Compañeir@s... Somos nacionalistas!

Compañeir@s... Somos nacionalistas!

Nestes últimos días todos andamos (ou deberíamos) andar liados coa campaña das municipais, supoño que todos estaremos esgotados (o que nos queda) mais tamén é tempo de facer algunha reflexión.

Ultimamente preocupa a desmobilización política e a falla de ilusión (entendo que moita xente leva moitas campañas e que algúns levamos menos) aínda que é xusto recoñecer que despois da convención electoral saímos todos un pouco máis animados e con ganas de facer cousas.

Nós, non podía ser doutro xeito, falamos da importancia da memoria, e neste caso eu atreveríame a dicir o importante que é ter memoria organizativa. Lembrar o que fomos ou mellor dito o que somos. Entendo o controvertido do tema, polo momento que atravesamos a nivel interno, mais é necesario que sexa a propia organización a que tome as rendas do que pasa.

Ultimamente os tempos semellan estar revoltos, para min levar militando 5 anos é pouco. Para outra xente levar un ano é tempo suficiente para estar "queimado" eu, obviamente non me vou meter nas circunstancias individuais pero si nas colectivas. É fundamental lembrar que nos concellos as nosas listas son ás únicas que, baixo as siglas BNG, representan ao o único partido nacionalista da Galiza.

Estar nunha organización implica asumir compromisos colectivos que debemos aceptar tendo en conta a realidade de cada localidade. Debemos asumir que o traballo debe respectar unhas regras de xogo acordadas. Nunca debemos renunciar ao que somos, estou de acordo en que podemos permitirnos estratexias de xogo porque, ao final, podemos trasladar as campañas a un taboleiro de xogo, pero sempre tendo en conta que ao final o obxectivo final debe estar presente sempre na partida. Nós gañaremos se o nacionalismo ten a máxima representación nos concellos, e deste xeito o proxecto nacional galego irá pouco a pouco tomando espazo, sendo o Bloque (como partido político) un dos instrumentos ao servizo dunha nova Galiza liberada.

Gustaríame resaltar o feito da utilidade dunha organización política para este fin, xa que nalgúns casos sempre se fala da corruptela dos partidos (son todos iguais) e esquecemos, que tamén se nós (os militantes) queremos, os partidos son representación dos intereses nacionais do pobo.

De aí a importancia de volver a recuperar a ilusión e o orgullo de militar no BNG, somos o único partido que defende a lingua, a historia, a memoria, os nosos sectores produtivos... somos os que defendemos outro modelo de xestión nos concellos: participativa, democrática e con responsabilidade de país.

Ser capaces de asumir isto nestas eleccións, implica pechar o puño esquerdo e dar un golpe na mesa, para posicionarnos diante de todos os veciños.

Pero para facer chegar o BNG é necesario asumir a diferenza do país e buscar vías para chegar aos veciños. Unha das especificidades nas que debemos pensar é que hai concellos nos que aínda non temos representación como é o caso do meu. Na convención electoral coñecín a compañeiros na mesma circunstancia. Para eles, o meu apoio, e se desta non vai, vai para a próxima seguro, ou polo menos seguiremos traballando para iso. É gracioso hoxe saíu na prensa que o número dous da nosa candidatura aceptou despois de visitalo máis de 20 veces nun mes, a nós faltounos engadir: e vinte máis se fixeran falta. Ao mellor desta volta volvemos a quedar sen representación pero polo menos si podemos dicir que non quedou ningunha casa sen visitar.

Con todo nada máis que moito ánimo compañeir@s.... Porque somos o BNG!