo de esquerdas, nunca imos renunciar a ser de esquerdas, temos uns únicos principios, non uns principios de “o que queira a xente”. Loitamos polo que creemos correcto e si con iso non recibimos o apoio electoral correspondente o que hai que facer é poñer todo da nosa man para convencer para explicar todo no que pensamos. Se queremos estar nunha opción política apoiada polos medios, con recursos económicos procedentes do capital que reclama algo a cambio, pois é tan doado como afiliarmonos ao partido popular.
Eu desexaría outro escenario, un como o do Euskadi ou Catalunya, pero en Galiza temos o que temos. Primeiro hai que estar unidos, a minoría nacionalista ten que estar unida como o primeiro chanzo para poder deixar de ser minoría. A división favorece ao partido popular que parece estar ganando a batalla. Da moito que pensar esa irrupción da “nova política” que se está a revelar como a máis rancia das posibles e có único resultado de que o partido popular gana, supera as expectativas e mesmo é inmune aos múltiples casos de corrupción nos que está implicado, tantos como que incluso o propio partido está imputado. Coas cartas marcadas, con campañas e estratexias subvencionadas por diñeiro manchado pola corrupción seguen e seguirán estando aí. Os lobbies os protexen e promoven. É doado darse por vencido, irse para casa ou apuntarse a unha opción aparentemente gañadora que mesmo te pode dar un poder institucional ilusorio e momentáneo no que terás de desenvolver políticas non acordes co que pensas.
Galiza no corazón, Galiza no pensamento, Galiza no sentimento: “Galicia é unha nai velliña, soñadora: na voz da gaita rise, na voz da gaita chora! Galicia é o que vemos: a terra, o mar, o vento… Pero hai outra Galicia que vai no sentimento! Galicia somos nós: a xente e mais a fala. Se buscas a Galicia en ti tes que atopala!".
Se estás perdido nalgún momento só tes que pensar que faría Manuel María. A que non tes ningunha dúbida?
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.